osushi, unha sona xustificada

Tras o meu fugaz bautismo xaponés en Góshò, sigo a recoñecer o meu analfabetismo respecto á cociña xaponesa.
Era tempo, pois, dunha segunda lección, e para iso había que procurar un bo mestre, un local realmente significativo.
E, despois de mergullar por Internet, atopo que a elección resulta máis doada do que a priori semellaba: Osushi, en Vigo.

Vigo-Osushi-tarxeta

E, senón, ollade algunhas das perlas que se escriben por aí adiante:
Oh Sushi!: un bo xaponés en Galicia (por fin!) (CapítuloCero, Manuel Gago).
Oh Sushi: probablemente, o mellor xaponés de Galicia (Pantagruel, Supongo; Manoel Foucellas).
Á hora de comer sushi en Galicia teño claro que o meu favorito é Oh Sushi! (Laconada, Xosé Manoel Ramos).
O xaponés máis solvente que ten habido xamais en Galicia (Diario del Gourmet de Provincias y del perro gastrónomo, Jorge Guitián).

Oh Sushi

O local, nunha ubicación pésima, case na avenida de Madrid e a carón da estación de autobuses, ten un interior especialmente agradable. É entrar e deixar atrás a calor agoniante destes días de xuño, o cemento, o balbordo, o ruído, a desproporción nas referencias…
Con zona de mesas e a sushi-barra, Osushi é un restaurante sobrio, sinxelo, cálido, moi na liña do que disque é a decoración oriental.
Tamén é de agradecer o trato do servizo. Ante o noso descoñecemento (e, imaxino, do noventa por cento dos clientes que pasamos por aquí), a actitude básica é de orientación e información, nunca, como adoita ocorrer en demasiados casos, de educación, imposición ou adoutrinamento.

Tentando facer un breve percorrido axeitado aos nosos gostos, e sempre guiados polo camareiro, optamos por unhas Gyozas de carne ao curry, un par de Niguiris de atún e outros dous de vieira, un Tiger Roll creo recordar con salmón e filadelfia, e unha tempura mixta –verduras e lagostino–; como sobremesas, un xelado e un cremoso de café. Todo acompañado de cervexa xaponesa e auga.

Snack: ensalada de algas, cenoura, chícharos…
Oh-Sushi-06
Nigiris de vieira e atún
Tiger Roll
Oh-Sushi-10
Gyozas
Oh-Sushi-14
Tempura mixta
Oh-Sushi-17
Sobremesa

Disque a comida xaponesa é coma unha especie de droga: cada vez que a comes gostas un chisco máis dela, e un pouco máis, e máis… ata que chega o momento que, sen te decatar, convertécheste nun adicto.
Direi que, talvez pola variedade ou quizá porque o dito ten algo de verdade, direi que si, que nesta ocasión disfrutei un pouco máis da comida xaponesa que no meu bautizo.
E, si, claro, unha boa parte de culpa tamén ten este Osushi, do que non podo dicir que é o mellor xaponés de Galicia –carezo de referencias, e o único que coñezo– pero si que me gustou moitísimo, como para recuncar en calquera momento.
Respecto ao prezo, pagamos 34€ por persoa.
Atrévome a escribir que está no límite para poder falar dun prezo razonable en proporción ao que comimos; non podo dicir que resultase barato, pero tampouco se me antolla caro; non foi moita cantidade pero sempre está a calidade da materia prima, as técnicas de elaboración, o servizo…

Direi que non se trata dun restaurante especialmente recoñecido polas grandes guías gastronómicas pero que si está no boca a boca popular e, sobre todo, na pluma de todos os blogastrónomos galegos. De feito, na miña análise do ano pasado, e a pesar da ausencia de guías, ocupaba un sobresaínte 39 lugar entre todos os restaurantes galegos.

Osushi
Andrés Medici
Martínez Garrido 83
36205 Vigo
986 294 881
contacto@osushi.es
www.osushi.es
https://es-es.facebook.com/osushi.es
GPS: 42º13’ 23.8N 08º42’32.2”W
Localización en Mapas de Google