un cocido maragato en casa coscolo

18 de novembro de 2018. Volvemos a Casa Coscolo. Estamos de excursión gastronómica (os de Arousa) e despois da enchenta de setas de onte no Empalme, toca un cocido maragato.

Casa Coscolo 01

Todo segue igual, así que reproduzo a entrada que fixera alá por agosto de 2011. Cambios? Pois si. Notei o cocido algo máis ‘mecanizado’, como feito en serie, sen aquela autenticidade de hai sete anos. Está bo, moi bo, pero…
O prezo pasou de 16.5 a 19.5€.
(Son ata tres persoas da Maragatería ás que pedimos consello e as tres coinciden en mandarnos a Mesón Casa Lucinio, en Santiago Millas; haberá que probalo noutra ocasión).

Casa Coscolo 03 2

“Esta era a terceira ocasión que visitabamos Castrillo de los Polvazares.
Nas anteriores, polo si ou polo non, desistimos da idea de comer o cocido.
Hoxe planificamos toda a xornada para que nada se nos torza e así cumprir, por fin, coa obriga culinaria de comer un cocido maragato en Castrillo de los Polvazares.

Casa Coscolo 26 2

Estamos a domingo, 24 de xullo, e Castrillo está ata a bandeira.
Moito turista pero tamén xentes de aquí, moitos deles chegados para celebrar o día de Santiago.

Non temos reserva e, visto o que hai polas rúas, o tempo bótase enriba.
Decidimos levar na cabeza algúns dos restaurantes recomendados polas guías (Cuca La Vaina, Juan Andrés, La Magdalena…) e entrar no primeiro que nos dea de comer. A busca remata no primeiro que atopamos: Restaurante Casa Coscolo, co compromiso de rematar antes das 3.30, hora para a que está reservada esta mesa.

Restaurante de casa rural co mesmo nome.
Decoración tradicional sen grandes alardes pero coidada e efectiva, en consonancia con todo Castrillo. Exposición de diplomas e méritos. Varios comedores.
Séntannos a carón dunha ventá, unha das mellores mesas do comedor á esquerda.

Casa Coscolo 05

Carta rexional; pero, ata onde nos chegan os ollos e o olfacto, todos estamos aquí ao mesmo: ao cocido maragato. Oferta limitada de viños con preferencia para viños novos da zona, entendendo por zona ata o Bierzo. Pedimos o único que nos ofrecen en botella pequena, un Puerta Vieja crianza (Rioja).

Casa Coscolo 15

O cocido, servido nesta mesma orde, ou sexa ‘ao revés’, consta de sete carnes, berza con garbanzos, e sopa. A base das carnes é o porco (lacón, morro, touciño, costela adubada, chourizo, pata), algo de tenreira e o bolo.

Casa Coscolo 10

Por algún estraño motivo tráennos carnes, verdura e garbanzos xuntos (xuntos mais non revoltos). Mellor. Respectando os sabores queda máis cerca do noso
Coincidimos en que está fantástico. Cada un temos as nosas preferencias nas carnes e complementámonos á perfección.

Casa Coscolo 16 2

A verdura e os garbanzos, de morte, coa grasiña e o sabor ben apegados. Polo meu avó, que era de Zamora, na miña casa botamos garbanzos ao cocido galego; nunca lles tiven demasiada afección, pero hoxe repito un par de veces.

Casa Coscolo 30 2

Pois se o cocido está bo, espera pola sopa…
En efecto. Vese ben de onde procede a sopa. Vai directamente a vena, pero hoxe, co permiso do meu colesterol, tomo dous pratos (pratiños).

E, xa que estamos, a sobremesa será a que marca o protocolo: as inevitables natillas.
Con mantecada polo medio e canela por riba, dan comprida resposta á súa merecida sona. Resultan deliciosas.
Tomo un café de pota e pagamos 45 €.
Coincidimos en que o prezo está moi ben. Cada cocido, 16,50€; logo, queimando un pouco de graxas de paseo polo pobo descobrimos que, euro arriba, euro abaixo é prezo case oficial.
Comida moi completa, moi satisfactoria. Recomendable. Para volver.

Casa Coscolo
Pedro Francisco Castillo
La Magdalena 1
Castrillo de los Polvazares
24718 León
987 691 984 /  619 280 540
Web
GPS: 42.464528N,  6.127778O
Cociña: caseira, maragata
Prezo: 30€
Peche: todas as noites
Recomendado por Guía Repsol
Guía Michelín
Nº 1 en Castrillo de los Polvazares TripAdvisor

Etiquetado en: , ,

Translate »