un clásico entre os clásicos

Fundada en 1898, Casa Ramallo, Rois (A Coruña), é un dos poucos restaurantes centenarios galegos (o único?) que pode presumir de seguir ao pé do canón nas principais guías gastronómicas.

Casa Ramallo 00

Decorado nun estilo rústico con toques burgueses, sólido, sen excesos, o comedor resulta agradable; está actualizado, nun estado perfecto, con ese aire de solera que só dá o aval dunha historia irreprochable, un aire que, por momentos, respira certa dose de caducidade.
O sevizo é correcto, vai ao que vai sen grandes espaventos.
A carta é relativamente curta, fiel a eses pratos que levan servindo durante cento vinte anos e que alzaron a Ramallo a ser quen é no panorama gastronómico galego. Un marisco de calidade para empezar, pratos de tempada (a lamprea e a caza), e unha ducia de delicatesen do recetario tradicional galego.
Hoxe, entre os mariscos, unhas cigalas (a 70€ o kg), nécoras (9€ a unidade), os camaróns (90€ o kg) ou os berberechos (25€ o quilogramo). As entradas pasan polas empanadas, a 6€ ración, polos mexillóns en escabeche, a 7.5€, ou os pementos de Herbón, 9€ o cento. Peixes: Fideos con ameixas (14€), cazola de peixes (18€), pescada (18€) ou linguado (30€). Carnes: as clásicas albóndigas (12.5€), o rabo estufado (16€) ou a costela ao forno (12.5€). Sen ser ningún desarrollo, carta de viños suficiente.

Casa Ramallo 05 Casa Ramallo 07

Casa Ramallo 08 Casa Ramallo 10

Somos seis e comezamos con tres racións de empanada, unha de cada unha das tres do día: de peixe, de xoubas e de cocido. As doses son bastante máis que xenerosas, dan, con folgura, para que todos probemos e poidamos emitir unha opinión con coñecemento de causa.
Recoñécese unha mesma man no amasado, pero as tres resultan radicalmente diferentes; a de peixe, suave, delicada, a de xoubas, saborosa, exquisita, clásica, a de cocido máis rompedora, forte, contundente. Como non podía ser menos, división de opinións; o meu podio, por esta orde, para a de cocido, a de xoubas e a de peixe.

Pasamos aos pratos principais:

Casa Ramallo 20
Xoubas guisadas

Casa Ramallo 23
Bonito en salsa de améndoas e pasas

Casa Ramallo 24
Lombo con mazás e castañas

Casa Ramallo 30
Xarrete en salsa

O meu xarrete estaba ‘ben’, sen máis, coa xa familiar valoración de OK. Ademais de chegar un pouco frío, resulta un chisco plano, correcto pero en ningún momento chega a golpear con nitidez o padal.
O prato que recibe máis loubanzas, sen dúbida, son as xoubiñas; no seu punto, frescas, saborosas, ben organizadas coas súas pataquiñas, o pemento, o tomate…
Non nos poñemos de acordo co lombo; para min tamén queda nun terreo neutral, ‘ben… pero…’. Hai quen lle dá un notable alto.
Unanimidade en que o prato máis frouxo foi o bonito.
Pola nosa parte, o mea culpa de non ter ido aos clásicos que deron sona a Ramallo (as albóndigas, o fideo con ameixas, a pescada á galega…).

Casa Ramallo 31 Casa Ramallo 33

As sobremesas, todas a 4.5€, son variadas e seductoras: torta de améndoas, de queixo, de iogurt, de mousse de chocolate…, queixo con marmelo, xeado de froitas, touciño de ceo… Dividímonos entre os que nos dedicimos pola Milfollas e os que tiran pola Torta de galletas. Os doces, os dous, sen establecer diferenzas entre eles, volven recuperar o alto nivel dos entrantes e poñen un broche brillante á comida.

Cos cafés, augas e dúas botellas de Guitián, pagamos aínda non os trinta euros por persoa.

Globalmente diría que Casa Ramallo segue a ser un restaurante recomendable.
A cociña, con pequenas sombras pero aínda bastantes luces, podemos valorala como correcta; hoxe hai en Galicia un bo puño de restaurantes que igualan ou mesmo melloran a proposta culinaria de Ramallo no seu espectro de cociña tradicional galega. Pero xa son moitos menos, se é que existe algún, que poidan presumir da súa historia e traxectoria, e isto, nos tempos que corren, é un valor engadido ao que eu, persoalmente, outórgolle moito peso.
E, xa para rematar, e con todas as matizacións anteriores, o prezo pareceume moi axustado, un factor máis para recomendar unha visita á máis que centenaria Casa Ramallo en Rois.

Casa Ramallo
AC-299 (Padrón-Noia), Rois
15911 Padrón (A Coruña)
981 80 41 80
Facebook
GPS: 42.758990N  8.684920O
Cociña: Tradicional galega
Peche: Luns. Só abre ao mediodía
Prezo: 35€
Guía Repsol
Guía Michelín


Translate »