restaurante tapería casa de xantar loaira

Loaira, na praza da Leña de Pontevedra, é o irmán pequeno do Eirado de Iñaki Bretal. Mans con estrela Michelín cociñando, co mesmo agarimo e respecto, para todos os petos.

Loaira Pontevedra 03

Deguste unha boa comida, acompañada dun viño, nunha casiña antiga sita na zona vella, na praza máis fotografada de Pontevedra: a Praza da Leña. (Información no Facebook de Loaira)

Gastrobar dotado cunha pequena barra e un salón tipo bistró no andar superior. Pratos actuais de base rexional, idóneos para compartir. Atractiva terraza en plena praza! (Reseña na Guía Michelín)

Tapería? Gastrobar? Restaurante? Bistró? Bar? Casa de xantar?

As palabras nunca son inocuas. Pero, neste caso, e a min particularmente, tanto me ten. A cuestión é que Loaira é un pequeno local con ampla terraza, no corazón da Pontevedra peonil, onde se pode  degustar a esencia de Iñaki Betral a prezos moi razoables. Lembrar que Iñaki Bretal foi o primeiro cociñeiro en conseguir unha estrela Michelín para a historicamente esquecida (gastronomicamente) cidade de Pontevedra.

O comedor, nun primeiro andar con ventás á praza, pequeno e acolledor, conta cunha atractiva decoración acorde coa proposta culinaria: ambiente moderno con esencia rural. Bastantes mesas distribuídas pola praza da Leña; dependendo do clima, a terraza pode resultar moi agradable.

A carta (ver completa), resulta equilibrada en cantidade e variedade. Comeza cos mariscos e cefalópodos (Caldeirada rabiosa de mexillón –ao estilo tradicional, con verduras de tempada e chile chipotle– 9€; Chilli crab de nécoras –da ría de Arousa e un pelín picantes– 15€). Segue coas croquetas (de centolo, de boletus e trufa, de luras na súa tinta ou variado das tres, en todo caso 9€). Os arroces (Negro de luras e alioli 16€, De faceiras de cocho, setas e castañas –caldoso, con toques á terra e licor café– 16.5€). Peixes (Serráns escabechados –pemento afumado, AOVE e un suave toque de maionesa de kimchie– 10€; Zorza de peixe espada –o noso mariñado de zorza tradicional aplicado aos produtos do mar– 15€). Carne (Costelas de cocho XL –cociñadas toda a noite a baixa temperatura e o noso chimichurri– 16€; Aliñas de polo –salsa barbacoa, guallaba e un sutil picante ‘dedo de moza’– 9€). Sección especidal adicada ‘aos máis cativos’, con Barriñas de pescada (de pescada do pincho da lonxa de Ribeira, crocantes por fóra e tenras por dentro), 8€; Nuggets de polo (acompañadas co ketchup Loaira Stile), 8€).
Sobremesas, todas a 5€: Tarta de cabaza (cremosa, quentiña e coas súas pepas garapiñadas); Papas de cabuxa e froita (cremoso de queixo de cabra e froita).

Seguindo a recomendación, esencia da casa, pedimos dous entrantes e un prato principal, todo para compartir.

Loaira Pontevedra 04 Loaira Pontevedra 05

O Salmón fumado, mariñado e afumado por nós, cunha maionesa de mostaza e os nosas verduriñas en vinagre.
Fantástico. Saboroso e delicado, bo acompañamento da cenoria e cebola morada cun sutil e agradable toque de vinagre; a maionesa de mostaza reforza positivamente o sabor do salmón.

Loaira Pontevedra 07 Loaira Pontevedra 08

O variado de croquetas de centolo, de boletus e trufa, e de luras. Ostensible a man que elaborou a crema, fina, homoxénea, moi agradable ao padal, e radicalmente diferentes no sabor; sen resultar empachosa, a esencia de cada variedade está patente na textura final, na integración coa crema, e, sobre todo, no sabor. Moi, moi ricas. Respecto ás preferencias, van depender de cada quen.

Loaira Pontevedra 10

O arroz negro de luras e alioli: risotto cremoso, cun toque de algas. Moi traballado. É, nin máis nin menos, o que promete. O arroz ao dente, a cremosidade da salsa negra, o toque sabrosón do alioli que rompe coa homoxeneidade do risotto, os tropezóns… Un arroz moi destacable para un repugnante dos arroces.

Loaira Pontevedra 12

A tetilla con marmelo: o queixo cremoso cun doce de marmelo. No noso caso tratábase de marmelada de framboesa. Se ben non se pode falar do toque innovador presente noutras propostas, a elaboración resulta perfecta e o bocado pecha con elegancia unha comida que resultou moi especial.

Bebemos unha caña e unha copa de Mencía, e, con café, pagamos 23€ por cabeza.
Pareceunos un prezo bastante máis que razoable para unha moi boa comida (as cantidades, como ben nos informou o camareiro, son abundantes, para compartir, e a nós resultáronos suficientes). Como dicía no encabezamento, desfrutar dun cociñeiro Michelín (que si, que está presente en cada bocado) a prezos de comida –case– diaria.

Loaira Pontevedra 01

Loaira, ‘raio de sol ou claro entre nubes ou chuvia, primeiro raio de sol trala chuvia; candelo, raiola, raxeira, razada’ (Digalego).

Eirado, entre outras acepcións, ‘pequena praza entre as casas da aldea; sinónimo, cando é de terra, terreiro’ (dicionario RAG).

Probas palpables de que as palabras teñen esencia, vida propia, de que cando unha mente creativa procura sonas para os seus locais.

De ter bautizado o seu restaurante, a base de obviedades, como ‘Praza da leña’, o nome non tería pasado de aí, dun nome máis que se perdería entre a multitude. Pero cando se opta por un case-sinónimo, Eirado, o Eirado da leña, a cousa cambia radicalmente; o substantivo, efectivamente, da substancia ao local: en moitos casos xa se está a falar, simplemente, de ‘o Eirado’, sen necesidade de apelidos, algo que xamais tería pasado no caso de ser ‘a Praza’.

Pero, e isto aínda resulta moito máis salientable, o local, o restaurante, tamén dá unha inesperada vida a un nome galego que, como toda a nosa lingua, languidece nun longo e tortuoso camiño de desaparición.

Loaira
Iñaki Bretal

Praza da Leña 1
36002 Pontevedra
986 85 88 15
GPS: 42.4327215N,  8.6432117O
Facebook
Cociña: moderna con base tradicional
Prezo: 25€
Michelín: Recomendado