restaurante grill costa do vez

O Grill Costa do Vez (Hotel Costa do Vez, Arcos de Valdevez), é todo un clásico dentro da cociña minhota. Asoma no meu cadro de honra de restaurantes do norte de Portugal (Restaurantes) con presenza en tres das guías gastronómicas: Guía de restaurantes de José Silva (mencionado), Revista Wine (2,4 sobre 5) e Guía Michelín (Big Gourmand). Penso que se trata dun dos locais do norte de Portugal con maior tradición na guía Michelín, que ademais, recomenda, o hotel como Bib Hotel.

Restaurante Costa do Vez 1Restaurante Costa do Vez 2Restaurante Costa do Vez 5

Conta cun amplo aparcamento que comparte co hotel.
Sala de tamaño medio con decoración rexional moi equilibrada, sen excesos, combinando á perfección pedra, madeira e azulexos cun resultado, dentro do seu estilo rústico, do mellor que coñezo. O seu éxito radica no tipismo sen caer na sobrecarga dos espazos. 
A carta é ampla cunha completa oferta de pratos rexionais minhotos nos que non faltan os de temporada e unha atención especial aos produtos preparados na grelha, peixes diarios chegados de Matosinhos e algunha que outra carne. Ten sona na rexión o cozido á portuguesa (unicamente os domingos e martes; confirmar antes de lanzarse á aventura). Doces tradicionais caseiros. Aceptable selección de viños con atención moi especial aos verdes.

Restaurante Costa do Vez 9pataniscas-bacalhaucharutos

Entrantes típicos e case tópicos, pan, manteiga salgada, queixiño, boliños, pataniscas de bacallao. Somos tres e nos decantamos por unha posta de vitela con cogumelos e prebe de mostaza e un bacallao Costa do Vez (moi tradicional: frito, con abundante cebola e patacas, olivas e ao forno). Suficientes dúas racións para tres adultos (de non moito comer) e probar todos un pouco de todo. Os dous resultaron fantásticos (que xamais se vos ocorra dicir ‘exquisitos’ en Portugal), en especial a carne, no seu punto perfecto e o toque rompedor da mostaza. De sobremesa, un sorbete de limón (prefabricado), un abade de Priscos e os tradicionais charutos dos Arcos (algo semellante ás cañas pero preparado a base de masa de azucre, améndoas e ovos, non leva recheo; ou sexa, nada que ver coas cañas e si moito en común con todos os doces portugueses a base de azucar e ovos).
Mollamos cun alvarinho embotellado especial para o Costa do Vez, sen alardes pero moi apropiado; algún refresco e dous cafés.
Total, faltaron uns céntimos, pero non chegamos aos corenta euros, o que fai que a conta revalorice aínda máis a comida.

Longos Vales 11Longos Vales 07_2Longos Vales en Outono 03

Despois de moito esperar, por fin sei de onde lle vén a sona e as referencias nas guías ao Restaurante Grill Costa do Vez. Paga, absolutamente, a pena.
Paga ben unha excursionciña para coñecelo. Desde Galicia, sempre por Monção, ben pola estrada directa (parada obrigada á saída para ver o Palacio da Brejoeira, mapa), ou ben pola variante que sae un pouco máis adiante e nos leva por Longos Vales (espectacular paisaxe de viñedos, mapa) e logo, desde o mesmo nacemento, por todo o val do río Vez. Recomendable esta segunda pero tamén leva bastante máis tempo.
Restaurante Grill Costa do Vez
Quinta de Silvares
Estrada de Monção – Salvador
Arcos de Val de Vez (4970-483)
Teléfono: (351) 258 516 122
Fax: (351) 258 521 157
Web: www.costadovez.pt
E-e: costadovez@sapo.pt
XPS: 41º51’14’’N  8º25’22’’W
Localización en Maps de Google
Michelín: Big Gourmand
José Silva: Mencionado
Wine: 2,4/5

Posted in portugal, portugalNorte and tagged , , , .