umas sardinhas assadas en matosinhos

Porto e São João. São Joãninho são sardinhas assadas. Matosinhos e a peixaria do Porto. Que mellor que un clásico de Matosinhos (Petisqueira do Godinho) para comer unhas boas sardiñas?

Petisqueira do Godinho 02

Unha vez máis, e xa é a terceria en Matosinhos, e as anteriores con éxito demostrado (Salta o muro, onde o peixe é rei, e Unhas xoubas en Míster Couto) botamos man do libro Tascas e Petiscos (Expresso, 2017).
Unha vez alí, a opción viña dada: a Petisqueira do Godinho (O Sr. João dá-lhe as boas-vindas com uma taça de vinho à pressão. Daí passe para umas pataniscas de bacalhau –0.95€–, um pratinho de tripas ou de entrecosto  –0.95€–).

Luns. Mediados de agosto. Día destemplado e poallento.
Ambiente desolador.
O maldito covid-16 segue emperrenchado en amolarnos a vida.
O espazo, moi pequeno, apenas seis mesas útiles, está completamente baleiro. O patrón di que hoxe todo Matosinhos debía estar cheo a rebentar, pero…
É o que sacamos en limpo: gozar en exclusiva do acollemento, da amabilidade e fácil conversa do Sr. João.
O local ten todas as características para ser definido como tasca.
Unha tasca moi agradábel, sen luxos de ningún tipo, decoración comedida, estado inmaculado, destila toda a esencia do típico, azulexos nas paredes ata media altura, cadros anacrónicos, reseñas de prensa do local… Algún toque de clase, por exemplo, nesa vaixela completa de Vista Alegre.
O marco perfecto para unha comida perfecta.

Petisqueira do Godinho 12

A carta, e ademais da presenza algo máis que testemuñal de media ducia de carnes, percorre todo o abano da cociña mariñeira.
Están as entradas: sopa de legumes (1.60€), pratiño de tripas (2.74€) ou as pataniscas (0.95€ unidade).
Tamén un par de mariscos: Camarón da costa 44€ quilogramo, ou o camarón tigre grellado (59€ quilogramo).
Os arroces: de marisco ou de tamboril con gambas (os dous a 12.50 ou 19.50€ segundo se trate de media ou dose completa).
Os pratos especiais como a Açorda de marisco (12.5/19.5€), a Caldeirada á pescador (14.50€ para dúas persoas), a Massada de tamboril con gambas (12.5/19.5€), a Feijoada de marisco (12.5/19.5€), os Lombiños de pescada con molho de marisco (9.95/18.5€), os Filetes de pescada con arroz malandro (7.95€/12.50€), a Espetada de lulas con camarón, a pescada ou o bacalhau cocido com todos, o robalo asado no forno ou á sal…
E, como non podía ser menos, unha boa oferta de produtos directamente do mar á brasa: o robalo (26.50€ o quilogramo), a dourada (24.50€), as lulas (7.95€), a douradinha (6.50€), o robalinho, ou o bacalhau.

Petisqueira do Godinho 05   Petisqueira do Godinho 06

Comezamos co pratiño de polbo en vinagreta que nos trae o xefe, e tres pataniscas de bacalhau. O polbo, ben, rico, cunha vinagreta forte pero equilibrada, quizá un pouco frío de máis. As pataniscas, sensacionais. Acabadas de fritir, esponxosas, coa cantidade xusta de bacallau, perfectamente escorridas… Unha delicia.

Petisqueira do Godinho 10  Petisqueira do Godinho 11

E logo, claro, ao que viñamos: as sardiñas asadas.
A ración é de catro por cabeza e veñen acompañadas de pemento verde ao forno e as patacas cocidas; ao lado, o bo aceite virxe do Douro para regalo todo e un pouco de pan de millo. Xa non estamos no seu momento óptimo, pero aínda así, as sardiñas mollan ben no pan, están ben asadiñas, ricas. Os acompañamentos, perfectos.

Petisqueira do Godinho 13  Petisqueira do Godinho 16

Para a sobremesa, o Sr. João ofrécenos dúas das especialidades da casa: o Creme queimado e o Bolo de bolacha. Ademais, froitas variads, pudim Abade de Priscos (3.20), Mousse de chocolate (2.50€), etc…
A crema, aínda morniña, co caramelo ben queimado por riba, está boísima. Pero a torta de galleta xoga nunha liga diferente ao resto da comida (exceptuando, quizá, as pataniscas, que tamén son superiores). Sábese que é un doce que adoitamos pedir sempre que o atopamos e este está entre os tres mellores que nunca probamos; o éxito, quizá, nos anaquiños mínimos de améndoa polo medio e un lixeiro toque de café ao embeber as galletas. Fantástico.

Bebemos auga, unha botella pequena de tinto douro (Castello D’Alba) moi decente para a ocasión, e tomo café. Pagamos algo menos dos 16€ por cabeza.
Para os amantes do Portugal auténtico e do peixe, antóllaseme unha visita imprescindíbel á par que económica.

FlorbelaEspanca

O de Godinho, é pola rúa en que está a petisqueira. Xusto na embocadura do porto, entre as rúas Heróis de França e Serpa Pinto.
Un dos recortes da parede ten dúas fotos: a imaxe exterior da casa, e un retrato de Florbela Espanca; no medio, un pequeno texto: Casa da R. do Godinho nº 146, em Matosinhos, para onde Florbela e António Guimarães se mudaram quando foran obrigados a abandonar o Castelo da Foz por não serem oficialmente casados.
A Petisqueira, segundo nos informa o Sr. João, ocupa a casa en que viviu durante un tempo Florbela Espanca (Vila Viçosa, 1894 – Matosinhos, 1930).

Non sabía nada dela, así que procuro información para compartir.
As enciclopedias defínena como escritora, poeta e precursora do movemento feminista en Portugal.
Muller, sobre todo, liberal, progresista, moderna e adiantada ao seu tempo, destacou pola súa aportación á poesía; para moitos foi coñecedora, continuadora e mesmo modernizadora do romanticismo poético de Rosalía de Castro.
Figura destacada da literatura portuguesa de principios do XX, apenas ten repercusión fóra de Portugal. A biblioteca municipal de Matosinhos (Alcino Soutinho, obra arquitectónica digna dunha visita) leva o nome de Florbela Espanca.
Pregúntome se non será unha máis do inabarcábel da nómina de mulleres silenciadas, no caso concreto de Florbela, por tentar romper o silencio nuns tempos en que era o silencio o que esnaquizaba as ilusións da maioría das mulleres.

Petisqueira do Godinho
Rua do Godinho 144

4450-145 Matosinhos
229 380 464 / 939 951 407
GPS: 41.181383N,  8.692517O
Cociña: tradicional, peixes
Prezo: 15€


Translate »