restaurante galego do ano

No caso de ter que outorgar unha distinción ao ‘restaurante galego de 2009’ eu, despois de pouco pensalo, votaría por Culler de Pau.
A historia de Culler de Pau é curta, apenas seis meses de vida en 2009, pero meteórica e chea de momentos esteleares. Ben é certo que a traxectoria de Javier Olleros vén de lonxe e máis de un xa seguimos os seus pasos desde hai anos. No meu caso foi cuestión dunha entrevista ao seu pai na cadena SER (Hotel Mar Atlántico, San Vicente, O Grove), na que explicaba como tiña un fillo que nos meses de temporada baixa do hotel dedicaba as súas vacacións a percorrer as cociñas dalgúns dos mellores restaurantes españois (Berasategui, La Broche, Solla, Pepe Vieira…).
O resultado: coa mestura de Olleros con dous colegas xaponeses, Tanaka e Hakio –cociña fusión?-, abren as portas no segundo trimestre de 2009. No resto do ano os acontecementos precipítanse: invitado a Madrid Fusión; en Madrid pelexa ata o último minuto polo título de ‘cociñeiro revelación’, seica  para moitos foi unha sorpresa que ao final o título recaese sobre o grupo de cociñeiros do restaurante Libentia, de Barcelona; acollen a celebración da festa anual dos blogastrónomos galegos; entran no Grupo Os Nove… Pode pedirse máis para medio ano de vida?
Restaurante Culler de Pau 3Restaurante Culler de Pau 12Restaurante Culler de Pau 8
Visitamos o Culler de Pau un sábado de principios de xaneiro. Malia o despracible do día, as primeiras impresións foron magníficas, o edificio por fóra, a decoración interior, a gran cristaleira á ría, o minimalismo, sobrio pero acolledor, o gusto polos detalles. Fiquei especialmente prendado da figura humana en ferro que hai nas escaleiras que baixan aos sotos. Cando chegamos estaba baleiro pero enseguida cubriron outras catro mesas que, para o mediodía, sábado e acabados de saír das papatorias navideñas non está nada mal.
Ao ser a primeira vez pedimos o menú de degustación. Empezamos cun Ovo ‘da casa’ á carbonara de san Simón con migas de pan; logo viña o Outono en Reboredo… cogumelos e castañas sobre xelatina afumada; o peixe era unha pescada con caldo de algas e legumes, vinagreta de cítricos e aceituna negra, e a carne un Carrillo de ibérico co seu prebe, marmelo e noces. Para acompañar os pratos pedimos un Val de Sil 2007, tinto de Valdeorras, Godello sobre lías, que vos estaba ben bo.
Restaurante Culler de Pau 17  Restaurante Culler de Pau 19  Restaurante Culler de Pau 20  Restaurante Culler de Pau 21
Leo, na súa páxina de Os Nove, que se definen como unha ‘cociña de sinxelas raíces galegas’, paréceme acertado, os catro pratos están baseados nun tratamento exquisito de inmellorables produtos galegos; se algún pero, é que non aposten decididamente por algo máis de risco nos pratos, claro que, con seis meses de vida e aínda sen un oco propio na gastronomía galega, o risco inicial sería un pouco de camicaces. Como bo larpeiro disfrutei coma un cativo coas sobremesas, un cremoso de Requeixo ‘das Neves, xelado de mel e granizado de mazá, e unha Torrada ‘da avoa’ caramelizada, café, leite e cacao; o sabor do xelado de mel é un dos que máis me quedaron pegados ao padal.
Restaurante Culler de Pau 23 Restaurante Culler de Pau 24
O prezo, de 38 euros por persoa, fóra o viño e os cafés, pareceume moi axustado e anima a volver en breve.
O comentario que fixemos entre nós mentres saïamos pola porta define á perfección a valoración que fixemos do Culler de Pau, ‘non tarda moito a primeira estrela…’

Restaurante Culler de Pau –  Javier Olleros
Enderezo: Reboredo 73
Localidade: O Grove (36980)
Teléfono: 981 57 70 03

Web: www.cullerdepau.com  
E-e: reservas@cullerdepau.com
Tipo: Mercado-Creativa
XPS: 42º 28′ 31.65″ N    8º 53′ 44.34″ W 

Localización en Google Maps
Verema: 8,5 (3) 

Posted in pontevedra, restaurantes, salnés and tagged , , , , .