salta o muro. onde o peixe é rei

Salta o muro é unha tasquinha tradicional, no máis puro sentido da palabra, do porto de Matosinhos. A cociña céntrase nun agarimo excepcional polo peixe fresco. Os prezos son asequíbeis.

Salta O Muro 1

No barullo que son as rúas próximas ao porto de Matosinhos, o turista famento pode atopar case de todo.
Nas rúas Serpa Pinto, Roberto Ivens e Heróis de França, e en todas as canellas que as atravesan (Coutinho, Godinho, rúa do Sul…), hai oferta gastronómica para todos os gustos e petos. O que máis, peixe, moito peixe, e tamén marisco. Engadidos, máis ou menos afortunados, diante dos restaurantes para comer ao aire libre, grellas na rúa, fume, cheiros que por momentos se converten en fedores, berros e reclamos para atraer o incauto, exposición do produto en cestas, un sinfín de tascas, bares, cafés, restaurantes, peixerías, marisquerías, petisquerías…
Entre tanta oferta é difícil elixir e moito máis acertar. O nivel medio disque é aceptábel, pero o local auténtico, o que vai moito máis alá do engado turístico, resulta máis difícil de descubrir.

Na rúa máis próxima a un mar que se intúe pero non se ve, que case se toca pero está a quilómetros de distancia, Heróis de França, Salta o muro destaca entre os seus veciños pola aparencia cotrosa; cadeiras de plástico na beirarrúa, toldo de Sical vermello descolorido, porta escangallada, pintura esconchada…, é deses locais nos que, se non tes referencias, non ousas entrar, en especial cando o comparas con outros moito máis aparentes que berran con voz firme ao seu arredor.

Salta O Muro 4

Dentro, a cousa cambia… pero non tanto. É un local pequeneiro, con mínimo balcón e un expositor exultante de doces, oito mesas bastante apertadas e con bancos de madeira corridos, sensación de limpeza, de acollemento, sobre todo, de autenticidade.

E, logo, a realidade pura e dura de que neste martes de marzo todos os competidores ao redor están medio baleiros e o Salta o Muro cheo a rebentar,  polo que se intúe, de fregueses locais e clientes habituais.

TascasePetiscos9

Se chegamos aquí foi, unha vez máis!, grazas ao cada vez máis imprescindíbel Tascas e Petiscos do periódico Expresso. A recomendación non daba lugar ás dúbidas: É uma das tascas mais emblemáticas de Matosinhos. Mesmo que seja a sua primeira visita, vai sentir-se em casa! Situado ao lado da lota, para além do peixe sempre fresco, como a sardinha (7€) ou o linguado (13.50€), um dos pratos fortes deste espaço é a decoración típica e o acolhimento simpático e familiar…

A carta non ten secretos pois, como eles mesmos proclaman, o peixe é o rei da casa. Grelhado, frito, en caldeirada, rebozado, tanto ten. Despois dun caldo verde ou dunha sopa de legumes (1.80€), despois dun prato dun dos presuntos colgados do teito (3.5€), enfrontámonos coa gran decisión.  O arroz de marisco para dúas persoas (22.50€), o bacallau (asado con pataca à murro ou cocido con todos, 26.50€ ou 13.50€ a media dose), o robalo grellado (29.50€ para dúas persoas), o linguado individual (7.50€), as sardiñas pequenas fritas (12.50€), a dourada, o rodaballo (ou pregado), os areeiros (acedías)… E, por suposto, e para quen pretenda evitar o sabor a ese mar tan próximo e ao tempo afastado, o Bife à salta o muro (18/9.50€) ou as Fêveras de porco (12/6€).
Sorprendente carta de viños nacionais cunha especial oferta de botellas pequenas.

Salta O Muro 6Salta O Muro 7

Somos dous, o bo amigo Luis (estamos a preparar o Caminho português en bici) e mais eu. Media de bacallau asado e media de raia frita.
O bacallau, de excepcional calidade, perfecto de sal e asado no seu punto, coa ceboliña, un par de olivas, un ovo cocido, patacas à murro e, todo por riba, unha salsiña de aceite con pirixel cortado moi polo miúdo.
A raia aínda brinca no prato; ben rebozada, ben fritida, con patacas á murro e o mesmo mollo verde, está moi, moi boa.

Salta O Muro 9

Mousse de chocolate, cafés e garrafa pequena dun Muralhas de Monçao que sempre está aí para acompañar o peixe, saímos por 16€ cada un.
Dada a calidade da materia prima e a impecábel execución na cociña, o prezo é de risa. Logo, se valoramos as características do local, non máis que unha tasca, cos pros e os contras que esta definición leva consigo, o prezo xa resulta máis equilibrado, aínda que segue a ser atractivo.

Como veño insistindo moito ultimamente, trátase dun local moito máis que recomendábel… sempre e cando saibas o que vas atopar. Abstéñanse os aprehensivos, os buscadores de luxos e aqueles que afirman que en Portugal non se come ben.

Salta o muro
Palmira Martins

Rua Heróis de França 386
4450-155, Matosinhos
+351 22 938 0870
saltaomuro.pt
Facebook
Cociña: tradicional, peixe
Prezo: a partir de 15€
Peche: domingo, luns