que veinte años no es nada…

  Por: Pepe Fernández

Na nosa familia hai moito “alacrán” e por iso estes días andamos de celebración en celebración, é dicir, de chea en chea. Desta volta tocoulle a vintena do primoxénito (tranquilo Anxo, que “veinte años no es nada” como di o tango de Gardel) e decidimos achegarnos ata Moaña para xantar no restaurante Prado Viejo. Trátase dun hotel-restaurante moderno que na súa publicidade ofrece “una cocina ecológica regional elaborada con productos de su propia huerta, así como postres caseros”.

carta_648x600

O comedor resulta moi acolledor, tranquilo, con poucas mesas, decoración minimalista e con gusto; boa luz grazas ao branco das paredes e a dous amplos ventanais. Recíbenos Tino, o propietario, un “gran” home, de trato excelente e con ganas de agradar. Antes de entregarnos a carta xa nos pide desculpas por non dispor de moito produto, xa que el mesmo se encarga de comprar no mercado e non contaba con moita xente nestas datas. É certo, a carta non é moi ampla. Segundo el nos explica teñen tres ou catro pratos fixos, que hai tempo que lle veñen funcionando ben e logo complementan con produtos do mercado de tempada.

la foto_774x600     la foto6_800x535

Pedimos dúas entradas para compartir, unhas zamburiñas á prancha que estaban deliciosas, no seu punto; e un salteado de cantarelus con xema de ovo que se deixaron comer ben.

año1_484x600  bonito1_448x600  solomillo_650x600

Logo pedimos cadanseu prato, dúas de cabrito ao forno, un solomillo con prebe de pementa branca e un bonito á prancha. Como se ve pratos tradicionais, ben elaborados e con bo produto. Tino presume dos produtos da súa horta, traballada polo seu pai; a min quedoume pena non probar os chícharos con ovo da casa que tiñan unha pinta excelente.

escuma_469x600  sobremesa1_496x600  filloas_482x600

As sobremesas foron quizais o mellor, tomamos unha escuma de iogur, dous doces de chocolate, unhas filloas recheas con sorbete de framboesa e de agasallo tróuxonos unhas “cañitas” recheas. Todos e todas probamos de todo, teño serias dificultades para decantarme por algún deles, estaban todos bos. Na liña do resto dos pratos, elaboración coidada pero sinxela ou sinxela pero coidada, e con resultado final agradable.

caniñas_372x600

Acompañamos a comida cun Somontano, “La miranda de Secastilla” do 2009, saboroso, grato, sedoso, aínda que creo que debería ser decantado xa que gañou despois dun tempo aberto.

Co resto das bebidas e cafés pagamos arredor dos 35 € por barba, prezo que considero correcto, xa que foi unha comida correcta nun ambiente agradable.

Prado Viejo
Ramon Cabanillas, 16,
36950 Moaña
Tfno.: 986 31 16
Web

E-Electrónico
Localización en Mapas de Google
Os 100 de c,le: Posto 24 de toda Galicia
Guía Michelín: Bib Gourmand
TripAdvisor: 6º lugar