o xantar en as pontes

O Xantar, en As Pontes, é unha casa de comidas de toda a vida. Cociña caseira, trato amable, moita familiaridade, racións esaxeradas e un prezo axustado ao tamaño das racións.

As Pontes 5

Todo galego, antes ou despois, ten que procurar visitar todos os recunchos do noso país. Mesmo aqueles que teñen peor prensa e, a priori, resultan pouco apetecibles. En todos eles, sen ningún tipo de dúbida, vai atopar motivos abondo que xustifiquen a viaxe.
É o caso de As Pontes de García Rodríguez. Estaba no camiño para chegar a Viveiro e decidimos comer alí.
A visita ao pequeno casco antigo, un paseo pola beira do río atravesando as pontes que lle dan sona, a rareza a extinguir dos vellos poboados mineiros, a rehabilitación da vella mina de carbón en lagoa, coa súa praia e o enorme paseo que a percorre en todo o seu perímetro…
E iso, sen saír do casco urbán. Porque, xa fóra, pero dentro do concello, están as Fragas do Eume, cuxa maior superficie pertence, precisamente, ás Pontes. Ou todo o entorno do embalse do Eume, as vistas desde o miradouro de Monte Caxado, os Canedos, etc.

As Pontes En Pezas 21
As Pontes En Pezas 31
As Pontes En Pezas 35

E, por se aínda non atopas suficientes motivos, As Pontes ten, tamén, o seu festival anual de arte urbana: As Pontes en Pezas.
Nas imaxes, e por esta orde, un mural de Sekone que, na súa liña habitual, recompoñe vellas fotografías das xentes do lugar; ou a inconfundible moza de Lula Goce; ou ese Davila, que leva as paredes algunhas das, tamén características, imaxes do seu Bichero.

Para comer, fiámonos das múltiples recomendacións e reservamos no restaurante O Xantar.
Trátase dun restaurante de toda a vida agora rexentado por un mozo colombiano.
Entrar en O Xantar é como viaxar ao pasado. Un comedor con toda a esencia das vellas casas de comida, recollido, impecable, acolledor, hoxe con todas as mesas ocupadas polo que semellan xentes locais. En máis dun caso vese ás leguas que se trata de persoas habituais ás que só lles falta a botella de viño e gasosa coa marca dun día para outro.

Carta cantada con propostas moi apetecibles.
Sopa (4€), Caldo galego (5€), Sopa de peixe (7.80€), Ameixas ao natural (13€) ou á mariñeira (17.5€), Pementos do piquillo recheos (10€), Polbo (18.5€), lagostinos, ensaladas, ensaladilla, tortillas…
Entre os peixes: Rodaballo ou linguado á prancha (22€), Pescada á romana (14€), á prancha (14.5€), á galega (15.50€), Peixe sapo en salsa ou á prancha (19€), bacallau…
Carnes: Cordeiro ao forno (14.50€), Tenreira ao forno (10€), Costela de tenreira (entre 400-500 gr., 18€), entrecosto, solombo, callos…

O Xantar As Pontes 3   O Xantar As Pontes 4

Croquetas caseiras, moi ricas, e as gambas ao allo, saborosas e no punto exacto de picante.

O Xantar As Pontes 5    O Xantar As Pontes 6

Brocheta de peixe sapo e gambas (con pataca cocida e tomate na prancha) e costelas de cordeiro con patacas fritas. Bo produto e execución impecable.

O único lunar…, o exceso das racións.
Será unha constante nesta viaxe: pratos con cantidades excesivas, imposibles para un estómago normal, que acaban subindo innecesariamente os prezos e deixando unha sensación de enchente que desfigura un pouco o alto nivel da comida.
Bebemos auga, non queda lugar para sobremesa, pero si para café, e pagamos 32€ por cabeza. Non é un prezo excesivo pero queda ese regustiño de fartura e a sensación de que menos cantidade implicaría, tamén, menor prezo.

O Xantar
Rúa Fene 35
15320, As Pontes (A Coruña)
981 45 15 53  /  620 31 95 80
GPS: 43.452566N,  7.8508018O
Facebook
Cociña: tradicional
Prezo: 30-35€
Peche: luns; noites

Publicado en acoruña, restaurantes e etiquetado , , .