un comedor con vistas

A Casa das Velhas, nos arredores de Vila Nova da Cerveira, é un restaurante de boa cociña tradicional miñota, con tres espazos moi agradables, prezos medios e unhas vistas espectaculares.

Restaurante Casa das Velhas 01

‘A Signora non ten dereito a facer isto —dixo a señorita Bartlett—, ningún dereito. Prometeunos cuartos ao sur cunha panorámica conxunta; no seu lugar, aquí temos cuartos ao lado norte e dan a un patio, e ben afastados. Oh, Lucy! ‘
Así comeza a deliciosa novela Un cuarto con vistas, de E.M. Forster, que se fixo famosa grazas á espléndida adaptación cinematográfica de James Ivory e que hoxe me tomo a liberdade de parafrasear para o título desta entrada.

Vistas desde Casa das Velhas 2

Porque un dos grandes valores desta Casa das Velhas son, precisamente, as súas vistas.
Hoxe, por un feliz erro de alguén, xa que polo visto non nos correspondía, puidemos comer nunha mesa do comedor que dá ao río Miño e non no interior. Claro que tivo que haber uns perxudicados, pero nós non tivemos nada que ver no asunto. Sentamos onde nos mandaron.
Se coñecedes, as vistas, máis ou menos, son as mesmas que podes ver desde o mirador do cervo, ou tamén nalgún punto da subida a Boega: o río, as ínsulas, coa máis grande –Boega– acaparando o plano, máis Minho, a silueta maxestosa do Tegra ao fondo, árbores, ceo, o mundo enteiro aos teus pés.
Este comedor, todo cristaleira, é pequeno, apenas tres mesas, a barra, e o paso ao comedor interior; este é moito máis bonito, moito mellor decorado nun estilo rustico requintado pero con luxo contido, bastante máis cálido, coa súa estufa de leña a arder e a suavizar as inclemencias dun día de cans coma o de hoxe… Pero non ten vistas!
Para o verán, unha apetecible terraza –para comer, pero tamén para unha cervexa ou un café– na que ti es dona de todo un mundo condensado na paisaxe.

Restaurante Casa das Velhas 02

A carta é ampla, de propostas rexionais (e algún exceso foráneo nas entradas) na que destacan as diversas preparacións do bacallau (‘peixe apelidado de ‘fiel amigo’ faz parte do património gastronómico da nosa região’).
Ademais da ‘tapenade’ de atum, a manteiga e as azeitonas de rigor, atopamos unha boa proposta de entrantes: Gambas à prancha (20€), Salpicão de marisco (15€), Carpaccio de salmão (15), Chouriça assada (7,5€), Sopa de legumes ou Caldo verde (3€)…; algunhas ensaladas (de atum 12€, mista 8€, Grega 12€…).
Todos os bacallaus son de Islandia con cura portuguesa e algunhas das preparacións destacadas son o Bacalhau das Mineirinhas (frito em azeite com cebolada portuguesa coberto com maionese, gratinado no forno e acompanhado de batata frita às rodelas, 18€), Bacalhau das Velhas (posta inteira da Islândia cura portuguesa, vai no forno em assadeira de barro com camada de cebola, alho e tomate, lardeado de batatinhas, broa frita e legumes salteados, 36€ para dúas persoas), os clásicos assado na brasa ou com broa (18€).
Ademais o Polvo à Lagareiro (22€) e o Arroz de marisco (45€ para dúas pessoas).
No referido a carnes, o Chuleton de boi (55€ para 2 pessoas), os Secetos de porco ibérico (18€), a Posta da Barrosã (36€ para dúas persoas) ou o Naco de boi (36€ para 2 pessoas).

Restaurante Casa das Velhas 08 Restaurante Casa das Velhas 10

Comezamos pola fonte de crema de atún, manteiga salgada e olivas, e uns execepcionais boliños de bacallau; os bolinhos convertéronse nun dos momentos álxidos da comida.

Restaurante Casa das Velhas 19 Restaurante Casa das Velhas 21

Eu tiro polo Cabrito à Serra D’Arga: cabrito de leite (entre 4 e 5 kg.) asado no forno en assadeira de barro, acompañado de patatiñas, legumes salteadas e arroz seco. Moi ben. Tanto o cabrito coma os acompañamentos. Bastante forte, saboroso, especiado, tipicamente de cociña de montaña para combater o frío.

Restaurante Casa das Velhas 13 Restaurante Casa das Velhas 15

O bcallau das Mineirinhas (para un) e o das Velhas (para catro).
Probei os dous e bastante mellor o primeiro; con maionesa e a cebola cun chisco de vinagre que cortaba perfectamente o sal natural do bacallau; as patacas fritas, caseiras, moi ben traballadas. O bacallau das Velhas, dúas postas enormes, pareceume OK, ben sen máis (claro que me tocou probar a parte ruín da posta, a delgada da punta, máis seca e menos saborosa).

Restaurante Casa das Velhas 22Restaurante Casa das Velhas 24Restaurante Casa das Velhas 26

Boa selección (e preparación, e presentación!) de sobremesas. O Tiramisu (4.5€), Leite creme (4.5€), Maça assada (4.5€), Queijo da Serra com nozes mel ou marmelada (5.5€)… Nós conformámonos, por orde das fotos, coa Delícia das Velhas (natas com queijo creme, bolacha triturada e compota da casa), Crumble de maça com bola de gelado de baunilha e Mousse de chocolate.

Vistas desde Casa das Velhas 3

Eramos seis e, ademais das augas, bebimos unha botella de Muralhas e outra de Douro tinto Vallado. Con cafés, pagamos 30€ por cabeza. Non está mal. Bastante acorde coa experiencia global; non se trata dunha das ‘tascas’ ás que adoitamos ir ultimamente, pero tampouco se sae, nin moito menos, de tono.

Esta Casa das Velhas é un local recomendable. Ten pratos máis logrados e outros que simplemente están ‘bos’, pero en xeral ben. Se engadimos o trato amable, a decoración e o ambiente, un prezo que non se dispara e, sobre todo as vistas, é un restaurante que paga a pena coñecer.

Casa das Velhas
Quinta das Mineirinhas
Rua das Mineirinhas
4920-217 Areal (Vila Nova de Cerveira)
(351) 251 70 84 82
Facebook
GPS:
Cociña: tadicional portuguesa
Prezo: 30€


Translate »