,

restaurante la solana. cabanas

Onte senteime a falar do restaurante La Solana e acabei escribindo polos cerros de Úbeda (ver entrada).
O caso é que empezaba dun xeito moi esperanzador:
(Despois de demasiados días apertando o cinto, e dun par de intentos insatisfactorios, o xoves de semana santa pillounos polo norte. O meu descoñecemento da zona levounos a pedir acougo á penúltima guía de restaurantes galegos…).
Pero ao final enleeime cunha dura crítica, máis bibliográfica que gastronómica.

_1090498

A guía en cuestión é ‘Disfrutar Galicia. Guía de restaurantes 2012‘ da Voz de Galicia e a verdade é que, malia todo o escrito, nos aconsellou cun resultado perfecto.

Restaurante La Solana 01  Restaurante La Solana 09

La Solana está na praia da Magdalena, en Cabanas, provincia de A Coruña, a tiro de ollo de Pontedeume.
Trátase dun local de ampla traxectoria ao que os anos veñen aportando soleira e non soamente anos ou un simple envellecemento. O contorno é fantástico… pero non menos que local. Tres espazos claramente diferenciados: un bar, unha sala rústica con aires actuais, e a terceira, ata a que nos levan, decorada nun logrado estilo minimalista, moi na liña dos grandes restaurantes de vangarda, na que non faltan algunhas pinceladas artísticas nin o seu toque de deseño.

Restaurante La Solana 06

O comedor principal está realmente logrado. Mínimo, serio pero alegre, cómodo, equilibrado, acolledor… O toque de cor das imaxes das paredes é o que dá a feitura final definitiva.
Sen dúbida un dos espazos máis atractivos dos visitados nos últimos meses.

Restaurante La Solana 07

A carta é axustada, sen estridencias nin excesos, tampouco eivas, cunha liña de inspiración inequívoca: a cociña de mercado.
Carta de viños na que destaca a información de cada etiqueta e o xeito de presentala. Non é ampla pero si de cualidade e cunha gama significativa. En contra de toda lóxica (local, carta, selección…) bebemos un par de cañas.
Ademais da carta-base ofertan (e recomendan) de viva voz algúns pratos de tempada; hoxe, en concreto, unhas cigaliñas (‘non son grandes pero si moi boas’) cocidas ou á prancha; outro: a lamprea á bordalesa.
As preparacións, en xeral, básicas, ‘limpas’, sen complicacións innecesarias, desa cociña na que o produto queda ‘ao aire’ e esixe unha técnica culinaria perfecta.

Restaurante La Solana 10 Restaurante La Solana 13

E esta é precisamente a bandeira que enarbora La Solana: produtos de mercado de primeirísima calidade, preparados para manter a esencia do propio produto e traballados cunha técnica exquisita.
O resultado final trunfa dun xeito que non tiñamos oportunidade de gozar desde había xa uns meses.

Comezamos co canapé de cortesía: sandwich de queixo de untar con cuarteirón de tomate sherry e lasca de foie.
Pedimos unhas ameixas á prancha e no único erro do día (menor, piden todo tipo de desculpas, buscan rectificar) tráenas á mariñeira. As ameixas son magníficas e a preparación perfecta. Só nos queda a dúbida do que terían dado de si estas mesmas ameixas pasadas unicamente pola prancha por estas mesmas mans.

Restaurante La Solana 14 Restaurante La Solana 15

De prato, Carmen un Peixe sapo rebozado con salsa de croques e pataca panadeira. Eu, o recomendado Bacallau ao estilo de Porto.
Fieis a nós mesmos, cada un nos decantamos polo nosa propia elección.
O bacallau, á brasa, con pataquiñas chip, coas súas olivas negras, con esa ceboliña refogada nun chisco de vinagre… paréceme, sinxelamente, perfecto. Sabedes da miña debilidade polo bacallau e que adoita ser un prato ao que volvo sempre que podo. Sen dúbida uns dos mellores que probei. A cor, a separación en lascas perfectas, o sabor, ese punto exacto de sal que dá vida pero non se fai lembrar durante toda a tarde, o aire de vinagre que, sen molestar, suaviza o bacallau… En fin, unha xoia.

Restaurante La Solana 16 Restaurante La Solana 18

Para a sobremesa pedimos Cañas (acompañadas con xeado de pistacho) e Variado de xeados (3 bólas: nata, froitos secos e mantecado). O xeado cumpre á perfección a súa encomenda: asenta a comida e refresca a dixestión; pero neste caso voto sen paliativos pola elección de Carmen: as cañas encántanme, quizá porque á masa nun punto exacto únese unha crema pasteleira, suavísima, saborosísima, en absoluto empalagosa, aveludada en boca, excepcional.

Restaurante La Solana 03

Relendo a entrada descubro que os cualificativos que utilizo deixan ben ás claras a miña opinión sobre esta excepcional comida á que queda pouco por engadir.
Talvez que o prezo non resulta desorbitado senón máis ben axustado e proporcional ao coidado e delicadeza do local, á xusta profesionalidade do servizo, á cualidade do produto, á profesional e sabia man que o trata, etc.
Pouco máis dos 35 euros por persoa é un prezo cada vez máis habitual en moitos locais mediocres, con ínfulas pero sen fundamento, a anos luz desta Solana que merece cada euro que pagas nela.
Un restaurante que me estraña non apareza recomendado en máis guías, incluso nas máis esixentes, recomendable fóra de toda dúbida, para repetir, e insisto, cunha proxección mediática e recoñecementos que non alcanzan a súa auténtica valía.

Restaurante La Solana
Estrada da praia 6
Praia da Magdalena.
15621. Cabanas.
Teléfono: 981 430 960
E-Electrónico: restaurantelasolana@gmail.com
GPS: 43º24’60"N  8º10’8"W
Localización en Mapas de Google