restaurante segredos do mar

Había tempo que tiña ganas de escribir esta entrada.
Coñecimos o Segredos do Mar (Castelo do Neiva-Viana) no verán de 2007, por pura casualidade. Andabamos á procura doutro restaurante recomendado pola zona (xa non lembro o nome) e caímos no Segredos nun zona case perdida pero fermosa e con moita oferta gastronómica.

Restaurante Segredos do Mar

Desde entón regresamos periodicamente a reencontrarnos co mar.
Para Luis e Luz converteuse case nun local de culto.
Non é fácil chegar, así que para os que non temos GPS (41º37’37”N  8º49’02”W), aí vai un pequeno mapa xunto cunhas indicacións.

Restaurante Segredos do Mar Mapa

– Saír de Viana pola estrada vella (ponte de ferro)
– Pasada a ponte, seguimos arredor de 1 Km
– Rotonda. Indicador á dereita: Castelo do Neiva 4
– Todo seguido por esta aproximadamente 6 km (vai paralela á liña do mar)
– Desvío á dereita, ‘Praias’
– Seguimos por esta ata o fondo, sobre 2 km (agora baixamos cara ao mar. Sempre dereitos!)

É zona de praias con servizos así que se o tempo o permite (especialmente o vento) podemos aproveitar. Se non, seguindo por onde está o restaurante, ao fondo á dereita, topamos o faro e a imaxe que define a zona: o xeito de gardar as barquiñas de pesca coa propa levantada ao ceo.

Restaurante Segredos do Mar Praia Castelo do Neiva

O Segredos do Mar (‘Restaurante-Marisquería’), é, por dentro e por fóra, o típico restaurante de costa, de praia, a carón do porto. Pintado en azul ceo por fóra, por dentro é amplo; manteis de papel, mesas e sillas de madeira e decoración marítima.

Restaurante Segredos do Mar

Cociña do mar sen segredos, todo o segredo co que se venden está no produto deste mar de Viana. Mariscos e peixes moitos deles acabados de coller polos pescadores da zona. Carta ampla a base de mariscos e clásicos da cociña de mar portuguesa (arroces de marisco, cataplanas, bacallao, polvo na brasa e ao forno, peixes á prancha, etc.) e algunha que outra sorpresa (espetada de lulas e gambas); ademais, tamén carnes entre as que podemos mencionar a Posta a miradesa.

Para rematar coa oferta, e dependendo do día, un par de pratos de tempada e do que traia hoxe a mar. Onte, por exemplo, lamprea e robalo. Non verán as sardiñas á brasa son espectaculares.
Oferta de viños limitada pero suficiente, con destaque para os alvariños.
Postres da casa (mousse, torta de bolacha, leite creme, pudim, torta do día…) e a típica carta de xeados industriais.
Servizo familiar, próximo e cálido.

Restaurante Segredos do Mar Santiaguiños

Onte comimos medio quilo de santiaguiños (a 40 euros o quilo), pequenos pero saborosísimos (son unha das iconas do Segredos do Mar) e o polbo ao forno (de todos os que probamos ata o día de hoxe, o que menos nos gustou; algo seco e un chisco duro). Moito mellor calquera dos arroces, ou as cataplanas, ou a espetada, ou calquera dos peixes (incluídos o propio polbo ou as sardiñas en tempada).

Dependendo do menú, a comida está arredor dos 15 euros persoa (sen marisco) e, con marisco, onte pagamos 25 euros cada un (o medio quilo de santiaguiños, o polbo, dúas sobremesas e un café; bebimos cervexa e auga).
Ollo! As doses son moi abundantes. Non é raro (con toda a dor de corazón) mandar de volta parte do prato forte.

Restaurante Segredos do Mar

Para nos é restaurante de cabeceira na zona. Óptimo para recobrar aqueles días de descoberta polo norte de Portugal, sen présas e un pouco ao leilán, baixando a cada recuncho perdido.
Tamén para facer parada e fonda eses outros días nos que vas ao Factory ou a Ikea
Restaurante Segredos do Mar
Avenida da Praia s/n
Castelo do Neiva
4935-572 Viana do Castelo
Tfno: 258 871 434
Móbil; 917 323 977
GPS: 41º37’37”N   8º49’02”W
Localización en Mapas de Google