outra de furanchos. vistas do albariño e lagar do raposo

A visita a dous novos furanchos (Vistas do Albariño e Lagar do Raposo) vén confirmar hipóteses formuladas con anterioridade: as diferenzas entre a maioría dos furanchos son opinables e mínimas.

Furancho Vistas do Albariño 1 Furancho Lagar do Raposo 2

Na liña de reflexións anteriores (O furancho de Pancho), levo uns días traballando na supervivencia de determinados furanchos que nalgún momento naceron como tales, pero non sabía moi ben se seguían a funcionar ou non, se se reconverteran á normativa ou simplemente desapareceran.
Tentaba, tamén, obeter máis datos que iluminen a miña hipótese xeral de que a gran maioría dos furanchos están nunha liña moi semellante (cuns poucos que destacan por riba e outro puño que non hai por onde collelos); un conxunto maioritario, de tipo medio, no que as valoracións por riba ou por baixo dependen máis de querencias e gustos persoais (ou por mor da valoración dunha única visita que pode responder a un día especialmente bo ou especialmente malo).

O Vistas do Albariño está en Covas na subida ao Outeiro, e nalgún momento foi o coñecido Quirófano. Conta con tres espazos diferenciados: o exterior, un intermedio (cuberto na entrada ao interior) e o comedor de dentro. A carta é, relativamente orixinal. Especificando que se trata de ‘racións para dúas persoas’, e ademais dos pementos (3€), do polbo (12€), ou a zorza con patacas (10€), conta con ensaladas (3€ normal e 5€ mixta), ensaladilla (5€), unhas curiosas albóndigas con patacas (10€) e as non menos inhabituais faceiras con gornición (unidade 2€).

Furancho Vistas do Albariño 3Furancho Vistas do Albariño 5Furancho Vistas do Albariño 9Furancho Vistas do Albariño 10

Somos seis e, despois da empanada de atún que acompaña o viño (boa, das típicas de panadería de antes), pasamos á tortilla grande (10€, -7€ a pequena-; rica, tirando a callada pero zumenta), os chipiróns (8€, na prancha, en seco, pero cun saborciño de fondo típico do encebolado, ricos) e a richada con patacas (ben).

Furancho Vistas do Albariño 12     Furancho Vistas do Albariño 14

Variada oferta de sobremesas caseiras, todas a 2€: mousse de limón, flan con nata, torta caseira de piña… Compartimos dúas tortas caseiras de chocoflan (a típica de galletas) e un tiramisú caseiro. En xeral, boas críticas para as sobremesas.
Con dúas xerras de albariño caseiro e dous cafés pagamos 9.5€ por cabeza.
Globalmente está na media: sen ser un número un, a cociña é boa, pode visitarse de cando en vez ao logo do verán.

Furancho Lagar do Raposo 3   Furancho Lagar do Raposo 6

O Lagar do Raposo, no lugar de Fondo de Vila, en Mosteiro (Meis), pasou da denominación ‘furancho’ á de Taberna típica. Na reconversión, aínda que mantendo prezos, dá un salto cualitativo para facerse diferente a outros. No seu cartón de presentación figura: ‘Cociña tradicional. Viños Albariño e tinto Barrantes. Especialidade en galo de curral, croquetas de vieira e callos’. Ampla terraza cuberta, mesas exteriores e comedor interior. Servizo moi rápido. A carta, ademais das estrelas da casa (o galo 8€, as croquetas 8€, os callos 6€), atopamos unha táboa de embutidos (10€), diferentes tostas (4-5€), orella (4.5€), ensaladas, pincho moruno con patacas (4.5€), ou o polbo á feira (S/M).

Furancho Lagar do Raposo 7Furancho Lagar do Raposo 8Furancho Lagar do Raposo 9Furancho Lagar do Raposo 12

Somos catro e, ademais do acompañamento do viño (empanada de atún, moi rica) e de probar as croquetas de vieira (moi ricas, saborosas, cremosas, triscantes), pedimos a tortilla (8€, rica), un par de ovos fritidos con chourizo (7€, pois iso, ovos con chourizos e patacas) e unha de raxo con patacas e pementos (dous bistés, 4€).

Furancho Lagar do Raposo 13

Boa proposta de sobremesas a 2.5 euros: flan de queixo ao forno con caramelo, torta de chocolate fría, da avoa, flan de ovo ou de café, mousse de limón, mousse de arroz con leite, mousse de queixo con marmelo… Ademais, variedade de xeados caseiros a 3€ (tropical, de mazá e mel, de plátano e noces, de cohocolate branco e uvas pasas…). Probamos unha da torta de queixo fría.
Somos catro, bebemos unha xerra de albariño pequena, auga grande e refresco, e pagamos 9€ cada un.
Ademais da importante oferta, que invita a unha visita ao mediodía para probar algunha desas especialidades, diría que a cociña deste furancho-taberna, e sen perder a perspectiva dos prezos, está un puntiño por riba da media coñecida. Merece a pena.

Por certo, visto que nuns lugares aparece como Cobas e noutros Covas, veño de buscar na Toponimia oficial no Nomenclátor de Galicia e o nome oficial e correcto é con ‘V’ e non con ‘B’; ou sexa, a parroquia por excelencia dos furanchos galegos é Santa Cristina de Covas, que ten os lugares de: A Aldea de Abaixo, A Constenla, A Igrexa, O Outeiro, Ratón e Vista Alegre.

Furancho Vistas do Albariño
Outeiro 8, Covas
36638 Meaño (Pontevedra)
600 423 991
Facebook
GPS: 42.475282N,  8.777089O
Cociña: tradicional, furancho
Prezo: 10€
Peche: domingo noite (Facebook: aberto todos os días de 13 a 15.30 e de 19.30 a 23.30)

Taberna Típica Lagar do Raposo
Fondo de Vila 2
36637 Meis (Pontevedra)
680 477 889
Facebook
GPS: 42.525638N,  8.707136O
Cociña: tradicional, furancho
Prezo: 10€
Peche: luns; de martes a xoves ao mediodía


Translate »