tripadvisor

Persoalmente non teño a menor dúbida de que as mellores recomendacións de restaurantes chegan sempre de persoas que pensan e senten próximas a ti.
No momento que dispoñamos dun lugar minimamente fiable en Internet no que consultar a opinión doutros usuarios arredor dun restaurante, as guías tradicionais perderan gran parte do seu valor.

booking trivago

Así como nos hoteis o modelo está perfectamente asentado (habitualmente utilizo Trivago ou Booking, leo opinións que me axudan a decidir en función das circunstancias concretas, normalmente o acerto é pleno), os sitios de valoración de restaurantes por parte dos usuarios aínda son minoritarios e polo tanto distan moito de ofrecer unha utilidade real.
O contraste brillará con luz propia. Numerosas valoracións en vez dunha soa; interese por informar e compartir fronte ao vender; opinións máis pegadas á realidade e non tanto ao elitismo, ás influenzas, á moda, etc. E, por riba de todo, un modelo claramente democrático fronte a outro, digamos, velada ou abertamente dictatorial e sempre con intereses económicos.

atrapaloguiadelocioveremaviamichelin

Houbo e hai intentos.
Quen máis quen menos, todas as páxinas con algún tipo de relación coa crítica de restaurantes inclúen unha sección para que sexan os propios usuarios quen comentan e puntúan os locais.
Clásicos do lecer xeral, con moderado éxito, como atrapalo ou guiadelocio, apenas teñen unha opinión por local (de Casa Solla, por exemplo, Atrápalo ten 1 voto e na Guía del ocio nin está).
Dous casos de páxinas máis específicas: a vermella, na súa versión online, ViaMichelín, tampouco ten moito éxito coa participación dos usuarios (Solla, 2 votos).
Pola contra, algunha vez utilicei como referente Verema, está un par de chanzos por riba das anteriores, pero non máis (Casa Solla: 9 críticas de usuarios).

zagat

Estamos a anos luz de Zagat.
En Estados Unidos é o referente, superando claramente á Guía Michelín en fidelidade e fiabilidade. Non é difícil atopar restaurantes que pasan das mil ‘revisións’.
Zagat está empezando a entrar España, polo de agora, a través de Madrid e Barcelona. Collidos ao chou, Zalacaín xa conta con máis de 70 opinións, Santceloni, 48, e La Terraza del Casino pasa das 35.

TripAdvisor

Atopo con sorpresa que Tripadvisor empeza a destacar sobre os competidores no nivel partipación dos usuarios; trátase, aínda, de números modestos, pero xa me parecen significativos: entre as valoracións cuantitativas (ranking por cidades) e a lectura das reseñas, xa podemos facernos unha idea bastante aproximada e tamén elixir restaurante con bastantes posibilidades de éxito.
Seguindo co exemplo de Casa Solla, a día de hoxe podemos ler 31 opinións e valoracións de usuarios.

No caso de Tripadvisor, especialmente na consulta, vese favorecido polas súas apps, tanto para Apple como para Android e outros sistemas operativos, diferenciando a utilidade destinada a teléfono da de tableta.

Nunha próxima entrega veremos polo miúdo como e de onde saen as opinións dos usuarios de TripAdvisor para así ter máis referencias para a súa interpretación.

Posted in varios and tagged , .