restaurante tapería misturas

Non descubro a pólvora se escribo que as tapas están de moda.
A Tapería Restaurante Misturas está na rúa Platería, no Grove, en rúa e praza de importante oferta gastronómica. Arrodeada de restaurantes e taperías tradicionais, trátase dunha inxección de aire fresco na capital do marisco.

A sensación de sitio distinto asoma xa desde antes de entrar.
Fachada coidada que destaca de e sobre os arredores. Terraza na rúa con bo tempo. Recibidor con avisos do que nos agarda. Primeira zona de barra e tapas, e paso, a través dun mínimo corredor pechado pola cociña, ao comedor.

Restaurante Misturas 1     Restaurante Misturas 3

Comedor pequeno e acolledor, decoración minimalista con boa asesoría e moito sentido; tres elementos diferenciadores: nun curruncho, gran cristaleira aberta a un mínimo xardín tipo zen; ao lado, cadro tipo collage que dá vida e cor ao conxunto; en diagonal, toda a parede cunha enorme ventá, longa e estreita, á altura dos ollos dos comensais, con vista permanente á cociña.
Deses locais que teñen bonito ata o nome. Misturas. Gústame.

Restaurante Misturas 8  Restaurante Misturas 10  Restaurante Misturas 33

Resulta obvio desde un principio que neste local hai alguén que ten as ideas claras, que sabe o que quere, como chegar e que non ten excesivas présas en conseguilo. Logo, que chegue ou non xa depende doutros factores (a intercesión dos fados?).
Pero o esforzo está alí, presente, en cada pequeno detalle, na decoración, no xardínciño, na fiestra á cociña, na coidada imaxe de empresa dos logotipos, da carta, das tarxetas, no trato profesional que non distante.
Na oferta gastronómica.

Restaurante Misturas 31   Restaurante Misturas 28

César García elabora toda unha proposta na que mestura os pequenos bocados sobordados de suxerencias e coa etiqueta de ‘tapas’, con pratos máis contundentes. Entre as tapas están as ‘clásicas’ (que á hora da verdade non son tanto) como os Langostinos empanados con ali-oli, o Bocata de vieira ou a Tosta de Foie Grass con cítricos, e as novas propostas ‘frescas e divertidas’ como A ensalada de pementos asados con atún ou a Parrillada de verduras con queixo fundido.
Autodefine a súa cociña como ‘tradicional pura e dura’, de mercado, de levar á mesa os produtos de temporada, sempre frescos, escollidos esa mesma mañá.

Restaurante Misturas 15  Restaurante Misturas 14

Despois de pedir, e mentres esperamos cunha cervexa, tráennos unhas Croquetas de salmón afumado por conta do chef. Pasta moi fina e delicada, ben fritas, saborosas pero non empachosas, cremosas e envolventes na boca, moi, moi ricas.
Logo, como está a ser habitual nestes últimos días de calor, seguiremos coa cervexa.

Restaurante Misturas 17   Restaurante Misturas 19

De primeiro compartimos o Foie Micuit con tostas quentes e tres salsas (Xelatina de Albariño, Froitos Vermellos e Aceite de oliva).
Todo correcto agás a xelatina de Albariño; parécenos unha idea sensacional; está moi rica con toda a súa esencia do albariño e complementa á perfección o bocado de foie. Idea orixinal que merece ser explotada.

Restaurante Misturas 21   Restaurante Misturas 23

De prato, forte Carmen o Bocata de vieira e eu as Cocochas de pescada na súa salsa con navallas.
A vieira vén envolta nunha masa caseira, sobre base de cebola pochada e espolvoreada con raiaduras de pan e ao forno. Como afirma o propio cociñeiro, leva todo o que debe levar unha vieira. Bocado fantástico, dos que deixan memoria.
As cocochas con navallas tamén exquisitas, mistura perfecta con sabor a mar, prebe ben ligadiño e no seu punto.

Restaurante Misturas 27   Restaurante Misturas 24

De sobremesa a Torrada de semana santa e Tiramisú. De ter que facer unha elección, quizá a torrada de Carmen; vén acompañada dun xeado que resulta ser de ron e pasa e unha crema-escuma con toda a esencia de augardente branca, a torrada ben fritiña, crocante por fóra e ben húmida por dentro.
A interpretación do tiramisú, na máis pura liña da deconstrución: dados de biscoito ben bébedos, crema e o propio xarope ligando, e por riba o pó de café cun aire de chocolate.
Por certo, xa que non tomamos viño, coa sobremesa pido unha copiña de Tokaji. Moi fresco, meloso, embaucador…
Café con chupitos, estes por conta da casa.
Se teño que escribir algo negativo (que non se me vexa o plumeiro cun comentario excesivamente positivo) custoume un pouco acabar coa sobremesa. Era unha ración familiar e terminou por cansarme, por producir esa sensación de empacho que tan pouco me gusta; con menos cantidade tería quedado moito mellor.
Claro que xa sabedes que este é problema do animal.
Pareceume deses locais que hai que coidar e apoiar. Se con oito meses de vida alcanza algunhas das marabillas que vos conto, no quero imaxinar as cotas a onde pode chegar con confianza, con pouso, coa posibilidade de soltar aínda máis as rendas á creatividade.
Segundo o meu particular criterio, e a pesar da competencia na zona, volveremos.
Confío e espero que para confirmar esta primeira e gran impresión.
Tapería-Restaurante Misturas
César García
Rúa Platería 20
36980 O Grove
Tlfno: 986 732 877
Enderezo-E
Facebook
GPS: 42º29’38”N  8º51’49”W
Localización en Maps de Google