quinta de san amaro

Cando pos moitas ilusións nun local e logo non dá resposta ás túas expectativas, o batacazo adoita ser morrocotudo. A maioría das veces non será para tanto, pero no momento que che colocas as lentes de aumento, amplificas o malo e caes no erro de valorar con certa sordina os aspectos máis positivos. Que de certo que os hai.
Todos somos humanos, e o que non, que tire a primeira pedra.

Quinta de san Amaro 34

Hai tempo que chegan sinais, cada vez máis intensos, da Quinta de san Amaro, hotel e restaurante en Meaño, así que o sábado alá nos fomos Carmen e mais eu para poder falar de primeira man.

Quinta de san Amaro 32

O día non invitaba ao optimismo, en especial na visita a un local de carácter rural no que os espazos exteriores contan, cando menos, tanto como os interiores.
Ao chegarmos, houbemos de correr directamente ao restaurante sen poder botar unha primeira ollada a nada que non fose o paraugas.

     Quinta de san Amaro 01  Quinta de san Amaro 02

A primeira impresión, mailo día, é que entramos nun espazo luminoso, alegre e moi acolledor, acollemento que se confirma co trato que recibes en todo momento. A segunda é que aquí nin sobra nin falta nada, a percepción de que detrás de todo este entramado -concepto, decoración, detalles- hai unha man con especial sensibilidade.

Quinta de san Amaro 05     Quinta de san Amaro 06

Comedor no seu xusto tamaño, semellando pequeno e familiar, é quen de acoller unha mesa con doce comensais, outra de cinco, un par de parellas e aínda deixar espazo para catro ou cinco mesas preparadas para os máis remolóns. E aínda así, moito, moito aire para respirar.
A gran cristaleira, que abre o espazo aos viñedos de Meaño por dous dos laterais, semella unha das claves; outra, as cores, moi claras, en tons pastel que, lonxe de empapuzar e unidas ao resto da decoración, crean un ambiente que evoca a Provenza, especialmente apropiado para o concepto que intúo se pretende. E, xa por fin, eses detalles: o centro de mesa, as lámpadas, os cadros, mantelería bordada a man… e, por riba do demais, ese toque de viveza e clase que dan as pezas salpicadas, aquí e acolá, como soltadas ao chou, da vaixela de La Cartuja.

Quinta de san Amaro 09       Quinta de san Amaro 12

A carta é ampla, variada, con prevalencia da cociña internacional pero sen descartar algunha pincelada enxebre.
Oferta de viños suficiente, cunha énfase especial para este privilexiado contorno no que está a Quinta. Inusual oferta de botellas de 3/8 e proposta de comodidades para levarnos no peto o que non bebamos.
Pedimos unha botella pequeña de Luís Cañas, crianza de 2008, Rioja alavesa que dá un rendemento moi superior ao prezo. Servido un pouco frío de máis.

Quinta de san Amaro 19

De primeiro compartimos un foie con redución de Pedro Ximénez. Ben. O que é, nin máis nin menos.

Quinta de san Amaro 20
Quinta de san Amaro 22     Quinta de san Amaro 23

De segundo, Carmen unhas brochetas de pixín e lagostinos (con acompañamento de pementos asados) e eu unhas cocochas en salsa verde (con patacas fritidas).
As cocochas están fantásticas, a ración é familiar e dou conta de toda ela sen pestanexar; as sopas de pan no mollo e as patacas acabadas de fritir de xeito maxistral (todo conta e neste caso de que maneira), confirman un prato clásico que había tempo non comía con este nivel de execución.
Carmen eloxia as súas brochetas dicindo que de ningunha maneira as cambiaría polas miñas cocochas.

Quinta de san Amaro 24   Quinta de san Amaro 25

De sobremesa compartimos unha selección de doces da casa: torta de queixo con marmelada de froitos vermellos, xelado de mandarina e tiramisú de chocolate. Os tres moi bos, de ter decantarme, quizá polo sabor e suavidade da tarta de queixo.

Quinta de san Amaro 14

Pagamos 40 euros cada un. Os dous coincidimos en que, se ben estamos na fronteira do prezo medio-alto, non nos parece caro. Comida máis que correcta nun ambiente espectacular que, como todo, hai que valorar.
Atendendo ao meu particular criterio, e contando con todo o que aínda nos falta por coñecer no Salnés, estou certo de que si, de que volveremos acompañados dalgúns dos nosos amigos.
A única mágoa é que non ofrezan o Taller de Cociña (baixar co chef e o sumiller a comprar ao mercado, cociñalo con eles compartindo parolada e un viniño, e logo papalo) se non é dentro dunha oferta con durmida. Seguro que para máis de un -e penso en Pepe, en Luz, en min mesmo…-, sería unha festa completa.

Quinta de san Amaro
Rúa de san Amaro 6
36968 Meaño
Teléfono: 986 748 938
T-Móbil: 630 877 590
E-Electrónico
Web
GPS: 42º26’48”N   08º47’11”W
Localización en Mapas de Google
Michelín: Si

Posted in pontevedra, restaurantes, salnés and tagged , , , .