profeta na túa terra. comer en vigo

O de hoxe pretende ser un sonoro mea culpa e un claro auto-tirón de orellas.
Despois de cinco anos e medio nas ondas, onte, por primeira vez, botaba de menos unha análise do que se move na gastronomía de Vigo.
Hoxe mesmo teño entre as mans a reportaxe sobre Comer no norte de Portugal segundo as guías. Onte, era a Guía das guías gastronómicas de Porto. Máis atrás no baúl, un Mapa dos furanchos do Salnés, e a selección de Os 100 restaurantes galegos de CLE. Botando man á historia deste blog atopo as seguintes reportaxes de locais de Vigo, pero ningunha análise que nos dea unha visión xeral.

Visto así, e aínda que contundente, triste vagaxe para falar da túa terra.
Prometo unha enmenda en breve.
E mentres, e para abrir boca, a nosa comida de onte en La central.

amordiscos lumedecarozo lacontentajuanita laconsentida

Andabamos polo casco vello (ambiente espectacular para un día espectacular despois de moita choiva), e, sen referencias, pedimos consello a Alba. Deunos varias opcións (Juanita, La contenta, Lume de carozo, A mordiscos, La consentida…), todas moi apetecibles, pero a recomendación pillounos, xusto, na praza da Constitución e entramos en La central.

LaCentral 03

Estamos nun local dividido en tres espazos. Un inferior (barra, mesas e terraza na praza) que funciona claramente como bar; un intermedio, coa cociña vista, unha gran mesa central e outras máis pequenas arredor; e a xoia da coroa, o desexado, o luminoso comedor superior.

LaCentral 08 LaCentral 13 LaCentral 14
LaCentral 12
LaCentral 17

Os tres espazos manteñen unha unidade decorativa que resulta, simplemente, espectacular. Sobre a base dun estilo industrial (vigas e tuberías, pintadas ou co propio metal á vista), amalgama de obxectos (aparentemente) inconexos pero que forman una unidade estudada ata o mínimo detalle. Detalles de natureza viva e dominancia de madeira en mobeis de clara inspiración no deseño nórdico dos anos 60. Para min, que me encanta este estilo, unha ledicia. Globalmente, local acolledor, apetecible, suxerente, alegre, moi, moi agradable.
Algo que sempre envexei dos restaurantes portugueses, o sentido e a man de profesionais na decoración, semella que está a funcionar, tamén, deste lado da fronteira. Moi boa nova.

Son as dúas da tarde dun sábado, no espazo inferior non se move un alfinete e o libro de reservas está bastante completiño; conclusión, tócanos o espazo intermedio, algo máis escuro pero igual de cómodo e agradable e co extra de poder controlar o que se move na cociña.

LaCentral 02

Seica moitos dos locais do Casco vello de Vigo están pensados para compartir tapas e racións pero, ademais, hainos como este Central que completan a carta con segundos pratos de gran consistencia.
Algúns entrantes son o Carpaccio de entrecosto de vaca madurada e en rolos, o Tiradito de peixe manteiga, aceite de café e froita da paixón, a Táboa de queixos ou a Cecina de León, foie e trufa.
Entre os pratos principais, unha pequena exposición de fusión de cociñas do mundo cun importante espazo para o produto local: Ravioli de gambón e boletus, Arroz meloso de pato e shitakes, Tartar de atún vermello chipotle e pan de arroz, Tartar de solombo de anello, Magret de pato hummus de castañas e ñoras ou Kebab de ibérico con mollo allilimóllili, e sen esquecer a Pescada de anzó con risotto de codium e plancton, a Chuleta de vaca curada na brasa, con vitelotte, ceboliñas e romesco ou a suxerencia segundo a lonxa do día.

LaCentral 20

Despois da tapa de cortesía do día, e seguindo a orientación do camareiro, comemos compartindo catro entrantes:

LaCentral 21
Foie, tostas especiadas e froita seca.

LaCentral 22
Croquetas de queixo azul DO Prestes, mollo de tamarindo.

LaCentral 24
Ovos 63º, migallas, panceta e trufa.

LaCentral 26
Tempura de polbo e maionesa de wasabi

No tocante aos entrantes, cociña fácil e resultona na que o único risco está na ensamblaxe das importacións e os sabores.
Tapas que dan a talla. Agás a maionesa de wasabi, que se queda a medio camiño e non me resulta agradable ao padal, o demais raia a unha gran altura. Cada sabor no seu estilo, todos están moi ben e de ter que decantarme por algún prato faríao pola textura das croquetas, o punto de cocción e o rebozado do polbo, e, como prato en conxunto, o ovo.
Haberá que probar se manteñen o tipo nos pratos fortes, algún deles con bastante máis delicadeza e precisión na elaboración.

Oferta tentadora de sobremesas (Torrada de brioche con xelado de iogur búlgaro, Trío de chocolates, Crème brûlée con froita silvestre) pero como nos pasamos coas racións (en xeral son xenerosas) xa non queda espazo.
Con cervexa, un vaso de tinto Ribera do Douro e un auga, pagamos 29€ por cabeza.
Está ben. Semella un pouco caro para ‘comer de tapas’, pero vista a calidade da cociña e os prezos considerados individualmente (e tamén o feito de comer no corazón da modernidade e a moda de Vigo) non hai para tanto. Os entrantes están nos 9-12€ de media, os pratos arredor dos 15 e as sobremesas entre os 4,5 e os 6€.

La Central
Praza da Constitución 8
36002, Vigo
986436466
www.lacentralvigo.com
GPS: 42.238750N,  8.726052O


Translate »