O Tasco regional, en Castelo do Neiva, é un exitoso proxecto que mestura tenda e tasca, bar e restaurante, viño e champarrião, clasicismo e modernidade, táboas con polvo à lagareiro.
Despois da borracheira sensorial de onte, no Euskalduna Studio, hoxe o corpo pedía unha tregua, apetecía un paseíño de vagar por Porto e regresar, con calma, polas vellas estradas portuguesas.
O paseo converteuse nunha persecución voraz dalgúns dos exemplos de arte urbana que tiñamos no círculo no que estabamos (Bonfim). Foi así que descubrimos algunhas pequenas xoias perdidas.
Mensaxes rompedoras non tan anónimas (STRA)
E xa que estamos, deu tamén para unha das miñas teimas actuais na fotografía: fotos que non semellan fotos senón pinturas; pequenas imaxes urbanas que, sen intencionalidade, imitan o mundo da arte.
Quede, como exemplo, este pequeno cadro cubista: a porta en descomposición dunha casa en descomposición na rúa de Santos Pousada. A dexeneración, coa súa fermosura, fronte por fronte á estación de metro do Campo 24 de agosto de Souto de Moura.
Porta da casa rúa Santos Pousada número 79
Debuxo de Souto de Moura para estación de Metro de Porto
Imaxe (:) Souto de Moura, Metro Porto. Fundación Compostela arquitectura, 2014
Quixeron os tempos que a comida nos pillase cerca de Castelo do Neiva, na N13-3, e, a verdade, co corpo máis para un pasatempo que para a restauración dos corpos en sentido literal.
Castelo do Neiva é praza complicada para destacar na cousa do bo comer. Abonda con deixarse caer pola praia e probar un marisquiño ou un peixe acabado de coller en calquera dos restaurantes.
O noso preferido, de sempre, é o Segredos do Mar.
Tiña referencias deste Tasco rexional despois de procurar locais en Viana e arredores; asomaba moi arriba competindo coa oferta do propio núcleo urbano; en TripAdvisor é o número un entre todos os restaurantes de Castelo do Neiva (e, lembramos, non é praza fácil).
O de tasco vén de tasca e, se cadra, cun transfundo aínda máis popular, máis auténtico.
Local moi pequeno, moderno conservando a esencia rural, e ateigado de botellas de viño por todas partes, botellas que, xunto cos produtos da zona, están á venda.
O servizo é amable, directo e moi eficiente.
A carta, alá arriba, escrita no encerado, e como non podía ser menos, rodeada de botellas de viño; é ampla, de fondo tradicional, e, sobre todo, moi versátil, válida tanto para un roto como para un descosido.
Hai petiscos, táboas, pratos de sempre e algúns representantes da gastronomía local, dese mar que aquí é xeito de vida (polvo, ovas, búzios, ameijõas, mexilhão, navalhas, gambas ao alho…).
Entre os petiscos, as moelas (4€), rojões (4€), ovos rotos (10€), prego á Tasco (4.5€), févera á Tasco (4.5€), alheira (6€) pica pau (6€), francesinha (9.5€)…
Táboa mixta, de queixos, ou tamén de enchidos, calquera delas por 13€.
Polvo á lagareiro (17€), bacalhau (16€), posta na chapa (17€), alheira con ovo (8€), pernil (15€), etc.
E entre os petiscos do mar, ensalda de polvo (5.5€), ovas (6€), mexilhão (8€), navalhas (9€), zamburinhas (9€), camarão panado (9€), etc.
Hoxe, ademais, tapa de bacalhau frito (6.5€) ou coxinha de paspallás (8€).
Pedimos uns rissois de carne e outros de camarão, un par de bolos de bacalhau, e a táboa mista.
Todo está fantástico. En especial os fritidos, os rissois e o bolinho, acabados de facer, saborosos, cero graxentos, en fin, un ledicia.
Boa calidade de embutidos e queixos acompañados dun magnífico pan.
De sobremesa, unha boa representación do Portugal máis doce: pudim, tiramisú, natas do céu ou baba de camelo (calquera deles por 3€), e queijo com marmelada (4€).
Con café, dúas copas dun rico tinto do Douro e auga pagamos 16 euros por persoa; prezo ben axustado para o que comemos. Resultou unha comida perfecta para o que procurabamos.
O Tasco regional é un local claramente recomendable para satisfacer padales esixentes en diversas conxunturas. O local é moi pequeno así que convén reservar.
O tasco regional
Avenida Central 2450
(Estrada N-13-3)
Castelo do Neiva
4935-574, Viana do Castelo
+351 258 075874 / 925439296
GPS
Facebook
Cociña: tradicional
Peche: luns
Prezo: 12-30€
Número 1 en Castelo do Neiva en TripAdvisor