restaurante miga. a coruña

‘Cando Adrián Felipez explica o seu concepto gastrónomico prefire falar dos seus avós… do próximo, do que se produce arredor, dos sabores que invitan a mollar o pan…’ (Pantagruel, supongo)

Restaurante Miga 05

De acordo co concepto de ‘préstamo’ que expuña na entrada anterior (De copias, plaxios, piratas e outros palabros), collín prestadas tanto a introdución como a foto da Costela confeitada, de Manoel Foucellas (Pantagruel Supongo):

Restaurante Miga 12

Miga é un local do casco histórico da Coruña (Praza de España), con pouco tempo de vida e que xa está dando moito que falar. Aínda que nunha casa antiga na que dominan a pedra e a madeira, estamos ante un espazo fresco, diáfano, moderno, moi agradable. A clave, a conxunción do granito con madeiras claras, espellos, mobeis de deseño limpo, moi na liña dos anos sesenta nórdicos.
O concepto… xa o vedes, en propias palabras do autor, cociña inspirada nas lembranzas dos avós, nos produtos da terra, nos sabores que invitan a mollar a miga do pan.
E, claro, consonte a filosofía e para comezar, unha variada cesta de pans: de Carral, de Carballo e un propio, un logradísimo pan de castañas. Todos eles ben crocantes… e con abundante miga.

A carta é orixinal e o servizo, correcto, recomenda pedir para compatir.
Pregunto por menú tipo degustación (aparece en Pantagruel, reservado con anterioridade e de xeito expreso) e din que non, pero que poden preparar un menú para coñecer a cociña Miga. Aceptamos e é aquí cando metemos a zoca. En vez de pedir nós ao noso gusto, tráennos dous primeiros e dous segundos elixidos por eles.
Ben explicado, en que consistía a ‘proba’, teríamos renunciado a ela e seleccionado nós os pratos. Seguro que resultaría aínda máis satisfactorio.
En fin…, un lunar que non turba o global da comida.
Algunhas das propostas da carta: Zamburiñas, queixo do país e tomate (14€); Navallas Thai, perlas de pandanus (14€); Bonito do Norte soasado, sopa de tomate negro, aguacate, aire de soia (16€); Arroz de fazulas e cantharelus, cremoso de trufa (19€); Cacheira de porco Duroc, repolo e berza, cremoso de pataca (18€); Lombo de tenreira galega na brasa (19€); Selección de queixos, contrapuntos (12€); Compota de mazás, cacahuete, toffe, xeado de nata (6€); Piña á brasa, pasión, menta, coco (6€); Chocolate, castaña, orujo (6€).

Restaurante Miga 08
Comezamos coa Ostra na brasa

Restaurante Miga 09
A Stracciatella trufada, champiñóns e tomate confeitado

Restaurante Miga 10
Os Croques ‘á feira’

Restaurante Miga 11
O Peixe cabra fritido; ponzu de piparras

E, como xa queda dito, a Costela confeitada e á brasa con boniato, allo asado e millo crocante.
A verdade é que, cada un na súa liña, todos os pratos merecen un destaque; particularmente e en conxunto, moi ben.
A agradabilísima sorpresa dos croques á feira; o divertido de comer coas mans un cabracho do que o máis salientable eran as espiñas (a carne algo seca); a luxuria da ostra que enche e rebenta o mar na boca; a orixinalidade (un dos meus favoritos do día) da stracciatela; a melosidade e acabado (outro que me quedou especialmente marcado) da costela.
Xa vedes: produto de aquí, variado, con preparacións atípicas e orixinais e técnicas moi coidadas.

A mágoa foi que chegamos ao final sen a mínima fenda para coar unha sobremesa; e mira que as había tentadoras…! En fin, o dito, unha metedura de zoca da que non paga a pena buscar culpables; de ser por nós teríamos pedido dous primeros, un segundo e sobremesas. Sobre todo ollando a sona desa cacheira de porco, do arroz de fazulas, dos queixos cos seus complementos, do chocolate con castañas, etc, etc, etc.

O prezo? 41 euros cada un (caña, copa de Ribón tinto e agua; sen sobremesas nin cafés). Semella xusto, no seu lugar, nin alto nin baixo.
E a clave: poderíamos ter comido mellor (máis ao noso gusto) e quizá por menos.

Restaurante Miga 03

PD: Este blog está a piques de cumprir o oitavo ano de vida. Son moitos días, moitas comidas e moitos restaurantes.
Teño por norma (respectada rigorosamente ao longo destes anos) non identificarme como blogueiro en ningún restaurante (despois de todo, quen son eu?); nin ao principio, nin ao final e tampouco no medio.
Quero coñecer os locais de xeito anónimo, como farías ti ou aqueloutro. O contrario, sexa pouco ou moito, sempre mediatiza, predispón, inflúe a favor ou en contra, e creo que non dá a medida exacta do que imos atopar o noventa e nove por centos dos mortais que imos aos restaurantes.

Miga
Adrián Felípez

Praza de España 7
15001 A Coruña
881 924 882
GPS: 43.372650N  8.396349O
Web
Facebook
Instagram
Cociña: de produto, actual
Peche: domingo noite; luns
Prezo: 30-60€
Repsol: Si


Translate »