calidade e tradición desde 1930

O restaurante Lusitano, en Lobios, é un referente no Xurés desde hai case cen anos: pola calidade do produto, polo servizo, polo acertado das elaboracións e, tamén, polos prezos accesibles.

CamScanner 11-03-2021 19.55

Nunha placa na parede pódese ler: ‘O Lusitano, lugar de encontro dos amantes da calidade e a tradición da boa cociña desde o ano 1930’.
Pouco máis habería que engadir.

Non na década dos trinta, pero si empezamos a ir habitualmente ao Lusitano a finais do pasado século.
A tradición marcaba visitar o Xurés-Gerês polo outono, case sempre arredor de Santos. Mandaba, tamén, comer no Lusitano antes de afrontar a subida a Portela de Homem. E, unha vez no Lusitano, as recomendacións primeiro, e o costume despois, obrigaban a comezar por un prato de entremeses caseiros e seguir cunha boa costeleta de tenreira.

Teño por aí a conta de 1999, do seis de novembro. Unha táboa de embutidos 950 pesetas; dúas costeletas a 900 pesetas cada unha; tarta de chocolate 225; auga grande, 100 pesetas. Total, redondeando e con IVE, 4300 pesetas.
Cinco anos despois, e coa reconversión ao euro, os prezos seguían a ser bastante equivalentes: os embutidos e as costeletas a 9€. O total da comida ascendera aos 31,65 euros. Daquela aínda se levaba, como referencia, poñer o prezo nas vellas pesetas: 5.300 pesetas.

Geres 2021 44 LusitanoGeres 2021 49 Lusitano2

A carta é ampla e moi, moi variada.
Entrantes que van desde a Chacina de vaca con lascas de queixo parmesano e aceite da Illa (10€) á Ventrecha con tomate (10€), pasando polas ensaladas (ata catro diferentes, por poñer un exemplo, a de Follas tenras con queixo de cabra acaramelado, tomatiños cherri e vinagreta de castañas, 10€), e polos entrantes quentes (Zamburiñas na prancha con allo e pirixel (14€), Pemento recheo de carne e setas gratinado con queixo (4€ unidade) ou Espárragos verdes gratinados con xamón (10€). Hoxe, ademais, e como ocorre dous días ao mes, polbeiro á porta sacando uns pratos de madeira que dá gusto velos e que case nos fan ser infieis á tradición.
Tres arroces, disque, os tres, míticos: o Meloso con bacallau e grelos (24€), o Meloso con lumbrigante e zamburiñas (30€), e o Arroz caldoso de corzo (24€).
Algún peixe, en especial bacallau (estilo ‘arraiano’ 17€, e o gratinado con muselina de allo e puré de patacas 17€).

Un dos referentes da carta do Lusitano son os pratos de caza: unhas Croquetas de xabaril con mollo de queixo (12€), as Fabas con xabaril (10€) e Ragout de cervo estufado ao estilo Xurés con arroz branco.
Hai un menú cinexético (só por encargo) que consta de catro pratos (croquetas, fabas, arroz e un guiso de cervo e setas de tempada, por 28 euros persoa).

Apartado especial para a carne de cachena da serra do Quinxo, tamén previo encargo, e que pode ser ao caldeiro, estufada ou costeleta na grella; en calquera dos casos, 25€ ración.

As carnes na grella: Posta de tenreira fileteada (20€), Entrecosto de tenreira á pementa verde (16€), Presa de porco Duroc fileteada (500 gr, 15€), Carne de Picanha (1kg, 38€).

Menú do día que fai que o local estea a tope e que teñamos que esperar un bocadiño.
Bebemos un Ribeiro tinto da casa con gasosa.

Geres 2021 43 Lusitano

Comezamos, como non podía ser menos, pola táboa galega de embutidos (13€).
Ración abundante de lombo, salchichón, chourizo de caña e chourizo galego. Todos, sen excepción, de boa calidade e moi ricos. Botamos de menos un anaco do queixo que antes si puñan e que agora se ofrece á parte como táboa variada (10€), pero o sabor lembra os vellos tempos.

Geres 2021 47 Lusitano2

Hoxe, a única costeleta que queda na carta, é a especial de cachena da serra do Quinxo e que ten que ser por encargo. Así que tiramos polo chuletón de tenreira de 1 quilogramo (peso aproximado; 22€).

Geres 2021 48 Lusitano

A costeleta vén apenas marcada e cunha placa (gas) para pasala ao gusto.
Non me canso de dicir que cada vez son máis de peixe e menos destes tacos de carne enormes, pero a excepción de hoxe pagou a pena.
Con pementos de Padrón e patacas asadas coa súa pel, a carne é, e está, excepcional.

Geres 2021 51 LusitanoGeres 2021 52 Lusitano

Boa carta de sobremesas, a maioría a 4€. Pedimos as Filloas acarameladas recheas de xeado e o Queixo da montaña de Entrimo con marmelo e mel do Xurés.

Fantástica comida que responde a todos os tópicos: boa, bonita e barata. Ao final pagamos 27€ por cabeza que, dado o menú que era, non está nada mal.
Regresar ao Lusitano sempre é un gusto.

Restaurante Lusitano
Estrada de Portugal, 47
32870 Lobios (Ourense)
+34 988 448 028
lusitanohotel.com
Facebook
Instagram
GPS: 41.901489N, 8.084011O
Cociña: tradicional, carne, caza
Prezo: 20-40€