QUE VERGOÑA!!!!!

Pasaron dez anos xustos desde que Viviana Cardona –cociñeira colombiana– gañou o VI Campionato de tortilla de patacas de lomejordelagastronomia.com
Díganme se non é unha auténtica vergoña. Houberon de pasar dez anos para dar comprida resposta ao compromiso de visitar La casa de las 5 puertas.

La casa de las 5 puertas 05La casa de las 5 puertas 03

Sobre a base dunha casa de finais do século XIX no casco vello de Pontevedra, a rehabilitación-decoración pretendía manter a esencia orixinal da tradición cun aporte de novidade. Granito e madeiras orixinais fronte a paredes enteiras pintadas na cor granate que identifica ao restaurante. Mínimos elementos decorativos agás unha importante e colorida colección de gravados de artistas galegos do século XX.
Resultado moi satisfactorio; diferentes comedores, pequenos e acolledores, coa pretendida mestura de tradición e modernidade. O noso comedor, o principal –cheo as 2.30–, ampla cristaleira a pequeno xardín que, ademais de luz natural, aporta un plus de cor e satisfacción.

La casa de las 5 puertas 07La casa de las 5 puertas 11

A carta, suficiente e variada, xoga coas racións de picar –non en van Las 5 puertas autodefínese como ‘viñoteca’– e os pratos para unha comida de corte máis tradicional. Nas entradas están as racións que poden acompañar ao viño (ensalada especial, ensalada de bacallau, croquetas, revolto de mazá e foie, ovos rotos…) e nos apartados de peixe e carne ofrecen unha mestura de racións para compartir (o polbo –á feira ou gratinado con queixo san Simón– ou a croca con verduriñas e patacas fritidas) fronte a pratos como as cocochas de bacallau en mollo verde, o peixe do día segundo mercado, o solombo de porco ibérico con puré de castañas ou o entrecosto de tenreira laminado con ovos, patacas e pementos asados.
Moi destacable carta de viños para dar fe da vocación vinícola, e algo que nos tempos que corren se agradece nun restaurante: serven o viño por copas.
Bebemos dúas copas de Austum (Ribera do Douro) e un auga grande.

La casa de las 5 puertas 13

Como vén sendo habitual cando existe a posibilidade, facemos un pequeno menú para compartir.
Comezamos polos Espárragos verdes gratinados con mollo de queixo. Moi bos. O espárragos no seu punto, ao dente; mollo base semellante a unha bechamel cun aire de tomate e o queixo para gratinar por riba. Nalgún momento o queixo, moi suave, pérdese no mollo.

La casa de las 5 puertas 14La casa de las 5 puertas 15

A ansiada tortilla, coas peculiaridades propias, responde ao mérito de ser, no seu momento, a mellor de España.
A tortilla é moi fina e pequena; esaxerando un pouco case pasaría por unha tortilla francesa de pataca; sérvena nun prato de sobremesa. A pataca, partida en dadiños moi, moi pequenos, é boa e rica, saborosa en si mesma no conxunto da tortilla. Trátase dunha tortilla do modelo ovo pouco callado –e tamén pouco batido– e é así que resulta zumarenta, rica en contrastes, aveludada, en fin, unha delicia.

La casa de las 5 puertas 16

Filloa recheada de peixe sapo e lagostinos con mollo biscaíño.
Dentro da liña dunha cociña internacional e burguesa dos anos 60-80 do pasado século. Resulta moi sutil, saborosa, moi agradable; acertada elección a do arroz branco como acompañamento. Dá a talla no contexto da comida.

La casa de las 5 puertas 18La casa de las 5 puertas 20

Mais o auténtico bombazo da comida chegaría coas sobremesas. As dúas toman como base o queixo galego aínda que con preparacións e texturas diferentes; un, en forma de mouse, complétase coa mouse de chocolate negro; o segundo, servido en copa, é unha saborosa interpretación do tradicional queixo con marmelo.

Boa comida co valor engadido de que pagamos 21€ cada un.
Indiscutiblemente, para volver.
Quizá unha noite –sen coche– para compartir a tortilla cunha selección de ibéricos e unha botella dun bo viño tinto…

Museo de Pontevedra 09

Claro que para VERGOÑA, a do título da entrada –con maiúsculas e todos os signos de admiración que poidan caber–, vergoña allea pola placa en cuestión.
O novo edificio do Museo de Pontevedra merece unha visita. Paréceme moi logrado o xeito de estar dentro dun edifício do ano 2013 sen perder a sensación de moverte polo casco histórico de Pontevedra (por certo, tamén excepcionalmente rehabilitado e coidado).
Quedará para a posterioridade e as xeracións futuras poderán ler, que a ampliación do museo de Pontevedra foi inaugurado por tres señores cuxo único mérito foi pagar as obras cos cartos de todos os españois, de todos os galegos e de todos os pontevedreses (intúo que, pola parte que lle toca a cada un dos señores en cuestión, os pontevedreses pagaron por partida triple).

IMG_3461IMG_3444
IMG_3473

As xeracións futuras, para saber quen foi o auténtico pai da obra, o arquitecto, haberán de realizar a correspondente investigación en internet. E así descubrirán que non foi un senón dous, Jesús Ulargui Agumuza e Eduardo Pesquera González, do estudo UP Arquitectos.

lagioconda placainauguragioconda

É como se quen pasase á historia da Mona Lisa fose, unicamente, Giocondo esposo daquela e contratista e pagador do cadro. Cantos sabemos, despois do paso do tempo, quen foi Francesco Bartolomeo de Giocondo e que méritos acumula para pasar deste xeito á historia? (agás, claro está, o de ser o esposo de Mona Lisa).

 

 

La casa de las 5 puertas
Avda. Santa María 8
36002 Pontevedra
Tel: 986 851 948
E-Electrónico
Web
Ocupa o lugar 47 entre os 500 restaurantes galegos de C,LE
A tortilla de patacas alcanza un 8,5 en lomejordelagastronomía
Guía Repsol
Recomendado pola Guía Lonely Planet