o victor. un restaurante con evocacións literarias

Coñecín o Víctor grazas a Xavier Baixeras, ao seu Diario de Comidas, un libro delicioso. Xa comentei nalgunha ocasión que é un deses libros que me tocou a fibra, dos que afirmas mirando aos ollos, quen me dese telo vivido!

diario-de-comidas-9788482887685

Foi por abril de 2005 e o día resultou redondo.
Dedicamos a mañá enteira á viaxe e a coñecer Póvoa de Lanhoso, primeiro o centro, o castro, e unha vez alá arriba, o castelo, coas vistas inmensas, coas súas pedras nunha orde tan perfecta que fai irreal a realidade. Antes de achegarnos a comer no Víctor aínda houbo tempo para unha escapada a Vieira de Minho para así deixar constancia escrita de que estivemos alí, tamén para poder reservar todas as horas da tarde para o goce da natureza, Caniçada, Vilarinho das Furnas, São Vento da Porta Aberta, Caldas… Xa a media relaxaremos uns sentidos mentres outros espertan andando a rota dos muíños.
Por certo, nalgún momento da tarde houbemos de traspasar a Portela de Homem e aproveito a ocasión para insistir en que son un deses pobres aluados que non entende nin entenderá a diferenza que establecen as linguas entre, poñamos por caso, este Gerês de aquí e o Xurés do lado de alá, sendo alí e acá cuestión de centímetros, dunha simple e delgada raia.

Restaurante O Vitor1

En fin, o tal Víctor resulta ser un mito, e como tal mito non debe ser nin valorado nin explicado, só aceptado, ou, de non ser animal de crenzas ás cegas, que de todo hai na viña do señor, deixalo a un lado do camiño e nin tocalo.

Restaurante O Vitor2 mapaovictor

Disque se trata do mellor bacallau á brasa de todo Portugal.
Xabier Baixeras cualifícao de primoroso, Mourão Ferreira di del que resulta dourado e saboroso, así como grelhado-assado-no-céu, e por fin Jorge Amado, coa súa prosa sobordada de compromiso e sensualidade dedícalle a loubanza que todo cociñeiro soñaría para el, Não existe país no mundo onde se coma tanto e tão bem quanto em Portugal, Não existe restaurante onde se coma melhor do que nesta pequena casa de pasto, escondida entre vinhedos e flores, na aldeia de S Jõao de Rei…

ovictor

O lugar, por dentro e fóra, é quen de engaiolar os escépticos sen por iso acabar de atraelos á fe; para os amantes, un derroche de natureza, de autenticidade, de puro Portugal.
Aténdenos o señor Víctor en persoa cunha proximidade que che fai sentir como en casa; e a fin de contas é que se trata diso: estamos na súa casa, na que nos sentimos felices, na que nos deixamos enganar pola sabedoría do anfitrión e probamos o Quinta dos Arceprestes que nos ofrece, resulta perfecto para arrastrar o excedente de sal do bacallau, ese delicado matiz que lle dá vida. 
E, xa por fin, do gádido, non sei que podo engadir que non estea dito por outros cun chisco máis de labia ca min, se cadra que non creo que volva probar bacallau á brasa noutro punto do universo, que por sempre quero conservar no padal a memoria desta posta xigantesca co seu chorriño de aceite virxe para suavizar.

bacalhau

Despois de comer, un paseo ata á igrexa desta aldeíña encostada e amábel reforza e condensa aínda máis o sabor do bacallauciño. Gabeo da man de Carmen polas costas arriba e reflexiono que nunca escoitara isto de gádido, pero non sei que pasa pero a voltas con este Víctor asoma por todas partes, Gádido, familia de peixes actinopterixios da orde dos gadiformes, Peixe da susodita familia.
Naquela ocasión (ano 2005), sen entrante, os bacallaos, sobremesas, cafés e o mencionado viño, pagamos 20€ por persoa.

gabriela

Por certo, desde aquel sábado de abril, Jorge Amado, a quen tiña algo abandoado, recuperou o seu lugar de honra nas miñas preferenzas literarias en portugués.
Volvo a vivir nun permanente estado de devecer por Gabriela, polo seu arrecendo a cravo, pola súa cor de canela, pola súa prosa natural e lixeira que inunda todos os nosos poros de pura sensualidade.

Restaurante O Victor
São João de Rei
4830 Póvoa de Lanhoso
Tfno: 253 909 100
Fax: 253 909 101
GPS: 41º37’20"N   8º17,37"W
E-Electrónico
Web
Localización en Mapas de Google
Boa Cama Boa Mesa
Restaurantes de Portugal (José Silva)
Guía Repsol


Translate »