os xardíns da poesía en allariz

Nunha vella casa do casco histórico, ben rehabilitada, Boigorri preséntase como unha boa opción para comer en Allariz. Cociña de proximidade con boa materia prima tratada con técnica e meco.

FacebookEmail

Allariz está que se sae.
Pasan os anos e segue aí, coidando e mesmo multiplicando a “milagre Anxo Quintana”.
Nesta ocasión iamos detrás do Festival Internacional de Xardíns.
Primeiro, un sempre agradable ruar por canellas empinadas e angostas.
Logo, un paseo devagar polas beiras do Arnoia simplemente delicioso. Desde a primeira intervención de César Portela, alá pola década dos noventa, non fixo máis que medrar en atractivos.
Sen saír das proximidades do río, o recinto do Festival é, en si mesmo, un luxo da arquitectura paisaxística. Debe a maior parte do seu deseño a Francisco Caldeira Cabral e Elsa Severino, arquitectos que sentaron as bases do proxecto na primeira edición do festival en 2010.
Os Xardíns da Poesía desta edición número once homenaxean a obra de poetas como William Blake, Emily Dickinson, Fernando Pessoa (por partida dobre), do mesmísimo Lorca ou da nosa Rosalía.
O lugar esixe o andar demorado que nós non puidemos dedicarlle (pecha entre 14 e 17 horas) e que nos compromete a unha próxima visita. Unha oportunidade única que conxuga marabillosamente arte e paisaxe, literatura e natureza, flor e palabra.

BoigorriCadrada

A oferta gastronómica de Allariz está, cada vez máis, á altura do resto de atractivos da poboación.
Desde os máis clásicos que seguen aí, dando guerra, como Pallabarro, Tino Fandiño, Portovello ou Acea da Costa, ata os que, con maior ou menor éxito, tentan facerse un lugar nos últimos anos. Pasando, claro está, por ese fenómeno en que se está a converter Cociña Ourense e que ten a Gerson Iglesias (restaurante do Oca Hotel, só noites) como representante.

Busquei información sobre os novos (Fío de Liño, Bule Bule, Petiscos…) e decidímonos pola carta de Boigorri (de boi, símbolo de Allariz e carne destacada do restaurante, e gorri, vermello en éuscaro). Está no centro dunha das arterias principais de Allariz, a rúa do Portelo, que une o Campo da Feira co río. É unha casa histórica, como a maioría das da vila, de fachada estreita, bastante profundidade e dúas alturas. No baixo, cociña e bar, cunha barra mínima e unha soa mesa. Nos primeiro e segundo andar, comedores; ademais, no primeiro, ao fondo, un pequeno patio interior cunha mesa que semella de luxo. Decoración moderna respectando o entorno e a tradición; o local resulta moi agradable e acolledor.
Mención moi especial para a rapaza que nos atendeu. Dilixente, servizal, amable, sempre pendente de que a nosa visita fose a mellor posible (nun local que cara ás tres, estaba ao completo). Baste dicir que ante un prato (Solombo de porco ibérico de landra á brasa, verduras e molho de queixo do Rexo), e ante o comentario de quizá lle faltaba algo de contraste na gornición, ofreceu melloralo cunhas patacas fritas primeiro, e cunha crema de pataca que foi a que puxo o prato no seu lugar.

A carta non é longa. Cada vez desconfío máis das cartas demasiado longas.
Para comezar, Steak tartar de tenreira vianesa ecolóxica (10.5€), Coca de sardiña afumada, queixo Feijoo con emulsión de ramallo de mar (9.85€), Táboa de enchidos de porco celta (14€), Degustación de queixos artesáns con noces eco e sorbete de mencía (12.5€) ou os Roliños de chacina recheos de mousse de foie con redución de viño Mencía (15.5€).

Entre os peixes, un Bacallau ao pilpil (16€) ou o Peixe sapo á brasa (24€).
A raza autóctona vianesa é a protagonista das carnes. Costela de tenreira galega á brasa (16.5€), Costela de vaca galega maduración 60 días (41€/Kg), Picaña á grella (13€), Magret de parrulo á grella con mollo de laranxa e froitos vermellos (20€), Arroz de boi de Allariz, shiitake Trives ao seu alioli (30€ dúas persoas).

IMG_20210703_141912087

Comezamos compartindo o Escabeche de xarda afumada con vinagre artesán. Escabeche branco; estraño punto de vinagre (para min punto clave dos escabeches) que agrada tanto aos máis parcos como aos avinagrados; a xarda ben embebida pero mantendo a propia esencia. Gustoume, moito; as verduriñas de acompañamento, tamén no escabeche, contrapunto perfecto ao peixe.

IMG_20210703_143711095

O xa mencionado Solombo de porco ibérico de landra á brasa, verduras e molho de queixo do Rexo que acabou acompañado de crema de patacas nunha combinación moi destacable. O solombo, no seu punto; é dicir, no punto en que lle gusta a cada quen.

IMG_20210703_143735981

A faceira de vaca ao Mencía sobre crema de pataca trufada e shiitake. Cada vez gusto máis destas carnes que chamo ‘sucias’, moi lonxe dos tacos de carne magra pura e dura, das chuletas ou chuletóns. A min gústanme o xarrete ou estas faceiras que se podían untar en pan; tenras, melosas, desfanse na boca cun interesante sabor da redución de Mencía. A crema de pataca, suave, moi cremosa, contrarresta con eficiencia a forza da carne e o viño.

IMG_20210703_151729929     IMG_20210703_151827343

Sobremesas. Tarta de queixo cremosa (5.85€), Coulant de chocolate con xeado artesán (5.85€), Vasiño de tres chocolates, terra de cacao e froitos vermellos (5,85€).
Tiramos polo Leite fritido e acaramelado con xeado de crema de whisky e a Masa de follado recheo de crema de manteiga con xeado artesán.
Fóra de que calquera dos dous estaban que se saían, quero destacar o empratado. Se en todos os casos foi esmerado, nas sobremesas resulta espectacular, máis propio doutros prezos.

Porque con caña, copa de Mencía, auga e café pagamos 29€ por cabeza. Non está mal. É desas veces que sen poder afirmar con rotundidade que se trata dun local barato, saes satisfeito da relación calidade-prezo.
Restaurante moi recomendable.
E fixádevos nese detalle dos saquiños de azucre conmemorativos do Festival de Xardíns.

FACE Restauración Sen Glutem Logo

Por último, salientar que Boigorri conta co distintivo Face Restauración.
Face Restauración é un proxecto da Federación de Asociacións de Celíacos de España mediante o cal establece un convenio de asesoramento, supervisión, revisión de instalación e formación do persoal con os restaurantes interesados, e que garante que o restaurante con todos os requisitos para persoas con enfermidade celíaca.

Boigorri
Alberto Fernández

Rúa do Portelo 12
32660, Allariz (Ourense)
988 688 604
GPS: 42.189466N, 7.800785O
www.boigorri.com
Facebook
Face Restauración
Cociña: produto, tradicional
Prezo: 30€
Peche: Luns; domingo noite