restaurante nueva cepa. poio

Era unha visita anunciada, pero que andaba por aí difuminada.
Todos na familia coñecían as zamburiñas e o arroz do Nueva Cepa agás nós. A invitación de Laura e Mayka estaba enriba da mesa pero, por esa teima de adiar e adiar as citas sen data, pasaban os meses sen concretar o momento.
E o momento xurdiu onte.

Restaurante Nueva Cepa 02     Restaurante Nueva Cepa 03

O restaurante Nova Cepa está en Poio, no lugar de Fontenla, para os que teñades a referencia, fronte por fronte ao instituto.

Restaurante Nueva Cepa 01

Un pouco no alto, as vistas sobre a ría de Pontevedra pagan por si mesmas a visita.
O local é amplo, cunha pequena terraza para o verán, e os baixos dedicados a taberna para tapeo.

Restaurante Nueva Cepa. Comedor  Restaurante Nueva Cepa. Terraza e vistas

Dentro do clasicismo e a estética propia deste tipo de locais, a decoración é coidada e o comedor resulta agradable, axuda a gozar da comida, sobre todo se, como nos pasou a nós, estás nunha das mesas da ventá (o tempo non axudaba demasiado para comer na terraza).

Restaurante Nueva Cepa. Sangría

Carta ampla e variada baseada nos produtos da ría.
Mariscos segundo o mercado, peixes preparados de diferentes xeitos, arroces, carnes á braxa, etc. Proposta de viños suficiente.
Nós non temos nada que pensar pois o menú vén feito pola tradición: zamburiñas e arroz de lubrigante. Para beber sangría e auga.

Restaurante Nueva Cepa. Zamburiñas     Restaurante Nueva Cepa. Zamburiñas

As zamburiñas, na liña, por exemplo, do Pintos de Cambados, son ao forno e non á plancha. Neste caso coa preparación das vieiras e a variación dun pequeno toque persoal: o prebe (aceite, ceboliña, pan raiado…) está pasado pola batedora de xeito que se trata máis dunha pasta moi fina que do prebe típico.
Dúas ducias de zamburiñas que voan coma se fosen tres unidades. Moi ricas.

Restaurante Nueva Cepa. Arroz de lubrigante     Restaurante Nueva Cepa. Arroz de lubrigante

O arroz para os catro está cociñado en base a dous lubrigantes. Arroz que non é caldoso pero tampouco totalmente seco, máis ben cremoso. Está rico. Para o meu gusto arroceiro poderían terlle sacado un pouco máis de intensidade ao sabor dos bichos, pero esta rico. Non queda nin o cheiro.

Restaurante Nueva Cepa. Filloas     Restaurante Nueva Cepa. Mousse de Chocolate

Antes de pedir a sobremesa traen chupitos (licor café e crema de leite) e unha caixa de bombóns de bocado xeados.
A lista de sobremesas caseiras é ampla, pero eu non dou máis de min. Carmen pide filloas e Mayka mousse de chocolate.
O que si que non perdono é o café.

Restaurante Nueva Cepa 14

O prezo, aínda non 40 € por persoa, acaba de converter esta Nueva Cepa nunha boa opción para mariscos e peixes a bo prezo na beira norte da ría de Pontevedra.

Restaurante Nueva Cepa
Rúa Penedo 4
Fontenla
36995 Poio
Teléfono: 986 770 913
GPS: 42º26’37.70”N  08º31’30.50”W
Localización en Mapas de Google


Translate »