todo un clásico

Guimaraes é unha desas localidades portuguesas que souberon conservar -e mesmo mellorar- o seu núcleo urbano.
Como Viana, como Caminha, como Melgaço ou a propia Valença, por citar só algúns dos que temos máis a tiro de pedra.
Guimaraes ten o valor engadido de que o proxecto de rehabilitación é un dos chanzos que aupou a Souto de Moura a ser merecedor do premio Pritzker 2011.

Guimaraes cidade da cultura

Este ano Guimaraes é capital europea da cultura e loce especialmente esplendorosa.
Xa non sei se comer no S Gião era a desculpa ou o motivo principal da escapadinha, pero o que si é certo é que en calquera dos dous podes degustar un anaquiño da historia de Portugal.

Restaurante Sao Giao Tarxeta

Naquel estudo de finais de 2010 sobre Comer no norte de Portugal segundo as guías gastronómicas, o S Gião resultaba ser o segundo mellor restaurante do norte, superado unicamente polo estrelado Largo do Paço. Naquel momento estaba en todas as guías consultadas agás na que realiza a revista Wine para salientar aqueles restaurantes que prestan unha mellor atención ao viño. Hoxe podemos dicir que o Sao Gião xa está nesa selección do Wine con 4 puntos sobre 5.

Restaurante Sao Giao Viñas

O local é fermoso. Moi aberto e luminoso, amplo, requintado, cómodo, dominado pola gran cheminea central hoxe acendida.
A luz, unida ás copas de picos de Vista Alegre en todas as cores, produce un efecto que chama a atención desde o primeiro momento.

Restaurante Sao Giao 10
_1050709

A carta é ampla, de corte tradicional sen menosprezar un toque de orixinalidade. Non esquezamos que S Gião foi, en diferentes ocasións, e para distintas publicacións, mellor restaurante de cociña tradicional portuguesa.
Boa carta de viños e bo trato e servizo. Pedimos un Post Scriptum de Chryseia de 2009 (21€), Douro que paga a pena probar pola súa nobreza e corpo; moi rico.

Restaurante Sao Giao Croquetas
Restaurante Sao Giao Setas

Entrantes variados e todos moi apetecibles (diferentes afumados caseiros, salmón, peito de pato, lombo de porco…), Carpaccio de boi, sopas, revoltos, grelhados (zanorinhas, setas, queijo, espargos…).
Somos catro e compartimos unhas Croquetas de lagosta, unhas Setas grelhadas e unha Alheira tamén grelhada. Calquera dos tres entrantes no seu punto. Por preferencias persoais quedo coas croquetas e as setas.

A oferta de peixes é enorme. Son varias as mesas que piden o bacallao na brasa e a máis dun se nos van os ollos. Vieiras á prancha con mollo agridoce, Salmón braseado con risotto de espárragos, rodavallo, linguado ou polbo na grelha, mexillóns ou gambas con masa fresca…
As carnes non se quedan atrás. Pezinhos recheados, tripas á moda de Porto, Peito de pato con mollo de amoras, Posta de vitela con batata a murro, Bife tres pimentas, Confit de ganso, Entrecosto de boi marmoreado, Estufado rico con grao de bico…

Restaurante Sao Giao Bochechas
Restaurante Sao Giao Açorda
Restaurante Sao Giao Empanada
Restaurante Sao Giao Perdiz

Casualidade pero hoxe todos nos decantamos polas carnes (aínda que asinamos o compromiso de volver a polos peixes).
Luis unhas fantásticas Bochechas de porco preto confitadas.
Luz a tradicional Açorda de outono (de perdiz, setas…). Lembro que foi a miña elección a primeira vez que estiven aquí e, servida como vén dentro dunha bola de pan, resulta absolutamente excepcional. Para degustar con todos os sentidos.
Carmen a Empada de carnes variadas. Ben pero quizá o máis neutro dos catro pratos.
Eu o Folhado de perdiz, un prato exquisito (por desgraza óeme o camareiro e, cun sorriso, chámame a atención polo calificativo que uso: disque en portugués exquisito quere dicir xusto o contrario que para nós).

As sobremesas son o exceso absoluto.
Gianduja semi frio de avela e limao, Pudim abade de Priscos, Canilhas com leite creme, Sorvetes variados, Queijo da serra com compota de abobora ou figos, etc…

Restaurante Sao Giao Sobremesa
Restaurante Sao Giao Sobremesa
Restaurante Sao Giao Sobremesa
Restaurante Sao Giao Sobremesa

Pedimos (orde das fotos), Semi frio de baunilha e framboesa, Tainori con gelado de tangerina,  Areado de maça com gelado de baunilha e Orizaba semi frio de chocolate branco e framboesa. O meu tainori está, sinxelamente, fantástico.

Cos cafés pagamos 37 euros por comensal.
Tendo en conta o menú, a atención recibida, o espazo, a historia… paréceme un prezo moi razoable.

O S Gião é un restaurante que resulta altamente recomendable; dentro das súas características, coincido cos que o sitúan como a mellor oferta do norte de Portugal.

Restaurante S Gião
Avda. Comendador Joaquim de Almeida Freitas, 56
4815-270 Moreira de Cónegos
Guimarães
Telf: 253 561 853
Móbil: 917 541 548
E-Electrónico: rs.giao@gmail.com
GPS: 41.379964ºN  08.354723W
Localización en Mapas de Google
Michelín: BigGourmand
Repsol: 1 Sol
Guía BCBM: Garfo de Ouro
Wine: 4puntos/5
Guía José Silva: Destacado
Os 101 mellores restaurantes de Portugal (Mesa Marcada): Posto 21 con 41 puntos)