proxima estrela michelín en compostela?

Paseniño, sen armar moito ruído, Manso está a consolidarse entre as mellores ofertas de Compostela. Bo criterio no deseño e elaboración dos pratos, e prezos, por agora, en niveis razoables.

Restaurante Manso 13

Alberto Lareo define a súa cociña como ‘golosa, rica e con moito fondo, unha cociña na que se cociña, na que hai caldos, que se surte da praza de abastos e de pequenos produtores locais, que dá valor ao que tes cerca e tamén ao que chega de fóra’ (Guia Repsol). E todo, dando un revolcón ao local e á propia cociña do vello Anexo Vilas. Todo un reto. Menú do día (17€), Menú gastronómico (60€) e carta.

Na carta podemos atopar, para comezar, suxestións como a Xarda afumada e mariñada con brotes frescos de marisma (15€), o Salpicón de centolo e boi con aguacate (18€), as Cocochas de bacallau (16€) ou o Steck Tartar de vaca galega con foie á brasa ((20€).
No tocante aos pratos, están os peixes (Pescada á brasa con papada asada, pil pil de guisantes e pemento asado (20€) ou o Fideo e bogavante á brasa (25€), e as carnes (Bacoriño á brasa con ñoquis, boniato e raíces (20€), a Cabra, guiso tradicional revisado (17€) ou o Magret de parrulo asado e afumado en mollo Hoisin e bambú (20€).

Restaurante Manso 3 Restaurante Manso 5

O desfile comeza cuns snacks: a sopa de fiúncho e o Paté de sardiña con pan sardo. Moi prometedor comezo. A sopa, case escuma, delicada, saborosa e moi agradable ao padal; o paté rico, rico.

Restaurante Manso 12 Restaurante Manso 10

De entrante compartimos unha xenerosa ración de Tempura de lagostinos e espárragos trigueiros con maionesa de lima. Moi ben; a tempura crocante envolve perfectamente os lagostinos e os espárragos no seu punto. Mágoa que algún bocadiño illado estea un chisco pasado de sal.

Restaurante Manso 17 Restaurante Manso 26

De pato principal, unha Lubina á brasa á ‘beurre blanc’ con cítricos e acelgas, e o Bacallau á brasa cos seus calos guisados, caldo de maniñas de porco e garavanzos. O mellor, sen dúbida, o punto de preparación dos peixes: perfecto. O envoltorio, moi sútil e delicado para a lubina e moito máis rompedor e dominante (pero delicioso) o bacallau. Tamén notei un pouco salgado de máis o guiso dos calos do bacallau (mais non o propio bacallau, que esta no punto exacto).

Restaurante Manso 31 Restaurante Manso 34

Nas sobremesas decidímonos (non era doado) pola Milfollas de cereixas e a Crema de chocolate Dulcey, limón e abelás. Tamén podería ter sido o Aguacate, iogurt e limonada cítrica (6€) ou a Torrada de brioche caramelizada, toffee de yuzu e xeado de nata (6€). Acertamos plenamente pero seguro que con calquera das outras opcións o éxito tamén estaba garantizado. A miña, o chocolate, unha conxunción perfecta de contrastes que se van apegando pouco a pouco ao padal.

Con auga, dúas copas de Ribera do Douro e café pagamos 41 euros cada un. Nos tempos que corren e cos prezos que hai por aí adiante, coincidimos en que o prezo estivo ben, razoable, sen pasarse.
Restaurante moi recomendable, a ter en conta e a seguir na súa evolución.

Quiza a próxima estrela Michelín en Compostela?
Era o título dun comentario que lin por Internet adiante.
A verdade, e dende o meu particular punto de vista, Lucía Freitas e a súa Tafona están un chanzo por riba de Manso. Claro que Alberto Lareo é moi novo e ten moitísima proxección e percorrido por diante; polo camiño que vai, seguro que chegará, só é cuestión de madurez e limar pequenos desaxustes (como xa apuntei nun par de momentos, hai que coidar un pouco ese punto de sal nalgúns bocados).

Manso
Alberto Lareo

Avda de Vilagarcía 21
15706 Santiago (A Coruña)
881 959 657
GPS: 42.872488N  8.551833O
mansorestaurante.com
Facebook
Cociña: galega, de mercado
Prezo: menú do día 17€, menú degustación 60€, prezo medio 45€
Peche: domingo noite, luns
Guía Repsol
Guía Michelín