restaurante d.o.c., degustar, ousar, comunicar

Ou tamén DOC, Degustação de Origem Certificada.
Invento do chef Rui  Paula, chegado desde Alijó, onde se fixo un nome no Cêpa Torta, e que vén de abrir o DOP, no Palacio das Artes do Porto.
Malia o desapracible do día, ultimamente non estamos a ter nada boa sorte coa climatoloxía, a experiencia foi completa. Sen dúbida unha das mellores deste ano do que xa andamos pola sobremesa.

Río Douro en PinhaoO Douro en EspelloImaxe no Douro

O DOC está en Folgosa do Douro (Armamar), no corazón do Douro, na marabillosa EN-222 e literalmente sobre o río a xeito de palafita.
Todo intento de describir o contorno resultará infrutuoso, así que falo con palabras de Saramago i escribo que o contorno do DOC é, simplemente, a ‘oitava marabilla do mundo’, non en van, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Restaurante DOCO DOC de noite (da web do DOC)Vistas do DOC

O local é amplo, moderno, limpo, moi luminoso, cun gran ventanal aberto ao río que, no seu devagar cara ao Porto, transcorre aí en todo momento. Decorado sen excesos con materiais nobles entre os que destaca a madeira, mestura á perfección os tons tostados coa luz e o branco para reforzar a sensación de calor e acollemento. Entre os obxectos destacan as lámpadas esféricas, en diferentes diámetros, de Raimond Puts. Un detalle curioso a ter en conta é que contan cunha pantalla de gran formato na que, a través de circuíto de tv vemos a actividade permanente da cociña.

comedormesadoclampada
É luns ao mediodía -en Galicia ponte-, celebramos o noso aniversario i estamos os dous sos, con toda a atención do restaurante (por certo impecable nesa típica mestura portuguesa de proximidade e profesionalidade) para nós.
Pedimos o menú de degustación con viño ao copo, un branco de moscatel para o foie, un branco seco e un tinto maduro, loxicamente os tres de aquí, do Douro. Aceptables pero sen excesos. Salvo o Grandjó, acompañan sen aportar mínimas novidades.
DOC Degustacion de azeites A festa comeza cunha degustación de aceites de colleita propia.
De feito, os aceites do Douro forman parte da esencia do DOC que ofrece un menú específico co aceite como eixo inspirador.
No fondo dunha das cuncas de aceite, no momento, botan unhas pingas de vinagre balsámico.
DOC Terrina de Foie Gras em Vinho do Porto
Para comezar…
Terrina de Foie Gras em Vinho do Porto.
Vén sobre tosta de pan, unha capa de mazá, o mango desecado e adornado con redución de viño de Porto.
Eu son dos que sempre se deixa seducir por un bo Foie i este resulta dos realmente bos; a presentación e os complementos aportan variedade e riqueza ao prato.
O vinho Grandjó sublima a experiencia.
Un comezo inmellorable.
DOC Trilogia de Dados do Mar
Continuando…
Trilogia de Dados do Mar.
Tres bocados de peixe (robalo, peixe sapo e mero) sobre unha cama formada por un potpourri de herbas e ensaladas.
Fantástico. Deses pratos que pola súa sinxeleza e naturalidade fanche pensar que isto de cocinar débeche ser ben fácil…
DOC Risotto de Sapateira com garoupa e Cigala,...
Mar
Risotto de Sapateira com Garoupa e Cigala, e Espuma de Caviar de Ouriço do Mar.
Puro equilibrio e conxunción. A base, ademais de cor, serve de ligazón para os outros compoñentes do prato; a cigaliña, de primeira, o risotto no seu punto exacto. Unha delicia.
Mágoa que as escumas resulten tan volátiles…
DOC Sorbete de limón
Intermezzo
A estas alturas da comida agradécese o contrapunto dun sorbete de limón que, ademais de refrescar a boca e asentar o estómago, axusta un tempo que empezaba a resultar un puntiño acelerado.
DOC Carré de Cordeiro com Puré de Maçã Bravo de Esmolfe e Cogumelos salteados
Terra
Carré de Cordeiro com Puré de Maçã Bravo de Esmolfe e Cogumelos salteados.
Todo sobre un gnocchi recheado de cogumelos. E o cordeiro, por riba, leva unha costra de herbas francesas ligadas con mostaza
Este prato fíxoseme un pouco forte e pesado de máis; cada vez son máis de bocados de peixe e menos de carnes, i menos aínda desta contundencia. Enfrontarme a este prato a estas alturas da comida resultoume algo difícil. É posible que resulte demasiado complexo, unha certa concesión a outro modelo de entender a comida.
Cuestión de gustos.
Claro que faltou tempo para compensarmos cun presente fóra do menú e tamén do común ou do que é normal en España.
Restaurante DOC 33
Enterados dos motivos que nos levan a estar aquí e agora, tráennos un prato cun muffin de chocolate, unha bóla de xeado de améndoa e unha veliña acendida sostida sobre unha fresa. No medio, con chocolate negro acabado de fundir, ‘felicidades’. E de acompañamento, e para que poidamos brindar, dúas copas mediadas dun Porto de vinte anos.
Por momentos así é polos que eu adoro este país e estas xentes. Pola delicadeza, polos pequenos detalles, por este xeito de dar importacia a cuestións que para eles non deixan de ser anécdotas nimias.
Restaurante DOC 35E para acabar
Trilogia de Degustação (Souflé de Limão, Zabaione de Vinho do Porto Tawny e Gelado de Amêndoa Tostada).
Tres momentos nun so. Tres presentacións, dúas cores, unha única sobremesa.
Tres sabores, tres texturas, tres temperaturas. Tres pequenas obras de arte.
Un final que eleva o ton xeral da comida.
Pagamos 160 euros, sesenta de cada menú e resto de complementos.
É un prezo elevado. Non hai ningunha dúbida. Creo lembrar que o máis alto que pagamos nas nosas andainas gastronómicas deste 2010.
Foi unha comida cara? Diría que non. Foi desas ocasións especiais nas que cando pagas non é que te alegres, pero si recoñeces un traballo, un servizo, un trato, unha decoración, un contorno, unha chea de detalles… Unha ocasión única.
Segundo o meu criterio de valoración de locais, volveríamos?
Por suposto que si. A mágoa é non poder facelo unha vez ao mes, ou, como dicía o noso amigo José Luis, pena que unha experiencia así non entre pola Seguridade Social.
IMG_0006
Felicidades.
IMG_0005



Restaurante DOC
Chef: Rui Paula
Estrada Nacional 222 Folgosa do Douro
5110-204 Armamar
Tfno: 254 858 123
Móbil: 910 014 040
Enderezo-E: doc@ruipaula.com

Web: Restaurante DOC
Web: Chef Rui Paula
GPS: 41º 9’ 6”N 7º 40’ 56”W
Localización en Mapas de Google
Revista Wine: 4,7/5
Mesa Marcada: 25 puntos, lugar 15º
BCBM Expresso: Garfo de Ouro
Michelín: Mencionado
José Silva: Destacado
No meu estudo dos Restaurantes do norte de Portugal ocupa o segundo lugar, unicamente superado polo Largo do Pao, cunha mención máis.

Etiquetado en: , ,

Translate »