raiando a perfección en yayo daporta

Despois dun arrechuchón que puido chegar a ser serio, hoxe regresamos ao campo de batalla.
E nada mellor que facelo na compaña dun grande.

Aproveitando un Groupon (ver Pepe Vieira), reservamos para o xoves 31 de xullo, día no que, casualmente, empeza a festa do Albariño. Alá para as dúas e media o comedor estaba ao completo.

Yayo Daporta 01

Para abrir as papilas, un impactante Cóctel de albariño en dúas texturas e temperaturas (xeado e picado no fondo, e escuma morna por riba); non se lle pode pedir máis; ten de todo; beleza, sabor, oportunidade, texturas, temperaturas…

Yayo Daporta 02

Seguimos coa Terrina de foie sobre pan de regalicia e Empanada aberta de sardiña da Real Conserveira. Servidos ao tempo sobre pizarra; dous bocados incribles, cada un no seu estilo; sorprende a base de empanada coa cama de zaragallada clásica e a xoubiña en lata por riba.

Yayo Daporta 04
Yayo Daporta 05Yayo Daporta 06

Na Breva recheada de tartare de atún con sopa fría de allo porro e alfábega, atopamos un novo e marabilloso contraste de texturas e temperaturas.

Yayo Daporta 07

Mexillóns en tempura sobre crocante de arroz e algas coa escuma da súa cocción. Nunca fun de mexillóns, pero bocados como este fan cambalear as propias esencias.

Yayo Daporta 08

Xurelo grellado co seu propio mollo e xudías, ovas de pez voador e wasabi. O toque afumado e o picante (non excesivo) dan vida a un peixe tan agradecido como maltratado.

Yayo Daporta 09

Pescada rebozada en pan relado groso (o xaponés panco) e ovas de peixe voador e maionesa de (?), para min unha das estrelas do día; se están ben elaborados (que moitas veces vaia por deus…) gosto moito destes rebozados de inspiración oriental; o apoio das ovas vai perfecto.

Yayo Daporta 10

A Faceira de tenreira con crema de pataca e brotes, está ben, correcta, sen estridencias, quizá o preparado máis esperable de todos.

Yayo Daporta 11

Mousse xeada de queixo de tetilla, escuma de marmelo e redución de licor café. Seica é unha das estrelas do momento de Yayo Daporta; e non é para menos! Nun senso diametralmente oposto, moi próximo ao cóctel do principio. Fantástico.

Yayo Daporta 13 

Por fin, a Sopa de chocolate branco con xeado de froitos vermellos e tella de sésamo resulta ser unha deliciosa mestura de doces e agres.

Yayo Daporta 16

Con un vaso de viño para cada un e unha botella de auga (os cafés non puidemos tomalos pois acababa a hora e o coche quedaba en franca posición dos amigos da grúa), creo lembrar que foron 69 € os dous menús completos.
E o mellor do caso, estaban pagados desde mediados de febreiro.

De Yayo Daporta pouco novo queda por dicir. Perfecto. Todo resultou absolutamente perfecto. Yayo está, dos galegos actuais, entre os meus tres ou catro favoritos.

O que si querería insistir na bondade dun modelo ao que nos estamos afeccionando e, sobre todo, na profesionalidade duns craks que, malia ser un menú, digamos, entre comiñas, “de oferta”, non rebaixan nin medio milímetro ningún de todos os ingredientes que os levaron a estar onde están na constelación de grandes cociñeiros galegos.

Chapeu!


Translate »