um templo da cozinha minhota

O Camelo (Santa Marta de Portuzelo ou Apúlia) é un deses poucos restaurantes de comida tradicional que atopan o seu oco practicamente en todas as guías.

Restaurante Camelo 01     Restaurante Camelo 02

No traballo Comer no norte de Portugal segundo as guías, era dos que aparecían no pelotón de privilexiados con presenza en catro das guías (José Silva, Michelín –BigGourmand-, Repsol –recomendado-, e Boa Cama Boa Mesa).
Por poñer só un exemplo, o Escape (BCBM) preséntao como ‘um nome que praticamente dispensa apresentações no mundo da restauração nacional’.

Restaurante Camelo 04   Restaurante Camelo 05

Entrar no Camelo é mergullar na máis pura tradición do norte de Portugal.
Decoración, ambientación, trato… e por suposto carta e cociña.
A carta é moi ampla e percorre todo o territorio do Miño ao Douro e do mar á serra. Mariscos (especificando prezo segundo sexan da costa ou conxelados), peixes á braxa,  en cataplana, arroces, cabrito, pato, coello… Non pode faltar a lamprea en temporada, as cabidelas, os rojoes, o bacallao á camelo ou, e sobre todo, o exitoso cocido á portuguesa (100% produtos caseiros, o segundo domingo de cada mes). Son moitos os pratos que se cociñan, unicamente, previo encargo, como o arroz de pato caseiro (á moda de Braga ou á moda antiga) ou o arroz de marisco á camelo. Na carta chámame especialmente a atención un Cabritinho pequenino assado no forno, a 42 euros o quilo.

En fin, resulta difícil decidirse.
Comezamos polos pratiños opción da casa: bolinhos de bacalhau, rissóis de camardo e carne, e unha cazoliña de cogumelos con castañas que xa coñecíamos doutras ocasións anteriores e que, ao estar na época, devecíamos por que nos tocasen de novo.

Restaurante Camelo 16   Restaurante Camelo 13

De prato forte optamos por media de Bacallao á camelo e media de Filetes de pescada con arroz de tomate. Tamén dous vellos coñecidos nos que sempre paga a pena insistir. O arroz de tomate é un acompañamento orixinal que xa probamos en diferentes ocasións; por exemplo, no desaparecido Iris (que mágoa!), en Famaliçao, con polvo rebozado, e no Peixes&Cía, Porto, tamén con filetes de pescada; ben elaborado, como hoxe, resulta un acompañamento boísimo.
Da media dose, tres filetes con ensalada e tomate e toda unha tarteira de arroz, comíamos perfectamente os dous.

Restaurante Camelo 19  Restaurante Camelo 20

A media de bacallao de novo familiar. Cama de pataquiña ás rodelas, frita, o bacallao, tamén fritido, aceite, moita cebola, e todo ao forno; o toque persoal está nunhas variantes en vinagre (cenoura, oliva, coliflor, pepinillo…) que trae por riba e que dan ao preparado un contraste moi, moi logrado.

Restaurante Camelo 21  Restaurante Camelo 22

De sobremesa, o típico bolo de bolacha caseiro, moi rico, e o tamén habitual ananás con viño de Madeira. A verdade, o ananás non me resultou demasiado saboroso.

Restaurante Camelo 23
Restaurante Camelo 24

Cunha botella pequena de viño da casa (do Alentejo, embotellado especial para Camelo, non me gustou), augas e cafés, 44 euros.

Malia os dous pequenos lunares, o ananás e o viño, o Camelo é un restaurante de primeira liña para comer no norte de Portugal.
Absolutamente recomendable. Tradición, moita oferta, boa cociña, bo produto e prezos moi equilibrados.

Restaurante O Camelo-Portuzelo
Rúa de Santa Marta 119
Santa Marta de Portuzelo
4925-104 Viana do Castelo
Teléfono: 258 839 090
Fax: 258 839 099
Enderezo-E
GPS: 41.710290ºN  8.772803W
Localización en Mapas de Google
Michelín: Big Gourmand
Repsol: Recomendado
Escape-BCBM:
José Silva-Net Menú: 5 puntos


Translate »