porque non so de peixe vive o home

Nin tampouco a muller.
Mesmo se o fan desde unha illa.

AIlla-CondoSol

O Con do sol, na Illa de Arousa, non engana; defínese como churrasco e, xa desde a estética, podemos descubrir un churrasco á vella usanza: amplo comedor con toques de asado castelán, chan de baldosa e serraduras, mesas amoreadas, manteis de papel verde sobre branco, ruído, voces, balbordo…, o fume das brasas que non acaba de callar ata que non te ves fóra.

Churrasco Con do sol 01Churrasco Con do sol 03

A primeira sorpresa, a primeira transgresión das normas de churrasco, na primeira folla da carta: “Tintos que son siempre un acierto”, e concreta: Valduero crianza, reserva e reserva 6 anos, con cadansúa puntuación Parker: 92, 93 e 94 puntos respectivamente. Para rematar a portada, un aforismo filosófico do mesmísimo Aristóteles: “O que ten alma distínguese do que non a ten polo feito de vivir”.

O resto da carta, por certo, bilingüe, extenso e sen sorpresas. Bastantes entrantes (estes en consonancia coa súa condición illeira: polbo, luras, zamburiñas, lagostinos, ensalada…); algúns peixes preferentemente na brasa (bacallau e espada) mais tamén á galega (pescada).
E, logo, claro, as carnes. Con predominio para a tenreira e o porco (costela, segredo, chuleta, churrasco, criollo…).
O resto, sobremesas (boa oferta) e outros viños. Pedimos un mencía caseiro (7€) que, a verdade, pode ben co seu bouquet.

Churrasco Con do sol 04

Empezamos por unhas croquetas variadas: polo, xamón e marisco. Caseiras e moi, moi saborosas e finas; os tropezóns e a cor anuncian ás claras o ingrediente que se confirma no sabor. Pagan a pena.

Churrasco Con do sol 11Churrasco Con do sol 12

Compartimos un variado de carnes para dúas persoas (25€).
Churrasco de tenreira e de porco, segredo ibérico, picantón, criollo e pincho moruno.
Todo abundante (diría que abondo para tres comellóns de bo dente) e todo rico.
O chimichurri, á parte dun punto de cor, dá unha alegría comedida aos poucos bocados que resultan máis secos.
De sobremesa, un par de xeados de pau que nos comemos paseando polo Vao.
Total, 23€ por cabeza.
Para repetir e para levar de cando en vez ás visitas á Illa.

Con na IllaRochas na Illa 02

 Para rematar animándovos a visitar a Illa de Arousa, deixo unha pequena galería dos famosos cons da Illa. No tocante ás semellanzas, que a imaxinación de cada quen procure as súas.

Cons na Illa 10
Con do Crocodilo 02

Churrasco Con do sol
As Aceñas, 3
36626  A Illa de Arousa
986 199 645 / 625 027 584(3)
GPS: 42º32’50.4”N   08º51’58.1”W
Localización en Mapas de Google