sabores tradicionais en porto

Casa Nanda asoma coma un reduto daqueles locais portuenses familiares de toda a vida. Cociña rexional con produtos e tratamentos tradicionais, espazo acolledor, servizo atento e próximo, prezo medio, xusto.

Casa Nanda 2

En contra das nosas últimas experiencias en Portugal, non chegamos a Casa Nada a través das Tascas e Petiscos do Expresso. Malia isto, si puidemos comprobar que si, que efectivamente está na guía de tascas; figura, ademais, como unha das tres recomendacións dun dos meus chefs de preferencia en Porto: Rui Paula (‘ambiente familiar, esa simpatia extra inerente aos portuenses…; gosto da forma como apresentam os sabores’).
A visita era en domingo, e sabidas son as dificultades para atopar restaurantes en Porto neste día de semana; é o día de descanso preferido pola maioría e, os que quedan, adoitan estar cheos. Ante esta situación botei man doutros dos meus referentes: o TimeOut Porto.

TimeOutRestaurantesPorto

[Dende hai uns anos, o TimeOut Porto elabora e publica impresa e a través da súa web unha selección anual dos cincuenta mellores restaurantes da cidade segundo os seus criterios (múltiples e moi abertos). A Guía de Restaurantes -Os 50 melhores restaurantes de Porto divididos por preço, zona e tipo de comida-, á que xa lle dedicamos unha referencia –Restaurantes de Porto– mestura locais consolidados e con estrela con outros que xa empezan a despuntar nunha cidade especialmente amiga da gastronomía, esixente nas tendencias e gustos e cunha enorme oferta. Na selección dos mellores cincuenta están desde a clásica cervejaria ou o restaurante familiar de sempre até o máis cool que vén de chegar hai apenas unhas horas pero xa empeza a apuntar maneiras, desde o asiático até o italiano pasando polo indiano, o vexetariano ou o especializado en carnes. Ao final, listado-resumo por categorías: tipo de comida, zona na cidade, con terraza, aberto en domingo, aberto até tarde, para comer sozinho, con miúdos, en grupo, cea en parella, ver e ser visto, comer moito e pagar pouco, etc.
Ademais, a edición de 2019 inclúe unha selección de locais nos que o rei é o pan: as mellores francesinhas, cachorrinhos, hambúrgueres, pregos e sandes.]

POR-Porto-CasaNanda

En fin. A elección de Casa Nanda foi por cumprir os requisitos que mandaban no momento e no lugar: cociña tradicional, céntrico -zona da Baixa-, menos de 30€ e, por riba de todo, aberto en domingo. Algunhas das notas da guía que contribuíron á selección: ‘Ter a parede repleta de recortes de xornais con noticia e boas críticas é sempre un bo presaxio… En Casa Nanda reinan os pratos tradicionais…É unha aposta segura cando o que máis nos apetece na vida é comer unha pratada de comida coma se estivésemos na casa da aboa’.
Entrei a iso da unha (española) a ver como estaba de ocupación e topeime a todo o persoal compartindo unha enorme fonte de rojões. Mágoa, está todo reservado…, mais se queremos comer xa (pero xa, xa) podemos quedar.
Apetecíanos, así que non dubidamos un segundo.

O local é pequeneiro, rústico, clásico, algo recargado, coas mesas excesivamente próximas, incluso mesas comúns…, pero transmite unha sensación cálida, agradábel, de estar a gusto no comedor familiar, e iso si, como anunciaba o TimeOut, as paredes están literalmente forradas de fotografías, recortes de xornais, dedicatorias, etc. O servizo é especialmente amábel, próximo e dilixente.

A carta non ten secretos: cociña tradicional. As entradas pasan por unha Canja (3€), por unhas Papas (4.20€), ou o pratiño de presunto caseiro ou salpicón (6€ para dúas persoas). Os peixes céntranse na pescada e no bacallau, aínda que tamén hai unhas Lulas á sevillana con pataca frita (22/11€) ou o Robalo grellado con pataca cocida e legumes (14.5€); a pescada (26/13€) cocida con legumes, frita con ensalada, grellada ou en filetes rebozados. Entre as carnes, as inevitábeis Tripas à moda do Porto (21/10.5€), a Posta de vitela con pataca murro e legumes (22/11€), a Picaña grellada con pataca, arroz e feixón negro (28/14€), ou os bifes, postas de vitela, costeletão de boi, costeleta de vitela ou de borrego, etc.
Dentro desa tradición portuguesa de abundancia na mesa, manteñen a clásica proposta de doses e medias-doses; puidemos comprobar que, cun bo entrante, con algunha das medias racións teriamos comido dúas persoas.

Casa Nanda 4

Atendendo a recomendación do TimeOut (‘comece a refeição com o pratinho de presunto, é de cura caseira’), pedimos un para os catro. Un xamón excepcional, con moita veta, cunha capiña de graxa moi interesante, ben curado, ben de sal, moi ben de sabor: o xamón é motivo suficiente para unha visita.

Casa Nanda 5Casa Nanda 6

De pratos principais, unha dose completa de Rojões à portuguesa (22€), media de Bacallau à moda de Braga (14€) e media de Filetes de pescada com arroz de feijão (12€). O meu prato, os filetes de pescada, moi, moi rico; o arroz é un arroz típico portugués de acompañamento e gustoume, moito…, pero entendo que haxa a quen lle poida resultar demasiado portugués. O bacallau, sinxelo, fritido con cebola e patacas, ben, unha posta enorme e bastante grosa (media ración que tería chegado para dúas persoas), saboroso, no seu punto de sal, rico. O que menos aceptación tivo foi o prato de rojões. Os rojões son anacos de carne de porco con algunha graxiña, adubados 24 horas (sal, allo, pementa, loureiro, viño…) que se friten en tixola con aceite e moi diversos acompañamentos que poden variar segundo a receita (tripas enfariñadas, chourizo de cebola, fígado de porco, sangue de porco pre-cocida, patacas, castañas, olivas, etc.); o resultado é un prato forte, moi condimentado, que pode resultar excesivo para determinados padais. Eu probei a carne e as patacas e estaban boas. Do resto (si tiñan tripas enfariñadas, si tiñan sangue, non fígado, non castañas…) non podo falar.
A comida, na liña de tradición e gusto portugués, resultou moi ben.

Casa Nanda 7Casa Nanda 8

A carta de sobremesas é ampla e variada con prezos entre os 3 e os 4 euros (froita, salada de froitas, aletria, leite creme queimado, mazá asada, mousse de chocolate, pudim flan…); a patroa ofrécenos un doce que ‘resucita aos mortos’: rabanada com queijo da serra (fóra de carta, 5€). Gustoume moito esta atípica combinación.
Comemos cunha botella de Quinta do Crasto (17€), tomamos cafés, e pagamos 25€ por persoa. Non está nada mal; creo que se trata dun prezo xusto para o local e a comida; o único, se acaso, un chisco desproporcionado o prezo da sobremesa.

Casa Nanda 9

A Casa Nanda é un local moi recomendábel en Porto, tanto máis, canto máis amiga sexas da comida tradicional portuguesa (ollo, pero indo moito máis alá dos tópicos do bacallau e o cabritiño e chegando a eses produtos e preparacións aos que non estamos tan afeitos). De feito, cando marchamos (hai cola para entrar), todos os clientes semellan ser portuenses e a maioría familias.

Casa Nanda
Rua da Alegria 394
4000-035 Porto
+ 351 22 537 0575
GPS: 41.153201N,  8.603471O
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 20-30€
Peche: luns; domingo noite


Translate »