os blogs gastronómicos

Xa o dixo dun xeito inmellorable Another Cow In The Corn

Unha vez que empezamos a mergullar neste mundo virtual da gastronomía galega atopamos unha chea de lugares nos que se fala de restaurantes e viños da Galiza, de receitas tradicionais e modernas, da esencia do bo vivir. Son os primeiros os que nos interesan especialmente… Os restaurantes e os viños galegos… Estes e tamén os de Portugal do norte, punto no que pretendemos diferenciarnos e que, ou ben non sabemos atopalos, ou ben son bastantes menos. Os virtuais, claro, que os físicos son, cando menos, os mesmos.
Co permiso, :), dos seus autores e autoras, na barra lateral incluímos a ligazón directa a aqueles sitios virtuais que, para nós, máis e mellor falan da gastronomía galega.
Bautizamos esta sección de blogs de gastronomía galegos como ‘as fontes’. Ou sexa esas fontes que che poñen diante, na mesa, cheas de bocados exquisitos e que non sabes por cal delas decidirte. Probas un chisco aquí, saboreas outro petisco alá, e ao final acabas por probar todo o que tes diante sen prexuízos nin . Logo mesturas os ingredientes e tentas crear a túa propia receita personal. Xa o din os estudosos: todo está inventado, aos que queremos algo ‘novo’ non nos queda outra que ver o que hai, mesturalo na cocteleira e tentar servilo con novas perspectivas.
Gústame o do Gourmet de provincias… polo que significa e polo que a min me afecta. Eu tamén son un pobre afeccionado de provincias, e, para colmo, de lonxe de onde se coce o pastel aquí na Galiza. Teño catado moitos dos restaurantes que saen nas críticas, claro, algúns deles ata tres e catro veces, pero non podo falar con ningunha familiaridade de Pepe, Marcelo ou Iago… Unicamente os coñezo polas fotos e… pola súa cociña; tampouco creo que sexa conveniente moito máis. Se se trata dun acontecemento de nivel nacional (presentación da páxina Galicia Gastronomía ou do Forum Gastronómico Santiago 2010), teño que fiarme dos blogs gastronómicos como antes me fiaba do xornal; aquí, no sur, estamos un pouco lonxe de Compostela que é onde pasa case todo.
Así que, se quero estar ao día non teño outra que visitar e comer de moitas fontes.