redescubrindo acio

Tivemos a fortuna de coñecer Acio nos seus anos mozos.
Xa daba que falar pero non como agora, que está nun momento no que alcanza cotas de máxima proxección. Este 2013 que xa remata foi para Iago Castrillón e Eva Pizarro un ano máxico, en especial no Madrid Fusión.

3a0861ed2a761f425e98c68c0e7a074a

Nunha primeira ocasión fomos ao grande e probamos un –daquela aínda asequible- menú de degustación. Lembro que quedamos flaseados.
Logo alabamos a súa decisión –aínda innovadora nestes nosos lares- de incluír na proposta un menú diario –Menú expréss en Acio-, unha opción moito máis que recomendable para o día a día en Compostela.

fotocicloxenese

Hoxe, aproveitando a visita de Alfonso e José, tocaba a unha comida do tramo medio, da carta. Cómpre dicir que non escollemos o mellor día. Para un restaurante que basea a súa oferta no mercado do día, poucas datas haberá máis nefastas que un 26 de decembro…
Ou quizá si. Este 26 de decembro de resaca do vendaval-temporal de toda a vida, si, ese que agora deron en bautizar como ‘cicloxénese explosiva’.

A carta ficaba claramente resentida: nada de peixe e nada de verduriñas frescas. Malia todo, menos mal que fomos cedo, o comedor estaba completiño.

Restaurante Acio 2

Abrimos cunha tapa especialmente deseñada para estes días: unha reinvención do bacallau con coliflor: unha crema con tropezóns e un aire de escuma por riba. Evocadora e deliciosa.

Restaurante Acio 3 Restaurante Acio 5

De entrada tiramos pola Ensalada morna de verduras e paspallás escabechado e a Menestra de setas con ovo de curral e zume de ave. Ben. Eu teríalles agradecido unha chispiña de alegría –no meu caso, o paspallás, unhas pingas de acidez-.

Restaurante Acio 6

Fabas de Lourenzá con setas de tempada e Roial de lebre con marmelo caramelizado. As fabas, a falta das setas de tempada, con bacallau. Quizá mellor. Son fanático do bacallau e esta potaxe estaba fantástica.

Restaurante Acio 7
Restaurante Acio 9
Restaurante Acio 8

Lembraba doutras ocasións a boa man de Iago Castrillón para as sobremesas e a verdade non saín defraudado. Milfollas moi aireada de mazá con crema pasteleira; Laranxa de Valencia, brownie de laranxa, xeado de azar, picado de sanguina….

A miña milfollas exquisita. As ‘mil follas’ son de mazá cristalizada, a base, unha masa follada boísima e a crema… Da mestura só podo dicir que aínda a teño o sabor no padal.

Unha boa comida, asequible de prezo (40 euros por cabeza), e na que unha parte do éxito chegou da man do viño que escolleu Alfonso.
Esencia de Fontana, selección. Un DO Uclés, 100% tempranillo. Un viño moi rico, moi redondo, moi agradable, deses que anima a tirar por DDOO menos comerciais.