peixe nunha cabana de pescadores

A Cabana (Apúlia) é un restaurante de praia e mar: peixes e mariscos basicamente na brasa, con variedade, calidade e a prezos tirando a baixos, nun ambiente agradable e auténtico.

POR-Esposende-ApuliaACabana

A do restaurante A Cabana (Cevodem-Apúlia-Esposende), é unha historia de ida e volta. É un deses locais da guía Tascas e Petiscos do Expresso.
Na nosa entrada dedicada ao distrito de Braga, chamou a atención de Luis, fiel seguidor destes comentarios e compañeiro en moitas das escapadas gastronómicas arredor da Illa. É de fiar. Así que, despois das fotos e reseñas que nos mandou por whatsapp, alá nos presentamos.

Restaurante A Cabana 14

Antes de comezar, cómpre algunha que outra matización.
Primeira, non é doado de chegar; accedendo pola ICI (agora A28), hai que dar un par de reviravoltas. Fiádevos das coordenadas GPS ou tomade como referencia a praia de Apúlia. En moitos lados aparece como Esposende, e, en efecto, está no concello de  Esposende, pero do outro lado do río Cávado, ao sur de Ofir, camiño de Póvoa e tamén a pé de praia.
Segundo punto a destacar, o lugar é turístico e gastronómico; no verán debe resultar imposible. Ao arredor da Cabana hai non menos dunha ducia de locais dun perfil similar; o día en cuestión, un mércores calquera, día hábil en Portugal e festivo en Galicia, estaba ata a bandeira e cunha considerable lista de espera (a marioría portugueses pero non poucos galegos). O resto, case todos os restaurantes veciños, baleiros ou cun par de rebotados de A Cabana sen paciencia para esperar (como dicían as nosas avoas, ‘algo terá a auga cando a bendicen’).

Praia de Apulia 4Praia de Apulia 13

Terceira cuestión: o entorno é absolutamente idílico. Praia típica da costa atlántica portuguesa do norte, moi longa, con pasadizos de madeira para acceder á praia e o resto vedado no afán de recuperar as dunas, uns típicos muíños dan cor e aínda máis vistosidade á paisaxe… E iso si, como ocorre en toda esta costa, e maila gozar dun sol espléndido, sufren dun vento que asusta aos cabelos. En todo caso reservade tempo para un paseiño antes ou despois da comida.
Catro. Estamos, ante todo, nun templo do peixe. Quizá o mellor da zona. Con moitos elementos en común con outros vellos coñecidos de toda a liña da costa de Valença a Porto. O Solar do pescado de Caminha, Os verdes lírios de Áncora, A tasquinha de Linda en Viana, Os Segredos do mar en Castelo de Neiva… Peixes e mariscos en estado puro, en moitos casos acabados de coller polos pescadores veciños, traballados de forma sinxela e exquisita e a prezos bastante máis que razoables.
Quinta. Carnívoros, non desesperedes! Ademais de peixes e mariscos, algúns entrantes, ensaladas e carnes na grella.
A sexta norma a ter en conta, fundamental, é que reservan só a medias. Dada a demanda que hai case que a diario, funcionan por esa típica modalidade portuguesa que é a ‘marcação’: segundo chegas vas entrando nunha lista cun tempo aproximado de espera; un rato antes de que che toque podes pedir o que vas comer e así, no momento de sentar, comida e comensal chegan xuntos á mesa. Se chamas con antelación para reservar, non garanten a hora exacta das túas pretensións, pero iso si, no momento de chegares pasas ao primeiro lugar da lista.
E, xa por fin e como oitavo aviso, ollo!, ide preparados pois non cobran con tarxeta.

Restaurante A Cabana 30 2Restaurante A Cabana 33 2

O local non é grande e resulta abigarrado, con moitas mesas e moi xuntas, podes acabar sentado, non con outros comensais, pero case; sen pretendelo, podes chegar a formar parte da conversa dos teus veciños do mesmo xeito que eles poden coarse na túa. Decoración hiperrecargada, moi ao gusto portugués, con motivos mariñeiros e, en andeis superiores, a exposición dos viños da carta –por certo, unha selección máis que aceptable para o que sería de esperar nun local destas características–.
Trátase dun restaurante familiar e iso percébese no trato; hai proximidade, atención, confianza, algunha que outra brincadeira…, os camareiros cantaruxan polo baixo, ou non tan baixo, mentres atenden cun magnífico humor e a unha velocidade vertixinosa.

ACabanaCadrada

A carta é completiña. Entre os entrantes, o caldo verde (1.75€) ou o chouriço frito (2.5€). Ensaladas variadas (de pemento, de leituga, mixta, de tomate, ‘Cabana’…), a 4€ de media. Variedade de mariscos a maioría a prezos ‘razoables’ (agás a sapateira recheada, que é prezo por unidade, 19€, o resto son prezos por quilogramo): os lagostinos, a 35€ quilogramo, as navalheiras a 18€, santola, 20€, ‘santiagos’ a 35€, e, iso si, o camarón da costa a 65 € o quilogramo (un luxo asequible: para dúas persoas, un puño de auténticos camaróns poden saír por 15€).
Os peixes son grelhados e acompañados de batata cozida e legumes; hainos de ración (raia, 17€ ración e 9 media ración; polvo, 30€ e 15 a media dose; ou o bacalhau, tamén 30 e 15€; nestes casos, a ración é para dúas persoas e a media é a dose individual), e tamén peixes segundo o peso (o robalo a 29€ o quilogramo, o rodovalho a 30, o sargo a 27, a dourada a 27…).
Turno para os arroces: destaca o de mariscos a 26€ a ración (para dúas persoas), e 15€ a media dose; tamén hai un de gambas com tamboril (23/13€), ou os mesmos lagostinos e peixe sapo pero en ‘massada’.
E, xa por fin, as carnes, tamén ‘no churrascão’, e neste caso acompañadas con patacas fritas; ‘ración completa’ ou media ración. A costeleta de vitela (15/8€), a costelinha (16/9€), o frango (13/7€), lombo de boi (25/14 euros)…

Restaurante A Cabana 11   Restaurante A Cabana 34 2

Seguindo a recomendación de Luis e Flori, tiramos pola parrilhada de peixes para dúas persoas (29€). Nas fotos podedes gozar dela antes e despois de pasar pola grella.
Segundo a carta a parrillada leva raia, polvo, salmão, dourada, robalo e lulas, pero na práctica vemos que as lulas se converten nunha espetada de gambas e lulas.
Polo que vemos ao redor, o chourizo frito, a espetada e o arroz de marisco son as estrelas da casa.

Restaurante A Cabana 44 2 Restaurante A Cabana 38 Restaurante A Cabana 55 2

A parrillada resulta fantástica. Os peixes, naturais, mantendo o seu sabor característico, a mar en cada unha das súas variedades, cos leves toques do fume da brasa, sen aditivos innecesarios (só a espetada e o polvo, cunha lixeira vinagreta por riba); exactos no seu punto de lume, exactos en cantidade de sal, en fin, a un gran nivel en todos os aspectos. A única diferencia na valoración resulta do gusto persoal de cada quen: un pode ser máis de dourada ou de polvo, do sargo ou das lulas, e o de máis alá do robalo ou da raia…

Sao Lourenço 18Sao Lourenço 21Sao Lourenço 46

Co pan, dúas cervexas, a cunca de olivas negras e media ducia de lagostinos de entrante, unha sobremesa (torta Comtessa de menta, nata e chocolate), e un café, pagamos 21€ por cabeza. Mire por onde se mire, un restaurante máis que recomendable.
E está aí ao lado, entre Viana e Porto. Para unha excursionciña no día e, entre outras infinitas opcións, completar a xornada cunha visita ao castro de São Lourenço, ao casco vello ou a arquitectura contemporánea de Viana ou, simplemente, a procurar unha ganga no Outlet de Vila do Conde.

Restaurante A Cabana
Lugar de Cedovém
4740 Apúlia (Esposende)
34 661 780 268
www.acabana.net
Facebook
GPS: 41.492167N,  8.783583
Cociña: tradicional, grellados, mar
Peche: xoves
Prezo: sobre 20€


Translate »