o arroz de cunchas do triskel

O cambio de xestión e a ampliación deron ao restaurante Triskel, na Arousa, un novo pulo e a recuperación das sensacións perdidas. Local agradable, cociña destacable e prezo moi equilibrado.

CamScanner 05-19-2021 09.35

Estivemos no Triskel hai cousa de sete ou oito anos e, a pesar de que tampouco foi un desastre rotundo, non me pareceu co nivel necesario para dedicarlle unha entrada. Basicamente, nas contras estaban o local, escuro e pouco acolledor, e sobre todo a inconstancia na cociña, que podía xogarche unha mala pasada. Tampouco era precisamente barato.
Nos últimos tempos foron moitas as referencias que animaban a darlle unha segunda oportunidade; unha e outra vez asomaba por aí a referencia ao seu ‘arroz de cunchas’.

Daquela, e aproveitando a visita de Pepe e Merce, alá nos fomos nun domingo de maio a cabalo entre escalada, desescalada, nova normalidade, vacinas e caos absoluto.
O primeiro que cómpre destacar é que reservamos tres días antes; de non telo feito, quedariamos sen comer: cheo absoluto na medida en que o permitían o aforo das circunstancias.
O novo local é moito máis atractivo que o clásico. A ampliación non só permite un novo comedor infinitamente máis acolledor que o vello, senón que este, grazas á redecoración e a nova luminosidade, gaña moitos enteiros.

PXL_20210516_162857594

Comemos no novo. Sinxelo, mobiliario clásico pero decoración actual, sen estridencias e, sobre todo, moi, moi luminoso. Moita pedra e madeira. Vistas ao Regueiro. Pequena, pero acolledora terraza interior.
Gustoume o servizo; acorde coas pretensións do local, resultando próximo, servizal, amable, e falangueiro na xusta medida.

Restaurante O Triskel 8    Restaurante O Triskel 9

Somos catro e comezamos compartindo dous entrantes: as luriñas en fariña e o carpaccio de polbo.
As luras, perfectas. Non é fácil. Bo produto, enfariñado xusto, aceite limpo e de calidade, temperatura do aceite, tempo de fritura…; cando todos os factores se conxugan a favor, o resultado é un bocado exquisito, difícil de igualar, e que a min me transporta aos anos mozos e aos bocatas de calmares do Piri.
O carpaccio, servido cunha xenerosa ensalada, está bo, ao máis puro estilo italiano: ben cocido o polbo, cortado en laxas finísimas, aderezado cunha vinagreta con leve toque de limón.
A ensalada, variada, tamén está moi boa; destacaría o punto de riqueza que aportan os piñóns.
A conxunción de carpaccio e ensalada non me pareceu tan afortunada; a forza da ensalada rouba protagonismo á delicadeza do polbo; moitísimo mellor por separado que en conxunto.

Restaurante O Triskel 10   Restaurante O Triskel 11

Decidimos compartir dúas de fideo e dúas de arroz, comezando polos fideos.
Están moi frescos os fideos con ameixas de A Curva e a comparación resulta inevitable. Describíaos como excepcionais, como un prato especialmente recomendable.
Malia ser dúas preparacións radicalmente diferentes, todo o escrito para os fideos da Curva é aplicable cen por cen a estes do Triskel.
Se o primeiro levaba, unicamente, unha boa dose de ameixas, este estaba enriquecido con navallas, ameixas, zamburiñas e talladas de lagostino, ata completar unha cantidade tan xenerosa como a de ameixas na Curva.
Os fideos da Curva eran grosos, diría que do 4; os do Triskel, moi finos, case cabelo, diría que un 1 ou mesmo 0.
Os da Curva, caldosos, os do Triskel secos, ou, máis que secos, melosos; toda a feitura dun lixeiro pase por forno.
Se na Curva dominaban as ameixas, hoxe, no sabor, o que está moi presente é un caldo de luras exquisito.
Pero, por riba de todo, está a coincidencia: ambos son dous pratos brutais, merecedores dun desprazamento case en exclusiva.

Restaurante O Triskel 13   Restaurante O Triskel 12

Pola contra, e despois dos fideos, o famoso arroz de cunchas resultoume un chisco decepcionante.
Se vos fixades nas fotos das paelleiras (por certo, adiántome aos puristas e a todos eses que sempre están ao tanto para tentar sacarche as cores á mínima, puntualizando que tanto o dicionario da RAG como o da RAE inclúen paelleira e paella para referirse ao recipiente redondo, de pouco fondo e con dúas asas, propio para facer a paella); dicía que as paellas semellan o mesmo prato. E é que, efectivamente, son exactamente o mesmo preparado, un con fideo e o outro con arroz.
Deste xeito, pedir os dous foi un erro importante pois acaba sendo máis do mesmo, e unha vez degustados os fideos, o arroz pouco podía aportar. Por outra banda, cando me falan de arroz de cunchas, eu penso noutra cousa (ameixas, croques, chirlas…)
Para ser franco, e a pesar das medallas, decántome indiscutiblemente polo fideo.
Despois do fideo, o arroz era evitable.

Restaurante O Triskel 14 Restaurante O Triskel 15 Restaurante O Triskel 16

As sobremesas completan con moita decencia o nivel da comida. A tarta de limón, os xeados, a tarta de chocolate (á que engadín unha bóla de xeado de limón).

Restaurante O Triskel 5 - copia   Restaurante O Triskel 17 - copia

Bebemos auga, cervexa sen alcol e unha botella de Crego e Monaguillo Godello. Cos cafés, pagamos 34€ por cabeza. Non é barato, pero tampouco está mal. Valoramos a cantidade e variedade de ingredientes do arroz e o fideo, non poden ser pratos baratos.

Se ben a oferta na Illa de Arousa crece cada día, son moitos os locais (diría que todos) cunha oferta demasiado homoxénea.
Dentro desta oferta, o actual Triskel ocupa un lugar destacable.
Sorpréndeme ver que no listado actual de mellores restaurantes na Illa de Arousa segundo TripAdvisor, ocupa un destacadísimo segundo lugar (só por detrás de O Tuno, e seguido, por esta orde, de El Chozo, A Meca e o López).
Teño na cabeza unha actualización, pero aquí deixo o enlace ás miñas preferencias na Arousa alá por 2010: Comer na Illa de Arousa

Restaurante O Triskel
Rúa Sor Aurora Estévez 1
36636, A Illa de Arousa (Pontevedra)
986 527 033 /  685 891 915
GPS: 42.561877N, 8.869716O
Facebook
Cociña: Tradicional
Prezo: 20-45€
Número 2 de TripAdvisor na Arousa