the yeatman en porto. hotel e restaurante

A crónica das grandes comidas non debe ser despachada nun par de liñas como quen describe a churrasquería da esquina. Perfecta, si, pero iso, non máis (nin menos): unha churrasquería.
As comidas e os locais excepcionais acadan esta categoría pola suma de incontables, grandes, pero tamén pequenos, detalles.
Como xa ocorreu nalgunha ocasión anterior (e non hai moito), Unha comida memorable  e Restaurante Alborada, espírito de Galicia, hai veces nas que para transmitir todo o que para ti representou esa comida especial, debes tentar transmitir algunha das características que che levaron ao calificativo de excepcional.

The Yeatman Hotel. Exterior    The Yeatman Hotel. Acceso principal

The Yeatman é un ambiciosísimo proxecto de lecer de luxo no Porto.
É a nova aposta dun, aínda que familiar, dos máis potentes grupos empresariais do Douro (Fladgate Partnership). Adegas como Taylor’s, Croft ou Fonseca-Porto. Restaurantes como o Barao de Fladgate. Ou hoteis como, no seu momento, o Vintage House do Pinhao, creado pola familia Yeatman-Fladgate e vendido posteriormente a unha cadea internacional.

The Yeatman Hotel. Escaleira central     Restaurante The Yeatman 11

The Yeatman defínese como ‘hotel vínico’. Situado entre as adegas de Vila Nova de Gaia, na súa parte alta, concentra toda a esencia da tradición inglesa do Douro e un requinte actualizado ás correntes estéticas do momento.
Aínda que podería semellar incompatible, a fusión da estética inglesa cos canons do menos é máis, acada un nivel realmente sorprendente nas dependencias deste hotel que emana conforto, luxo, sosego, por cada centímetro sexa de mármore, de madeira ou de cálida alfombra que pisas.

The Yeatman Hotel. Cúpula central      The Yeatman Hotel. Detalle da decoración

Cada un dos oitenta e dous cuartos do hotel está personalizado tomando como referencia un dos produtores de viño ‘parceiros’ do hotel; o parceiro  expón cadros e obxectos alusivos á súa rexión e ás súas tradicións tanto vínicas como populares procurando deixar a súa impronta na decoración.
Cada un dos oitenta e dous cuartos conta coa súa propia terraza.
Porque, claro, un dos distintivos do Yeatman son as súas espectaculares vistas, aos tellados das caves de Gaia, ao Douro, ao Porto…

Porto desde The Yeatman 1 Porto desde The Yeatman 2
Porto desde The Yeatman 3 Porto desde The Yeatman 4

Seis niveis de cuartos, xardíns e terrazas, spa, piscina exterior e interior panorámicas, recunchos insospeitados, viñoterapia… e por fin o restaurante.
Na liña de decoración, requinte e benestar do resto do hotel, fichan para os fogóns a un número un da gastronomía do norte de Portugal, o chef Ricardo Costa, único que, desde a súa anterior etapa na Casa da Calçada de Amarante, acadou unha estrela Michelín para o Portugal que tamén existe: o do Douro para arriba.

Restaurante The Yeatman 16 Restaurante The Yeatman 18

Por fin, e como aspecto moi pouco habitual nestes lares, o Yeatman conta ademais co chef pasteleiro José Bastos, encargado de manter nas sobremesas o nivel que Ricardo Costa ofrece na parte dos salgados.
Tres menús de degustación diferentes, Menú executivo, (os catro con cadanseu menú de viños paralelo), Jantares vínicos os xoves, ampla carta con propostas tradicionais e actualizadas… e disque a mellor oferta de viños portugueses de todo o país cunha bodega formada por 26.000 botellas, algunha delas embotelladas en exclusiva para o Yeatman.
En breve pasamos ao que deu de si a comida.