posta en valor dun clásico

Posta en valor dun clásico. Falamos de Roberto, en Vedra, un local que co paso dos anos logra manter o tipo cun nivel moi alto. Cociña galega con toques persoais.

2000-04-29-Vedra-Roberto

Lembro a nosa visita a Roberto alá por abril de 2000, xusto no momento de máxima popularidade dun local que, fiel ao seu creador, nunca foi demasiado mediático. Lembro aquela comida con algunhas zonas de sombra… vénme á cabeza un bacallau demasiado salgado… pequenos detalles que fixeron que puxésemos en corentena a estrela Michelín da que viña gozando desde 1996 (e que aínda mantería ata o 2003). Co paso do tempo, e a confirmación de hoxe, quero pensar nun mal día (ben por parte deles… ou ben pola nosa).

DSC00036

A comida de onte fixo que a memoria empezase a dubidar de si mesma.
Certo que o restaurante vive fóra do mundo (a 10 km de Compostela pero certamente lonxe da civilización), certo que o persoal non é o paradigma da amabilidade (o propio Roberto é quen agora goberna en sala), certo que en inverno o espazo exterior non loce coma noutros momentos do ano, certo que o interior estaba un chisco frío de máis…
Pero non é menos certo que no momento decisivo Marcos Crespo segue o ronsel do pai e ofrece unha cociña de produto, tradicional, sinxela, sen espaventos pero moi efectiva.

ComedorBiblioteca

Imaxe da propia web restauranteroberto.com

O local resulta atractivo. Unha vila de indianos de principios do século pasado arrodeada dun xardín moi, moi galego. Interior rústico, clásico, fermoso. Varios comedores con carácter propio (en especial o mítico ubicado na biblioteca). Tócanos, quizá, o peor de todos: o espazo central aberto a todos os demais e que, en días coma hoxe, e ao principio da comida, pode resultar algo frío de máis. Logo o restaurante foi enchendo ata colgar o cartel de completo e foi collendo un calor humano que fixo que a segunda parte da comida (tamén as viandas… e os viños…) resultase bastante máis agradable.
Servizo correcto pero seco e frío de máis, distante, sen sorrisos, sen concesións.

Carta bastante ampla con pratos de éxito que veñen dos vellos tempos (Vieira sobre fondo de puré de patacas, 12€), e outros absolutamente tradicionais (Polbo á feira, 12€, Chocos guisados con arroz, 12€). Peixes (Bacallau ao forno 15€, Pescada á galega 15€) e Carnes (Solombo 18€, Lombo de cordeiro 18€); na maioría dos casos con preparacións e acompañamentos de tempada (entre os acompañamentos reinan os cogumelos).
En carta hai un Menú de mercado (tres entrantes, prato a elixir entre o bacallau a pescada e o entrecosto, e a sobremesa do día) por 30€ persoa, e o Menú do cliente de 40 (catro entrantes da carta, un peixe/carne entre os da carta, e o variado de sobremesas).
Apostamos polo Menú do cliente (máis que nada polo variado de sobremesas) que resultou ser un pouco excesivo; tería chegado perfectamente co Menú de mercado.
En todos os casos hai maridaxe de viños que inclúe un branco e un tinto por 7€ persoa; pedímolo e resulta ser un 7 cupos, Ribeiro branco de 2015, e Finca Cuarta, Ribeira Sacra tamén de 2015. Mellor o branco, pero en ambos casos sen límite: as dúas botellas quedan na mesa durante toda a comida.

DSC00005DSC00014DSC00018DSC00024

De entrantes pedimos o xamón, as zamburiñas, a ensalada morna de lagostinos e verduras e a vieira ao Albariño. Os catro moi saborosos, pero postos a prescindir, para meternos no menú de mercado, prescindiría do xamón. As zamburiñas cun chisco de tomate e ao forno; a ensalada sensacional; a vieira no seu punto, saborosa e co delicado toque do Albariño. Moi ben.

DSC00028

Para o prato os dous pedimos o San martiño con verduriñas que volve a estar a un altísimo nivel.
Como vedes, nada de concesións, todo nunha liña moi clásica pero respectando ao máximo as dúas claves do éxito: produto de primeira e técnica exquisita.

DSC00032

Ao final, o previsto: 40€ o menú e 7 os viños. Como vos dicía, poderiamos ter pasado perfectamente co menú básico (10€ menos por cabeza).
Se pasamos por alto os pequenos detalles mencionados e nos centramos exclusivamente na comida, estivo a un nivel moi alto e o prezo paréceme bastante equilibrado. Digno dunha nova visita alá pola primavera.

Casa Roberto
Marcos Crespo

Cibrán 17, San Xián de Sales
15885, Vedra, A Coruña
981 511 769
www.restauranteroberto.com
GPS: 42.812676N,  8.512457O
Cociña: Tradicional, galega.
Peche: Domingo noite, luns.
Prezo: 25-40€.
Guía Repsol


Translate »