polbo con ameixas

A casa da Crega, en Caldebarcos, Carnota, ofrece unha típica carta de especialidades mariñeiras centradas no produto. Servizo correcto e prezos, sen pasarse, á altura da calidade da materia prima.

Casa da Crega 2

A única referencia previa era a mención no artigo de Jorge Guitián El sabor del fin del mundo (Condé Nast Traveler, 20 de abril de 2021), que levaba, como subtítulo, Un percorrido pola Costa da Morte cos sabores do Atlántico como guía (alí “onde o termo Cociña Atlántica cobra todo o seu significado.” Logo, xa nas entrañas do artigo, escribe: “A Casa da Crega, na parte alta do pobo (Caldebarcos): a empanada que fan nesta casa ten sona, así como o seu salpicón de centola. A partir de aí, hai que lanzarse de cabeza ao mar, porque o que teñen é local e saben preparalo. Percebes, camaróns, navallas. Quizás un sanmartiño (pez de san pedro) ou unha palometa vermella. Poida que un sargo, máis humilde pero tan saboroso como os seus parentes máis custosos”.

Coma sempre, a recomendación de Jorge Guitián non fallou.

Entramos polo bar, acceso a un pequeno comedor sinxelo e discreto, e terraza exterior cuberta algo máis ampla pero hoxe, co dioivo que vai fóra, non resulta moi apetecible.
O comedor non ten pretensións pero resulta agradable.
O servizo especialmente amable e dilixente.

A carta, ben resumida por Jorge Guitián, non ten segredos. Mar, mar e mar.
As navallas, a 15€, Ameixas á mariñeira, 19€ ou gambas na grella 14€.
Sanmartiño, 29€, Cabracho 19€, Coruxo 30€.
O arroz con lumbrigante, especialidade da casa, 32€.
Se ao mar lle sumas un par de especialidades para carnívoros (Pa de año, 32€, Solombo de tenreira 19€, Redondo de tenreira 9€) a festa é completa.

A carta de viños é moi digna para un local desta categoría. Sen ser excesivamente numerosa, si pode satisfacer diferentes niveis de preferencias. Nós pedimos auga e dúas copas de Mencía.

Casa da Crega 4   Casa da Crega 7

Ante a falta da empanada da casa (7.50€), tiramos polo segundo buque insignia: un sorprendente prato de Polbo con ameixas.
Despois de cocer o polbo ao xeito tradicional (con mazadura, susto, cobre, cebola, e o que faga falla), quéntase o aceite de oliva nunha cazola de barro, dóuranse uns alliños laminados, bótase o polbo en rodelas e as ameixas e cócese a lume forte; cando as ameixas abran, rectificar de sal e botar chile ao gusto. Remexer coa auga que van botando as ameixas e servir moi quente acompañado dunha xenerosa ración de pan).
O resultado dun clásico preparado ao allo aplicado á mestura de ameixas e polbo, ademais de sorprendente, é espectacular.

Casa da Crega 9   Casa da Crega 13

Os arroces pasan por ser outra das grandes especialidades da Casa da Crega. Decidímonos polo mariñeiro (19€ persoa). Efectivamente, un dos arroces máis ricos en bastante tempo. A ración é abundante e leva, para cada comensal, un puño de ameixas e outro de berberechos, un par de navallas, media nécora, un par de lagostinos de bo tamaño e uns poucos máis pequenos. Paga a pena manchar os dedos para chuchar en todos eles.
Arroz saboroso, ao dente e no punto.

Casa da Crega 18

Boa selección de sobremesas caseiras (e biolóxicas): torta de queixo ao forno, torta de chocolate da avoa, iogur con arandos.
Compartimos un xeado de chocolate con framboesa que está moi rico; defende con honra a calidade media da cociña do local.

A Casa da Crega é unha clara opción se andas polo fin do mundo e queres saber a que sabe.
Non é mel, pagamos 34.50€ cada dun, pero paréceme un prezo axustado ao que comemos.

A casa da crega
Caldebarcos 155
15293 Carnota
981 762 543  /  685 547 735
GPS: 42.850794,   9.122588O
casadacrega.es
Facebook
Cociña: tradicional
Peche: domingo noite
Prezo: 35-50€