restaurante do ano 2011

Na entrada anterior (O longo camiño cara ao noso restaurante de 2011) viamos a intensa reflexión que debería ternos levado a distinguir un dos restaurantes visitados en 2011 por riba dos demais.
Viamos como, por distintos motivos e despois dun duro debate interno, había magníficos restaurantes que quedaban no camiño.
Asistiamos a un apertado tirón final no que unicamente quedaban dous restaurantes excepcionais, calquera deles merecedor dos laureis de ‘restaurante do ano de Como, logo existo’.
Por fin, na meta e por menos dunha cabeza, o Alborada de A Coruña superaba por escasa marxe ao Yeatman de Porto.

logo_alborada13     The Yeatman 1

Ante un final tan, tan igualado, e aproveitando a visita anual de Alfonso, decidimos facer unha segunda visita para tentar clarificar o resultado.
Sen insistir en aspectos físicos, de servizo, etc, dicir que ao Alborada fomos o xoves 22 e ao Yeatman o luns 26.

Restaurante Alborada 05

O Alborada estaba, literalmente, ata a bandeira: todas as mesas ocupadas.
Pedimos seguindo a carta e acompañamos cun cava Raventós i Blanc Gran Reserva de la Finca (22€).
O aperitivo consistiu nunhas lentellas con puré.

Restaurante Alborada 06

De entrante, José e mais eu a Terrina de foie caramelizada con mazá e Cavernet Sauvignon e Alfonso unha Tosta de anchoas con queixo e mus de pemento.

Restaurante Alborada 07     Restaurante Alborada 08

De prato, un Bacallao á prancha con chícharos e xamón, unha Paletilla de cordeiro lechal con chalotas e un Pargo á braxa con prebe de viño tinto.

Restaurante Alborada 09     Restaurante Alborada 10

Sobremesas: Torta de chocolate quente co magnum, Torta de mazá con xeado de canela e Laranxa con iogur e fresa.

En xeral a comida está correcta e pagamos algo máis dos 50€ por persoa.
O foie moi ben, pero o bolo que trae de acompañamento un chisco mazacote, pouco cocido. O bacallao no seu punto, branquiño, tal vez algo desalgado de máis para o meu gosto; os chícharos excepcionais. A sobremesa gustoume especialmente.

Restaurante Alborada 11

Segundo José e Alfonso, a comida OK: moi ben pero sen grandes sorpresas, sen dar o salto ao fóra de serie.
A tertulia conseguinte -cos cafés e unss petit fours- xira arredor de se podemos valorar ou non a un restaurante por unha comida como a de hoxe, se, a partir dun entrante, un prato e unha sobremesa dispoñemos de criterios suficientes para respaldar unha estrela Michelín.
A opinión de Alfonso é que si ten criterios suficientes, que unha estrela Michelín debe ser quen de sorprender ao comensal de principio a fin… e non valen as excusas dun mal día ou un mal momento (non do local, e do comensal?)

Eu son dos que pensa que non se pode comparar o Menú Gastronómico cunha comida como a de hoxe de entrada, prato e sobremesa. Na ocasión anterior os momentos excepcionais ou de sorpresa foron moi numerosos e variados, hoxe había moitas menos posibilidades e o mínimo erro pode esmagar toda a comida.

Restaurante Yeatman Hotel 18

Ao Yeatman fomos un luns, o día seguinte ao de Nadal, e acompañounos Pepe.
Pedimos o Menú Expresso, consistente en entrante (a elixir entre dous), prato (peixe ou carne) e sobremesa; vén cun copo de viño que pode ser branco ou tinto e o prezo é de 35€ por persoa.

Restaurante Yeatman Hotel 07     Restaurante Yeatman Hotel 08

O aperitivo consiste nunha proba de aceite do Douro e seis mini-bocadiños para estimular os zumes. A continuación, e segimos fóra do menú, pasamos a unhas tostas de foie sobre capa de anguía e acompañadas de tataki de espadarte.

Restaurante Yeatman Hotel 09     Restaurante Yeatman Hotel 10

Os entrantes do menú son os ovos de paspallás (tres, cada un cunha textura e un acompañamento diferente: fritido, cocido, pasado por auga, con xamón, pataca frita…); Pepe é o único que pide os boletos (sobre unha escuma con sabor aos propios cogomelos).

Restaurante Yeatman Hotel 11     Restaurante Yeatman Hotel 12

A carne é cabritinho da serra con menestra de verduras e patacas e o peixe bacallao negro de Canadá sobre verduras e con prebe de marisco.

Restaurante Yeatman Hotel 13

A sobremesa é un bolo de chocolate con améndoas, xeado por riba e escuma de vainilla e tella.

Restaurante Yeatman Hotel 14
Restaurante Yeatman Hotel 15 Restaurante Yeatman Hotel 16 Restaurante Yeatman Hotel 17

Cos cafés (incluídos no prezo do menú), o variado de petit-fours que vedes: tella de améndoa, macarroni, bocado de coco con chocolate branco, macaroons, etc.
Co prezo do cuberto incluído saímos a 38€ cada un.

O que é a comida resulta equiparable á de Alborada, quizá e malia ser menú pechado, un puntiño por riba. As atencións do Yeatman son superiores ás de Alborada, pois a penas difieren das que nos deron o día que Carmen e mais eu tomamos o menú Late Bottled Vintage. O prezo neste caso xoga a favor do Yeatman, e a relación entre o que pagamos e a comida, aínda máis.

The Yeatman 1     logo_alborada13

En resumo, se da primeira volta o Alborada quedaba algo por riba do Yeatman, nesta ocasión coincidimos en que é ao contrario: pola experiencia destes dous últimos días, o merecedor do título de restaurante do ano sería o restaurante do Yeatman.

A conclusión creo que non pode ser outra que dicir que estamos ante dous grandísimos restaurantes, con méritos suficientes calquera deles para ser o noso restaurante do ano 2011, así que optamos por otorgarllo aos dous ex aequo.

Posted in porto, portugal, restaurantes and tagged , , , , .