restaurante açude en ponte de lima. madeira e auga.

Aprendín de novo aquilo de que hai que dar ao César o que é do César, así que vaia por diante que descubrín este Açuda de Ponte de Lima grazas ao meu compañeiro Lino. Resultou ser unha desas recomendacións que debes agradecer, cando menos, cunha mínima mención.

_10908012 _10908011

O Restaurante Açude está en Ponte de Lima, do ‘outro’ lado da ponte e do río, nunha beira felizmente adicada ao lecer, con piscina, camiños para pasear, zonas de descanso, bar, restaurante…, e, en especial, esa zona de xardíns onde, anualmente e entre maio e outubro, celebran o Festival internacional de jardins.
Estivemos hai un par de anos e asegúrovos que é unha ledicia.

Xardín de Coia 26

Dicir que o xardín que hai en Coia, diante da igrexa do Rocío, procede do Festival e é un agasallo de Ponte de Lima aos vigueses.

_1090794_1090785

Entrando xa en fariña, o primeiro argumento en favor do Açude xira arredor do contorno e da propia estética do local.
O edificio está en plena natureza, a dez ou quince metros da auga do Lima, terreo que se converte nunha lixeira pendente de césped que acaba no mesmo río e que invita a unha boa sesta para facer a dixestión.

_1090749 _1090752

O material indiscutible do edificio, e como non podía ser menos para adaptarse ao medio, é a madeira. O comedor principal, no primeiro piso, é unha longa galería onde todo se transforma en madeira con excepcionais vistas ao río.
Resulta especialmente acolledor e agradable. Único para gozar con calma dunha comida tradicional, para compartir unha boa parolada, para demorarse interminablemente co café e o chupito.

_1090760_1090758 

A carta é tradicional da zona; vai desde unha carne con denominación propia (Posta à Açude), o Cabrito Assado, ou o Arroz de Pato à Antiga, ata un Arroz de Sarrabulho com rojões (fin de semana) que din é unha das estrelas. A proposta de peixes tamén destaca: os bacallaus (com Broa ou á Lagar), o Arroz de Tamboril, o Polvo à Lagareiro… e, como non, os peixes de río en tempada, un Sável com Arroz de Debulho ou o que pasa por ser outro dos distintivos da casa, a lampreia.

_1090762

Un aspecto a ter moi en conta no Açude son as entradas. Primeiro, sáense un chisco do común e da simple tradición, e, segundo, vén á mesa unha rapaza cunha bandeixa con todos os pratiños do día e ti elixes pola feitura e as explicacións da moza; o tradicional queixo, orella en vinagreta, favas con fumados, polvo, ovas, cogumelos, camarão, as inevitables pataniscas de bacalhau, algunha salada…

_1090767

Saltamos os entrantes e imos directos a un magnífico bacallao con broa. Trátase dunha espectacular posta para os dous, servida con pataquiñas asadas e brócoli. A posta, dunha altura considerable, acerta cen por cen co punto de sal; a súa separación en lascas é impresionante, á brancura inmaculada, a preparación… En fin, un resultado certamente único.

_1090771 _1090768

A oferta de sobremesas caseiras de novo sensacional. O máis puro e empachoso Portugal (os Pudim, Abade de Priscos e Prior de Miranda), as froitas (ao natural, en macedonia, as peras bébedas, a mazá asada…), os queixos, o bolo de bolacha, baba de camelo, leite creme, mousse de chocolate, etc.

_1090774_1090778

Carmen a tarta de galleta e eu o pudim prior de Miranda (o tradicional, cun toque a coco e con pasas salteadas). A cociña dos doces, na liña dos salados: realmente especial, cunha cualidade moi destacable.

Boa oferta de viños portugueses das distintas denominacións de orixe. Pedimos un discreto branco da cooperativa.
Servizo correcto aínda que ás veces cae un chisco na morosidade da paisaxe. 
Cos cafés pagamos vinte euros cada un, que en proporción coa comida, non está nada, nada mal.
Un restaurante, sen ningunha dúbida, moi recomendable.

Restaurante Açude
Arcocelo (Centro náutico)
4990 – 150 Ponte de Lima
Tlfn-Fax: 351 258 944 158
Móbil: 351 925 017 856/7
E-Electrónico
Web
GPS: 41º45’55"N   8º35’29"W
Localización e Mapas de Google
BCBM: Si
Tripadvisor: 2º de Ponte de Lima (o que máis valoracións ten, media 4,5)