un menú do día entre un mar de viñas

Casa Mar de viñas defínese como tapería. Nós fomos ao menú do día e saímos moi satisfeitos da cociña. Local grande, terraza con vistas, persoal extremadamente amable e prezo baixo.

Mar de Viñas 12

O nome fai xustiza ás vistas: un auténtico mar de viñas no corazón do Salnés, en Muíños Novos (Barrantes).
Nesta ocasión foi Luis quen se chivou e nos puxo na pista.
O local é grande, con varios espazos diferentes, entre os que destaca a terraza posterior, dona da vista que tendes arriba.
As dúas rapazas que atenden o servizo son dilixentes, amables e moi próximas.
A carta, como empeza a ser habitual, pode consultarse a través de código QR.
É ampla, variada, e vai moito máis alá dunha simple tapería.
Comeza cos Pratos para compartir: desde Polbo á brasa ou á feira (12/13€) ata Luras á romana ou á prancha (9€), pasando pola imprescindible Tortilla (8€), os Ovos rotos con xamón (ou chourizo) e patacas (7€), as gambas (10€), as zamburiñas (12€) ou un par de ensaladas.
Os Pratos principais: Xamón asado (8€), Richada (10€), Pincho moruno (4€), Entrecosto de boi (14€), Carne á pedra (10€), Secreto con ali-oli (13€), Churrasco de porco (9€) ou de tenreira (10€), Parrillada, cordeiro, bacallau á brasa e á galega, etc.

Mar de Viñas 02

Curioso o mantel reciclable, de papel, con algúns dos máis auténticos ditos e refráns galegos (Malo será…, Non vai ser o demo, A cabra sempre tira ao monte, Outra vaca máis no millo ou Vai ó carallo!…).

Mar de Viñas 10

O menú, como vedes, consta de entrante (a elixir entre catro), prato principal (tres opcións), bebida, sobremesa e café, todo por 10€ persoa.

Mar de Viñas 04Mar de Viñas 05

Comezamos co salpicón de pescada e o arroz con carne. O salpicón está moi rico e o arroz, como era de esperar, é o máis frouxo da comida; ben de sustancia pero un pouco fóra de punto (o normal nun menú do día).

Mar de Viñas 06Mar de Viñas 07

Seguimos coas sardiñas guisadas (tirando a xoubas, tamaño moi apetecible) e o churrasco de porco. En ambos casos, moi ben. En especial o guiso de sardiñas, abundante e moi saboroso. O churrasco (feito no lume) está no seu punto e vén cun bo puño de patacas, ensalada e medio chourizo crioulo; un moi bo prato.

Mar de Viñas 08Mar de Viñas 09

Entre as numerosas ofertas de sobremesa optamos pola Torta de avoa e polo Flan de café, dous doces caseiros que están a cada cal mellor.
Bebemos unha caña e un viño mencía da casa e o correspondente café.

En breve teremos que probar a carta.
Dáme que vai estar moi ben, que se vai converter nun imprescindible para as merendas desas mornas tardiñas de verán.
Mar de viñas é un local honesto. Non engana a ninguén. É o que é e non pretende ser outra cousa. Non vaias buscando manteis de liño, camareiros de gravata ou coitelos de prata. Non. É unha tapería (diría que algo máis que unha tapería) con cociña tradicional (polo visto hoxe, máis que decente) e prezos moi asumibles.
Fóra as distancias de seguridade, hoxe, mércores de setembro ao mediodía, estaba a tope. Ao tratarse dun local grande quere dicir que estabamos a comer un bo puño de xente. Ou sexa, e como di o refrán, cando o río soa…

DenantesMortosQueEscravos

Despois de comer, fantástico paseo por Pedras Negras para facer a dixestión.
Nun curruncho atopei esta imaxe; pedía a berros unha leve manipulación en photoshop. Moi leve. Nada que non estivese na foto orixinal.
Denantes mortos que escravos, tituleina.
Un pouco heavy.
Así que para compensar, aí vai outra, algo máis suave.

2020-08-12-Xufre 10
2020-08-12-Xufre 10

Mar de viñas
Muíños Novos 6
36636, Barrantes, Ribadumia
986 689 905
GPS: 42.944131N  8.778034O
Facebook
Cociña: tradicional, tapería
Prezo: menú do día 10€
Peche: luns