santiago bidea, pensión rústica-restaurante

Santiago Bidea, pensión rústica-restaurante, é un proxecto que vén de nacer en Gonte (Negreira) co espaldarazo mediático de Arzak. Asoma con certas notas de incertidume que haberá que repousar.

Santiago Bidea 05

A filosofía do local revélase de xeito nítido nas múltiples reseñas das que se fixeron eco os medios de comunicación: menú sinxelo a prezo asequible… cociña tradicional como base para evolucionar… importancia do produto… unión a través da cociña das culturas galega e basca…
Oihana Chico e Julen Lizartza serán os responsables do que poida pasar.

Santiago Bidea 02 Santiago Bidea 06

O espazo é moi agradable. Mantendo a esencia do entorno rural (pedra e madeira), introduce pinceladas de modernidade (silla Eames) que enriquecen un conxunto que, co seu aire minimalista, acaba por resultar acolledor.
Dous pequenos comedores. O noso, para grupos non numerosos, con porta ao xardín, escaleiras aos cuartos, ventá de transición entre a cociña e as salas…

Santiago Bidea 09

Contan cun menú de inauguración que consta de aperitivos (‘banderilla’ de bocarte, oliva, croqueta de xamón, croqueta de queixo con pemento de Padrón), un entrante a elixir entre tres (revolto de lagostinos e allos tenros, ameixas en mollo verde, ensalada de luras), un peixe (bacallao á allada arrieira ou chincho fritido), carne (solombo ou magret de pato) e sobremesa (sopa de chocolate branco ou torta de pera). O prezo: 35€ máis bebidas (no noso caso con auga e unha botella dun vello coñecido: Cepas Viejas).

Santiago Bidea 13Santiago Bidea 15Santiago Bidea 16Santiago Bidea 19Santiago Bidea 21Santiago Bidea 22Santiago Bidea 23Santiago Bidea 24Santiago Bidea 25Santiago Bidea 26Santiago Bidea 27Santiago Bidea 28

As referencias son que, unha vez pasada esta febre inicial, a carta será a que marca a filosofía da casa: ensaladas, pementos do piquiño, bacallaos, arroces, guisos, carnes galegas… todo, con receitas da cociña basca e a un prezo que pretende situarse entre os 35-40€ por comensal. De feito nós pagamos 39 por cabeza.

Vaia por diante que as présas nunca foron boas conselleiras. O local empezou a funcionar o mércores 7 de setembro e nós tiñamos reserva para o sábado 10 ao mediodía, coma quen di, o primeiro día de traballo serio. Quizá demasiado pronto.
E esa é precisamente a miña impresión: unha certa sensación de provisionalidade, de falta de ritmo, de que aínda quedan asperezas por pulir… tanto na cociña coma no servizo.
Semella que a base existe: unha filosofía clara e unhas mans co coñecemento e a técnica necesaria para sacar o proxecto adiante (cuestión á parte sería se a filosofía é a máis axeitada para o tempo e sobre todo o lugar).
A ‘banderilla’ un chisco simple de máis, as croquetas a bastante altura, o revolto normal, o mollo das ameixas moi logrado, a ensala algo insulsa, o bacallao gustoume moito, os chinchos non tanto, e as carnes perfectas no seu punto de cocción (pero, en contra das modas, boto de menos un acompañamento tradicional; é ben sabido que as carnes a pelo fánseme cada vez máis difíciles de dixerir; problema do animal).
As sobremesas ben na elaboración pero un chisco ‘sosas’ no deseño e empratado.

En conxunto, ben… ben sen máis espaventos. Creo que debería quedar pendente dunha valoración máis nítida á espera de tempo, de repouso, dun necesario período de rodaxe, de que as ideas acaben de asentar e callar nunha práctica con máis consistencia.
Non está aí ao lado, á volta da esquina; será un restaurante deses aos que, esteas onde esteas, hai que ir. E cando vas, poñamos por caso, desde Vigo, e con moitas expectativas previas (lado escuro dos grandes lanzamentos mediáticos), tes que atopar algo máis que o que nós atopamos o pasado sábado.

Santiago Bidea
Oihana Chico e Julen Lizartza
Gonte 31.
15839, Negreira (A Coruña)
Tlfno: 981 886 342
www.santiagobidea.com
Facebook
GPS: 42.899629N, 8.766870O
Cociña: basca con produtos galegos.
Prezo: 35-40€