um champarrião no café caçana

A Caçana é un café e bar en Montaria. O seu reclamo é o champarrião, bebida que se pode acompañar con diversidade de tapas e que paga a pena coñecer.

Café Bar Caçana 2

O Caçana, certamente, non está nas rutas turísticas habituais e non é nada fácil chegar a el. Está no lugar de Espantar (na estrada M552, no número 1036), na freguesía de Montaria (Viana do Castelo). Para aclararnos, está na parte baixa da ladeira sur da serra d’Arga.
Para chegar alá nós fomos pola estrada que une Vila Praia de Âncora con Ponte de Lima (N305). Ao chegar ao cruce coa M526 (aproximadamente 14km. desde Âncora, indicador, á esquerda de S Lourenço de Montaria) collemos por este ramal á esquerda. Seguimos pola M526, pasamos Lousa ata chegar ao lugar de Espantar. O Caçana está na propia estrada e ben anunciado. Pero non é máis que iso: un café bar dun lugariño perdido. Se seguimos pola M526 estaremos a bordear a serra D’Arga polo oeste e chegaremos a Dem, desde onde podemos coller a estrada principal (M552) que percorre todo o alto da serra ata a N201 (estrada de Valença a Pontede de Lima); unha estrada que ben vale os esforzos para un paseíño despois de comer.
Pero hai outros moitos xeitos de chegar.

Café Bar Caçana 1

Pero, que ten A Caçana para que se organicen auténticas peregrinacións masivas para chegar alá? Pois nin máis nin menos que é o lugar onde sobrevive a mellor receita do champarrião de toda a rexión do Minho.
Ademais, media ducia de petiscos tradicionais de primeira calidade e, sempre, sempre, un caldiño verde.
A carta é moi curta e limitada a tapas; a maioría delas en tres medidas diferentes: a pequena (pires), a mediana (travessa pequena) e a máis abundante (travessa média). Por poñer un exemplo, pedimos o pires de rojões e trátase dunha ración bastante máis que abundante para dúas persoas. Outros petiscos son os crioulos, moelas ou asinhas (pires 4.8€, travessa pequena, 6,8€, média 9,5€); o pires de presunto 5,8€, de presunto com queijo 5,5€, de presunto com chouriço 7,20€); o pires de queijo 5,6€, e de queijo com marmelada 4,8€; o de chouriço especial da casa 8€, os caracois, 8, 10 e 14€ segundo tamaño…, e pouco máis.
Logo está a sección de sandes, que van desde os 2,2 euros, por exemplo, polo sandes de bifana misto, ata o 1,4€, que pode ser o de chouriço; polo medio ata dez variedades diferentes de bocatas.

Café Bar Caçana 9

Nós comimos coa cunca de caldo verde (auténtica cunca; toda a baixela de A Caçana é de barro) que, como é habitual no Minho, estaba de medo para pór o corpo a tono; neste caso, e no propio prato, viña acompañada de broa de millo para desmigar no caldiño.

Café Bar Caçana 11     Café Bar Caçana 12

Pires de chouriço e queijo; o chourizo é caseiro, elaborado polos propios propietarios de A Caçana, e isto nótase na concentración de magro, no agradable puntiño, exacto, de picante e afumado, no sabor excepcional… O queixo, cremosiño e suave, sen moita complicación, é o acompañamento perfecto.

Café Bar Caçana 16

O pires de rojões. Nós, por aquí, diríamos que se trataba de zorza, pero a carne de porco adobada e frita, con diversidade de complementos na preparación, é un dos petiscos máis apreciados en toda a rexión do Miño. Tamén estaban moi ricos.

Café Bar Caçana 17

As sobremesas algo frouxas e houbemos de conformarnos con dous xeados de cono.
Co meio champarrião e o café pagamos 12€ por cabeza.
O mellor da comida, sen dúbida, é a experiencia global, a suma de todos e cada un dos compoñentes: a case aventura do paseo para chegar alá, a ruralidade, a naturalidade, a autenticidade do local (café bar perdido no interior), a calidade e abundancia dos petiscos, o trato amigable, a morosidade no paso do tempo, ese partilhar que dirían os portugueses… e, por suposto, o champarrião.

Café Bar Caçana 14

Pois, ben, creo que xan son horas de falar deste famoso champarrião que, no café Caçana asoma por todas partes e resulta ser dogma de fe.
Trátase dunha bebida alcólica (para algúns un cóctel doce e festivo), que disque é tradicional do norte litoral de Portugal. Leo que nalgúns lugares din champorrão.
A receita máis tradicional, a que mantén o Caçana e move montañas, leva viño (que pode ser branco ou tinto), cervexa, azucre e canela); logo hai quen lle bota outros ingredientes, para rebaixar, como por exemplo, un máis moderno SevenUp.
A mestura podo garantizarvos que está de morte; con todas as matizacións posibles (en realidade non ten absolutamente nada que ver nin con unha nin coa outra), e no referido a seu consumo, é un refrixerio que pode estar cerca da sangría, por unha banda, ou da cervexa con gaseosa polo extremo contrario. En todo caso unha bebida refrescante que resultaría envexable para unha calorosa tardiña de verán. Ollo, entra que non te enteras (aínda que logo tampouco pasa moitas contas).
No Caçana teñen tres medidas: o meio (1 litro, que foi o que nós tomamos entre os dous e para o día –marzo- e a hora –mediodía- resultou a medida exacta), o pequeno (dous litros, 8,3€), e o grande (4 litros, 16 euros).
Vén nunha gran cunca de barro, cunha xerra pequena para ir collendo da cunca e servir nos vasos (tamén, como a xerra, de barro).

Café Bar Caçana 13

A excursión, indudablemente, pagounos a pena.
Claro que tes que saber a onde vas e a que, pero se che seduce ese puntiño de aventura ou natureza que proporciona o interior e a serra, a autenticidade deses lugares non contaminados polo turismo e o engadido de probar o champarriao, non o dubides: esta debe ser unha das túas próximas excursións.
E se complementas o paseo coa subida á serra d’Arga, ou coa visita ao parque natural das Lagoas, con pequena camiñada incluída, ou coa vertente cultural dunha visita ao dolmen de Barroso (Âncora), o día vai ser perfecto.
Por certo, escoitei falar de Caçana, hai tempo, nunha reportaxe do Visão na que recomendaba templos ‘auténticos’ de comida tradicional en Portugal.
Ultimamente tamén aparece na nosa coñecida Guía de tascas e petiscos do Expresso, que matiza claramente que ‘o que leva aos clientes a este espaço modesto é uma bebida, de seu nome champarrião…

Café Caçana
Estrada de Espantar 1036
4925-481 Montaria (Viana do Castelo)
969188 304 / 963 731 468
Facebook
GPS: 41.794353N,  8.741006O
Cociña: petiscos
Prezo: 10-15€
Peche: martes