os mellores restaurantes de galicia. resultados

Antes de pasar ao listado completo dos 100 mellores restaurantes de Galicia (elaborado coas matizacións realizadas en Os mellores restaurantes de Galicia. Fontes e en Os mellores restaurantes de Galicia. Metodoloxía), quero comezar cunha serie de consideracións xerais.

100mellores

– O primeiro aspecto que chama poderosamente a atención é que, globalmente, o listado tende a equilibrar as recomendacións das distintas guías.

– Se collemos os 10 primeiros restaurantes do listado, oito teñen algún sol Repsol e seis estrela Michelín.

– Hai dous restaurantes que se coan no cadro de honra dos dez primeiros sen merecer a beizón de ningunha das dúas guías, son Artabria e A Mundiña, os dous en A Coruña. Isto ocorre porque, sen acadar mencións especiais, están nos catro listados. Artabria, en concreto é o 4º restaurante mellor valorado polos usuarios de TripAdvisor.

– A falta de recoñecemento de Michelín a determinados locais galegos xa é clásica e perfectamente documentada. Galileo (Santa Baia, Pereiro de Aguiar), ten dous soles Repsol que, unidos ao recoñecemento do público xeral, fan que ocupe o lugar 8 de toda Galicia. Para Michelín apenas merece a distinción de ‘lugar especialmente agradable’.

– Outra mención salientable, neste caso quizá por ser o máis novo entre os dez primeiros clasificados, é para Culler de Pau (O Grove). É o terceiro restaurante mellor valorado en toda Galicia por parte dos usuarios de TripAdvisor, recoñecemento compartido por Repsol (1 sol), pero non pola Michelín, que simplemente o inclúe na guía.

– Son sete os restaurantes cun Sol repsol que non chegan ao cadro de honra dos dez primeiros. D’Berto (O Grove) e Nito (Viveiro) (13), La Oca (Vigo) (17), Casa Pardo (A Coruña) (19) e A Rexidora (Bentraces, Barbadás), El Refugio (Oleiros) e Bóveda (Carril-Vilagarcía) (os tres no 28).

– Os tres casos máis significativos de discrepancia global son Alfredo (Mos) e Ana e Dos Reis (Santiago). Os tres teñen Sol Repsol, pero unicamente están nesta guía.

– As catro estrelas Michelín que non dan o salto ao cadro de honra son A Estación (Cambre) (11), Alborada (A Coruña) e As Garzas (Malpica) (15) e Silabario (Tui) (18).

– Entre os 10 restaurantes mellor valorados polos usuarios de TripAdvisor atopamos unicamente dous no cadro de honra: Marcelo (8º en TAdvisor) e o mencionado Artabria (4º).
No extremo contrario están 5 locais que figuran entre os 10 primeiros de TripAdvisor pero que entran ao noso listado pola quenda de repesca xa que só están nesa lista. (Matías Locanda, Sarria, 1º; O curro da parra, Santiago, 5º; Forno, Noia, 7º; Casa Rita, Baiona, 9º; e A Tafona, Santiago, 10º).

– 77 restaurantes galegos están na Michelín ou na Repsol pero non nas dúas ao tempo e tampouco en Tripadvisor ou Verema. Se exceptuamos os 8 que entran na repesca por ter Sol Repsol ou BGourmand Michelín, o resto non atopan lugar na nosa listaxe.

100mellores

En fin, que cada quen procure as súas propias curiosidades na listaxe completa que, esta vez si, será a próxima entrega.

Posted in guías de restaurantes, restaurantes and tagged , .