pequenos bocados para unha gran comida

Pronto haberá tres anos desde que publicamos aquel estudo sobre Comer no norte de Portugal segundo as guías (agosto de 2010).
Tres anos pode ser un mundo no tocante aos gustos e modas.
O restaurante do norte de Portugal que posiblemente ocuparía o primeiro lugar a día de hoxe, o restaurante do Yeatman Hotel, daquela nin existía.

Restaurante Bocados 01

Despois de sacar á luz o ranking elaborei o meu propio listado de restaurantes con alta presenza en guías gastronómicas marcados coa urxencia dunha pronta visita.
Non eran moitos. Se acaso tres ou cinco. Pero tiña que coñecelos xa.
Así ‘caeron’ dous hoxe imprescindibles, o Ferrugem e o Flor de Sal.
O terceiro en prioridade, do que cada vez escoitaba máis e máis referencias, era o restaurante Bocados, de Ponte de Lima, unha opción moi atractiva, pero de connotacións propias e, como veremos, moi particulares.

 Restaurante Bocados 15

Tentámolo dúas veces e ata hoxe non o conseguimos.
Si, esta é a primeira característica do Bocados: é imprescindible reservar.
Eramos seis (nós, Pepe, Luz, Merce e Luis) e viñamos de pasar a noite de São Joaninho en Porto.
Non vaias por alí ‘a ver que pasa’ porque resultará inútil e só acumularás decepcións; nós tentámolo ata en dous ocasións (dous sábados ao mediodía) e en ambos casos saímos co rabo entre as pernas pois non estaba nin aberto.

Restaurante Bocados 03Restaurante Bocados 04 

Segundo aspecto a ter en conta. O Bocados non ten carta. Desde o momento que reservas, ponse en marcha toda unha maquinaria para seleccionar o feixe de produtos de tempada que a cociñeira, e dependendo das motivación desa mañá, preparará en forma dos seus bocados do día.

 Restaurante Bocados 11Restaurante Bocados 08

Terceiro punto a destacar. O menú é atípico.
Non se trata do habitual esquema entrante-prato-sobremesa. Non. O modelo está formado por un número variable de entrantes en racións pequenas (‘bocados’), un prato principal e sobemesa.
Hoxe a nos tocounos un menú de seis entrantes, dous pratos fortes e a sobremesa.

 Restaurante Bocados 13

E catro. Cando visites o Bocados tómao con calma. Sabes a hora de entrada pero descoñeces por completo a hora na que vas saír.
O mencionado esquema de comida, o local pequeno e moi agradable (algo así como o salón da familia na casa na que ti es un convidado), o contorno (estamos no rural de Ponte de Lima cun fermoso xardín arredor, o reloxo, aquí, é secundario)… e por riba de todo a calor, a entrega, a proximidade, a palabra fácil e documentada de José António, o propietario.

Restaurante Bocados 14 

A filosofía de José António Cunha e da súa muller, María Palmira Fonseca, ao mando dos fogóns, era a de ofrecer aos seus clientes un longo paseo pola gastronomía minhota a base de ‘bocados’ que permitisen alongar a andaina a base de pequenos pasos.
Cociña tradicional portuguesa con algún retrinco a un modelo de elaboracións máis actuais e evolucionados.

Murcelo 2008 01 Murcelo 2008 02

En Bocados recalan políticos, banqueiros e os veciños do pobo.
José António ten para cada caso o viño máis axeitado. Non en van, a súa adega ten sona e mesmo garda algunha que outra distinción. Ao final deixámonos enganar e comemos cun máis que recomendable Murzelo 2008, un ‘reserva’ do Douro que resulta doblemente fantástico: polo viño en si e polo prezo.

Bocados_Folhado
O primeiro bocado é un Folhado de queijo de cabra com compota de vinhão.

Bocados_Salmon
Segundo bocado: Salmão fumado com salada fresca e azeite e vinagre balsámico.

Bocados_esparragosBocados_espargos
Terceiro: Espargo fresco com pa de porco fumada e maionese.

Bocados_cogumelos
Cuarto: Cogumelos salteados con toucinho fumado.

Bocados_rojoes
Quinto bocado: Rojões.

Bocados_lingua
Sexto: Língua de vitela com favas tenras.

Bocados_bacallao
Primeiro prato: Caldeirada de bacalhau/Bacalhau á galega.

Bocados_porco
Segundo prato: Carne de porco confitada en vinho verde tinto.

bocados_sobremesa
Sobremesa: Bolo de coco com canela e doce de cerejas.

Xa vedes, unha comida pantagruélica, nun local especialmente agradable, co servizo próximo, afable, falangueiro, case familiar de José António… Valores que converten ao Bocados nun local diferente e case máxico.
Cada quen ten os seus gustos e haberá quen lle faría ascos á lingua, ou quen diría que o bacallao estaba un pouco forte ou salgado (por certo, ‘caldeirada de bacalhau’, acláranos o patrón, no centro e no sur, aquí no norte dicímoslle ‘bacalhau á galega’; por aquilo de estar preparado nunha especie de allada, digo eu).
Todos os pratos nunha liña moi homoxénea, a que defende a parella propietaria nos seus presupostos: cociña tradicional portuguesa, con produtos de mercado e boa elaboración, sen estridencias nin altibaixos; difícil destacar un prato, por arriba ou por abaixo. De ter que facelo, apostaría pola exquisitez dos bocados de salmón e ensalada e pola textura, polo sabor, pola tenrura, pola perfección da carne de porco confitada. No extremo contrario, e tamén obrigado polas circunstancias, apuntaría o bacallao, e neste caso por comparación, digamos, co orixinal galego.

Restaurante Bocados 18Restaurante Bocados 10

Nestas ocasión é un luxo engadido contar cos comentarios de Pepe. A súa memoria de aromas e sabores está moito máis estimulada que a de calquera de nós. Fainos ver, por exemplo, a homoxeneidade do follado, en especial o regustiño a ‘adega’ que queda na boca despois de chuchar na compota e o contraste extremo co queixo de cabra. Tamén destaca a preparación e resutado final das fabiñas. Defínenos, un por un, a especie e valor de cada cogumelo…

Experiencia excelente, sen fisuras, claramente para repetir. Pode resultar especialmente agradable en grupo. E non esquezades as premisas: reservar, ir ao que se lle ocorra a María Palmira nese día, e calma, moita calma para gozar de cada un dos bocados que, xuntos, forman unha gran comida.

Bocados Restaurante Bistró
María Palmira Fonseca Lima Pereira 
Lugar de Carreiros, Arca.
4990-207 Ponte de Lima
Tfn: 351 258 942 501
E-Electrónico
Web
GPS: 41° 45′ 50.10"N   8° 33′ 50.94"W
Localización en Mapas de Google
Revista Wine
Boa Cama Boa Mesa
Restaurantes de Portugal-José Silva: Destacado (Net-Menú)
TripAdvisor: Nº 3 de 23 restaurantes en Ponte de Lima


Translate »