excepcional menú de degustación no tobo do lobo

Excepcional no senso de que Miguel Liboreiro (Melide) ofrece un menú de 8 pases (catro entrantes, peixe, carne, dúas sobremesas) de moi boa cociña galega actual por 32 axustadísimos euros.

O Tobo do Lobo 1

O concepto, saltando as distancias xeográficas, pareceume moi semellante ao de Louro.
Xente nova cunha certa bagaxe detrás, proxectos ambiciosos, dous anos de vida (e que anos!), éxito inmediato, destacados pola guía Michelín co BIB Gourmand, asentados en conceptos moi actuais…, unha idea clara sobre a cociña.
Claro que se de Louro falabamos de cociña local e rexional (Viana de Castelo), no caso de Miguel Liboreiro a cociña é galega, e tamén con doses de interpretación e actualización, e tamén cun exquisito respecto polo produto.

Melide, en domingo de ponte deste que xa están a chamar veroño, lucía exultante. Feira e infinidade de peregrinos. Colas enormes para conseguir un prato de Polbo no Ezequiel ou na Garnacha, terrazas a tope, xentes camiñando ao leilán polas rúas. En fin, vila moi, moi animada.

Nós levabamos reserva e nos presentamos, como reloxos, ás dúas e media.
Somos catro e atopámonos cun local (na rúa principal, a avenida de Lugo, estrada nacional 547, xa na bisbarra camiño de Palas de Rei e Lugo; por certo, rínchanme os dentes cando aínda leo, por exemplo en Google Maps, Mellid). En fin, dicía que nos atopamos cun local amplo, moderno, luminoso, agradable, acolledor; na decoración, moi actual, mandan a gran fiestra, a foto dun bosque moi espeso, e a silueta do lobo que serve de icona ao local. Ao chegámonos, un cuarto de aforo; ao final encheu todas as mesas.

A carta, na liña do concepto, presenta unha proposta acorde coa marca editorial do restaurante: produtos galegos, receitas tradicionais, técnicas actuais, interpretacións creativas do cociñeiro.
Hai un menú diario semanal e o menú de degustación. Todos os pases do menú de degustación (agás un, a empanada) están na carta.
Entre os entrantes destacan unhas Croquetas tradicionais de xamón (9€), Ameixas á mariñeira (14.50€), Boletus salteados, ovo a baixa temperatura, chacina de vaca e améndoas (13€), ou o Steak tartare de vaca rubia galega madurada, xema de ovo e tostas de pan (15€).
Para os pratos principais anoto a Costela de porco ibérico lacada con salsa barbacoa e patacas fritas (17€), o Solombo de vaca (+250gr) parmentier de pataca e verza frita (23€), Costela de vaca rubia galega +45 días de maduración, patacas fritas e ensalada (60€ o quilogramo), ou a Pescada de Celeiro a baixa temperatura, brócoli, crema de apio-nabo e tinta de lura (19€).

A carta de viños é comedida pero suficiente para un profano coma min; dominan os viños galegos e hai botellas para satisfacer todos os petos. Nós acompañamos a comida con dúas botellas dun Algueira que se defende moi ben ante as esixencias dun menú de degustación moi variado, e se axusta moi ben o prezo do menú.

Servizo con ese equilibrio tan apetecible entre proximidade e profesionalidade.

O Tobo do Lobo 5
Crocante de gambón, queixo fresco
e salsa de maracuiá

O Tobo do Lobo 7
Ensalada de remolacha, queixo do Cebreiro,
mousse de aguacate e cirola en vinagreta balsámica

O Tobo do Lobo 8
Volandeiras asadas, mollo de cítricos e miso

O Tobo do Lobo 12
Empanada de tenreira

O Tobo do Lobo 13
Bacallau en dúas coccións,
puré de coliflor acaramelado
e cebola pochada

O Tobo do Lobo 16
Entrecosto de tenreira galega suprema,
maionesa de mostaza antiga,
emulsión de pemento

Ata aquí vedes o que hai.
Para min, todos os pratos a un nivel excelente. Houbo quen, postos a votar en negativo, fíxoo pola empanada (que se demasiado fina a masa, que se desequilibrio entre contido e continente, que se compango algo pasado… Para nada. Eu gustei moi dela.
E como quero falar en positivo, como prato en conxunto decántome polo bacallau; pareceume excepcionalmente traballado e combinado co puré de coliflor e a allada de fondo; tanto na idea como, en especial, na execución. Logo, de ter que votar un segundo lugar, creo que a ensalada de remolacha; os bocados nos que aparecía o queixo do Cebreiro resultáronme simplemente deliciosos.
E iso sen desmerecer o crocante, a salsa de maracuiá, o mollo de cítricos das voandeieras, a reinvención da empanada ou o punto do entrecosto e esa maionesa de mostaza… En fin, toda a comida.

O Tobo do Lobo 17     O Tobo do Lobo 20

Para a sobremesa, dous bocados moi lambeteiros.
O cremoso de queixo fresco, xel de marmelo, noces e queixo Galmesano e o Ganache de chocolate branco, froitos vermellos e follado acaramelado.

Si, dou creto, todo este festín por 32€.
Tanto pola cantidade como pola cociña, pareceunos un prezo non baixo, se non moi baixo.
Coas bebidas e os cafés acaba poñéndose en 37.50€. Unha risa.

O Tobo do lobo
Miguel Liboreiro

Avenida de Lugo 52
15800, Melide (Lugo)
981 507 773
GPS: 42.912813N, 8.008963O
otobodolobo.com
Facebook
Instagram
Cociña: galega actual
Prezo: degustación 32€; 12-40€
Peche: luns, mércores, xoves e venres noite; martes
Michelín: BibGourmand
TripAdvisor: 10º da pronvincia da Coruña
C,LE 2021: Lugar 29 de Galicia