restaurante el combatiente

Andabamos un pouco ao leilán polo Grove, poñendo en forma o apetito, cando nos dimos de bruzos con Luz e Luis e con Manuel e Loli. O mundo é un pano. A nosa intención era comer en El Combatiente, e alí acabamos os seis xuntos e tamén revoltos. Levaba as referencias da miña compañeira Pilar, unha das miñas mellores proveedoras de novos locais, e a verdade é que non nos defraudou.

Tarxeta do Restaurante El Combatiente O Grove

El Combatiente é un deses restaurantes de sempre (‘desde 1934’), detrás da casa do Concello, para comer o que se come no Grove, peixe e marisco de primeirísima cualidade e con elaboracións ‘sinxelas’, esas preparacións tan difíciles de conseguir e que procuran manter a autenticidade do produto. Eles mesmos, na súa tarxeta de visita, promociónanse como ‘Comida típica de sempre, a cociña da avoa’.

Restaurante El Combatiente O Grove     Restaurante El Combatiente O Grove   Restaurante El Combatiente O Grove

O comedor é pequeno e clásico, non admite máis dunha vintena de persoas; era sábado de febreiro, sobre as dúas e media e xa non había lugar para un alfinete. O local é cen por cen familiar, na cociña e ‘cantando’ os destaques do día, a nai; no servizo, unha filla; e o pai a facer relacións sociais entre as mesas e de cando e vez colaborar retirando os pratos. A oferta non ten segredos: marisco e peixe; hoxe, en especial, as zamburiñas, o bruño da ría, un rubio guisado, un par de robalos ao forno… (rubio e robalos, garantizados, auténticos, de rocha); a patroa, cos que somos e co seu tamaño axeitado, insiste nos robalos e, para reforzar a oferta, tráeos para que lles botemos unha ollada. Non se fale máis.

Comedor do Restaurante El Combatiente O Grove Un par de Robalos do Restaurante El Combatiente de o Grove
Para acompañalos, un Pazo de Señoráns.

Restaurante El Combatiente 12De entradas pedimos as zamburiñas, uns mexillóns en prebe de vieira e un par de anacos de empanada para probar. De ter que decidir, sen dúbida polas zamburiñas, execpcionais; a empanada moi boa, cun leve toque de follado; os mexillóns, a verdade, non están entre as miñas debilidades.

Claro que a festa do día estaba agochada nos robalos. Ante os nosos eloxios, a cociñeira non ten reparos en revelarnos o seus segredos culinarios: peixe de rocha moi fresco, ao forno, unicamente cun chisco de fumé de peixe e un pouco de limón. A receita produce un resultado espectacular. De acompañamento, unhas pataquiñas en rodelas acabadas de fritir.
Robalos frescos do Restaurante El Combatiente O Grove   Robalos ao forno do Restaurante El Combatiente O Grove

As sobremesas pasan un pouco desapercibidas. Torta de queixo ao forno, queixo galego, torta de galleta…
Para rematar, café de pota e unhas pingas nun dispensador moi peculiar, tanto que o meu amigo Manuel e mais eu pasamos a sobremesa tentando concretar a esencia do seu funcionamento.

Dispensador Gotas Augardente Restaurante El Combatiente  Dispensador Gotas Augardente Restaurante El Combatiente
Con todo o anterior, a comida saíunos por 32 euros persoa.
Globalmente é un local ao que si volverei sempre que estea no Grove e queira bo marisco ou bo peixe ao prezo que vedes.

Restaurante El Combatiente
Praza do Corgo 10
36980 O Grove
986 730 741
GPS: 42º49’63″N 8º86’56″W
Localización en Mapas de Google