os comedores de patacas

Recoñezo que cheguei ao cadro de Van Gogh a través do libro de Manuel Rivas. De Rivas era un admirador, de Vincent Van Gogh, un incondicional, pero aprendín algo novo grazas ao escritor galego. Se ben para min o mellor de Manuel Rivas son os relatos curtos, non hai que esquecer, nin moito menos, novelas como ese monumento que é O lapis do carpinteiro ou este mesmo Os comedores de Patacas. De Van Gogh, todo, aínda que descoñecese este estilo moito máis escuro que o habitual.

os_comedores_de_patacaslos-comedores-de-patatas

Vén todo isto a conto de que, pensando en Os comedores de patacas, deume por alumear unha idea un tanto estrafalaria: todos, dalgún xeito, somos fillos da pataca. Desde que chegou a Europa incorporouse á maioría das cociñas rexionais ata converterse nun produto case imprescindible.
Pero, de verdade ocupa nas nosas vidas o lugar que merece unha nai?
Co ánimo de buscar respostas rescato do fallado un vello libro de miña nai, La Cocina Completa, leva por título, e a sinatura esborranchada dunha tal María Mertaya de Echagüe, para máis sinais, Marquesa de Paravere. Pasei toda unha vida escoitando as bondades culinarias desta boa muller, creo que foi o faro da miña nai e tamén patacadoutras moitas nais da súa xeración; no noso caso trátase dunha sétima edición que ve o mundo en 1951 grazas a Espasa Calpe.
Paso as follas con desleixo e pronto me rendo á evidencia de que aquí non recoñecerei os sabores da infancia, a cociña da Marquesa é como ela, aristocrática, clásica, receitas de alta cociña, pouco que ver coa popular, coa tradicional, coa proletaria pataca.
Malia todo, salto directo ao índice e atopo referencias a máis de cincuenta receitas para reconstruír unhas ruíns patacas á moda da señora marquesa, e cito: Barquiñas  de pataca, barquiñas de pataca á moscovita, barquiñas de pataca á náutica, croquetas de pataca, croquetas de pataca á Delfina, croquetas de pataca á Divette, frito económico de patacas, puré de patacas, puré de patacas sen leite, quenelas de pataca, souflé de patacas, tortilla de patacas á española, patacas á asubiote, á Ana, á berrichonne, á château, á xudía, á lionesa, á maître d’hôtel, á maionesa, á normanda, á panadeira, á parisienne, á Richelieu, patacas ao gratinado delfinés, ao xugo, ao souflé, ao touciño, patacas ás abelás, patacas cocidas, patacas chips, duquesas, duquesas ao queixo, patacas estufadas, fondantes, fritidas, fritidas á inglesa, patacas guisadas con sardiñas, guisadas con verdura fresca, guisadas en salsa verde, patacas palla, niños de pataca palla, patacas para gornición, patacas recheas á Marieta, recheas e gratinadas, patacas salteadas, souflées, patacas Suzette, patacas Suzette ao gratín e, xa para rematar o banquete, as sempre agradecidas pataquiñas asadas para acompañar o cordeiro.
En fin, creo lembrar que miña nai era moito máis sinxela e tradicional e na maioría de todas estas patacas luxosas e un tanto afrancesadas apenas logro recoñecer un par de estímulos para a miña memoria de sabores.

cachelos patacas_murropatatas-alioli

A cuestión de fondo é que, ante tanta pataca, dona María non termina de informar o xeito de cociñar con éxito uns simples cachelos, tampouco unhas castizas patacas bravas, ou un dos obxectos do meu fervor patatil, as portuguesas batatas á murro, tan prezadas polos irmáns-gastrónomos para restar o sal a un bacallau á brasa.
En fin, de cantos xeitos diferentes cociñamos as patacas na cociña popular actual?
Creo que se nos sacan das fritidas, cocidas, asadas, guisadas, en puré, en tortilla, e algunha que outra excepción de carácter familiar, pouco máis imos atopar.
Pero, a que libro de receitas recorrer para manter vivas outras elaboracións tradicionais da pataca? Está claro que o noso non é La Cocina completa da Marquesa de Paravere. Entón, que?, a quen acodimos?
Esta, amigos, é reflexión para outro día.
Quizá para unha mañá de maio na que non caian chuzos como estes que están a caer agora mesmo.

Etiquetado en: , , ,

Translate »