taberna loureiro a ruda

Pagar 50 euros-persoa por unha comida é relativamente fácil.
Ben, creo que non me expliquei na medida do que pretendía. Refírome a que se estás disposto a pagar 50 euros por unha comida tes oferta suficiente como para non equivocarte. E ademais, moi diversa.
Entre outras opcións, tiras de guía gastronómica e santas pascuas.
Bastante máis difícil é comer ben por dez euros. Ou, o que é o mesmo, comer catro persoas por eses mesmos 50 euros que ás veces pagamos por unha soa comida.
Tamén hai oferta. Pero hai que saber atopala.
Diso se trata nos furanchos e asimilados.
Seguindo a liña destes días atrás (Os furanchos de Covas e o Furancho Gardenia), hoxe, para pechar a semana santa, tócalle a quenda a un bar con nome ben pouco apetecible. A Ruda é un deses locais no Salnés, foi furancho, e así o lembran no propio nome (loureiro), e hoxe son un pouco máis, pero sen renunciar ás raíces, á esencia dos viños da casa (Albariño e Barrantes), das racións típicas (tortilla, richada, zorza…) e dos prezos baixos.

Bar Loureiro A Ruda 1

A Ruda está Castrelo, Cambados. Se vas pola estrada de Vilalonga (estrada de Cambados a Dena, Vilalonga e O Grove-Sanxenxo) desde Cambados, despois de cruzar o río (deixando o Tropezón á esquerda), a cousa dun quilómetro e tamén á esquerda están os Salesianos. Cando remata a leve encosta dos Salesianos topas unha desviación á dereita que vai a Casgtrelo; tiras por ela ata que atopes o letreiro de A Ruda.
Por certo, seguindo por esta mesma estrada de Castrelo, ao fondo, xunto ao mar, está o Dos Islas.
Non me dá chegado o día de volver ao Dos Islas a facer fotos e poder contarvos algo máis do que co paso do tempo está a se converter nun dos meus favoritos para comer ben no Salnés.

Bar Loureiro A Ruda 3

A Ruda non é un furancho ao uso; se acaso, un furancho reconvertido á nova lexislación (ver Algo arredor dos furanchos); o local xa é un pouco máis coidado, máis luminoso, non ten esa feitura de baixo destartalado e ademais agora usan manteis de ule.

Bar Loureiro A Ruda 6  Bar Loureiro A Ruda 4

A oferta tamén vai máis alá da sota, cabalo e rei dos furanchos (aínda que as tortillas, a zorza e a richada sempre están aí, e ben boas, por certo).
Un dos produtos estrela (e tamén dos meus favoritos) son os ovos estrelados con pan de millo; ademais, están o chourizos ao viño, os calamares,  as croquetas, os pementos de Padrón…, ás fins de semana normalmente cordeiro, xamón asado e codillo de porco estufado. Nalgunha ocasión, preguntar primeiro, cocido.

Bar Loureiro A Ruda 11   Bar Loureiro A Ruda 13

Tomamos unha de ovos estrelados e outra de richada. Para nós, máis que suficiente.
As racións, en especial as de carnes sobre patacas fritidas (richada, zorza, lombo…), son xenerosas, normalmente para compartir.
Ademais, sempre estás a tempo de pedir algo máis.

Bar Loureiro A Ruda 18   Bar Loureiro A Ruda 16

A Ruda ten unha importante oferta de sobremesas caseiras. Algunha que outra torta, case sempre a de chocolate (a clásica de galletas da avoa), e algunha crema tipo natillas.
Hoxe, en concreto, Carmen pide a torta de chocolate e eu unha crema de laranxa.
Coa bebida (palomita de medio litro de Albariño e auga), pagamos 21 euros entre os dous. Pouco máis dos dez euros por cabeza.
Coa oferta que ten, a calidade da cociña familiar, os viños e sobre todo os prezos, non é raro chegar e non atopar mesa, sobre todo en verán e sábados e domingos. Convén reservar.
A nivel horario tamén van un pouco na liña dos furanchos e antes de achegarse alí hai que informarse se está aberto ou non.
Taberna Loureiro A Ruda
Lugar de O Adro – Castrelo
36650 Cambados
Teléfono: 671544546
GPS: 42º28’53”N  8º48’39”W
Localizacion en Maps de Google

Posted in furanchos, pontevedra, salnés and tagged , , , .